O chile chipotle[1] (tamén chamado de chilpotle, do náhuatl: chilpoctli ou xipoctli, que significa chile afumado) é un tipo de chile (pemento pequeno e picante) que se deixou madurecer até minguar, para despois ser afumado e adubado.[2]
Este produto, cuxo uso transcende o ámbito mexicano, elabórase a partir dun chile e diversos adubos e no seu estado final ten un aspecto marrón avermellado, con aroma moi picante e sabor complexo. Os chipotles pódense mercar enlatados ou a granel en moitas tendas e mercados de México. En ocasións tamén se poden conseguir recentemente preparados, usualmente en adubados con tomate e piloncillo (masa doce de cana de azucre), e en tal caso son zumentos.
Aínda que a variedade de chile máis común para facer chipotle é o xalapeño, tamén se usa o chile mora, o morita e o pasilla.[3]
O cronista Bernardino de Sahagún (misioneiro castelán do século XVI) conta que o chile afumado, chamado tamén daquela pochchilli e hoxe en día chipotle, podíase atopar no mercado de Tlatelolco, na Cidade de México, no século XVI.[2]