O chacolí [1] (do éuscaro txakolin) é unha bebida alcohólica producida a partir de uvas verdes, o que provoca unha certa acidez. As variedades cultivadas son a Hondarribi zuri e a Hondarribi beltza (esta última moito menos estendida). Lixeiramente carbonatado, cunha gradación alcohólica duns 10'5-12º vol. A maior produción céntrase no País Vasco, especialmente nas adegas das localidades costeiras de Getaria e Zarautz, ambas as pertencentes á Denominación de Orixe Getariako Txakolina.
A produción é principalmente de viño branco, aínda que en menor cantidade tamén se producen rosados e tintos. A cor do viño branco é amarelo pálido; en nariz denota intensos aromas a cítricos, herbas e flores; en boca é fresco, lixeiramente acedo e fácil de beber, ten que servirse fresco.
Outrora o chacolí era producido en casaríos ou casas de campo de xeito artesanal, antes de consumilo escanciábase como se lle fai á sidra natural actualmente, isto é debido a que antigamente non se filtraba nin clarificaba. Nos últimos anos varias adegas empezaron a estudar e mellorar a súa elaboración para conseguir mellor gusto e aromas, obtendo viños cun sabor moi satisfactorio.
A súa produción non é moi ampla e é consumido principalmente no País Vasco, A Rioxa, Navarra e Miranda de Ebro estendéndose aos poucos a outras zonas grazas á restauración, aínda que antigamente tamén era producido en zonas de Cantabria e Burgos.