Chita é un chimpancé de ficción asociado de forma inextricable a Tarzán, outro personaxe ficticio creado por Edgar Rice Burroughs e que despois acadou sona internacional grazas en parte ás numerosas reversións e interpretacións cinematográficas.
Non obstante, o personaxe de Chita endexamais apareceu en ningunha das novelas orixinais do Tarzán de Edgar Rice Burroughs, e soamente nos seus derradeiros libros aparece un Tarzán acompañado dun mono que recibe o nome de N'kima. Xaora, foron as adaptacións ao cinema as que presentaron o personaxe de Chita, cuxo papel foi interpretado por diversos simios, todos eles falecidos a día de hoxe. Foron xa que logo varios e non un só os monos que interpretaron a Chita como di o xornalista R. D. Rosen[1].
En cada filme de Tarzán, o papel de Chita era interpretado por máis dun chimpancé, dependendo das destrezas que requerise cada escena.
Existe, por outra banda, a falsa crenza de que os papeis de Chita foron interpretados por un único simio, de nome Jiggs, confusión que vén propiciada por unha biografía do animal publicada en 2008, titulada Me Cheeta, na que se presenta a Jiggs coma o único simio que deu vida a Chita na gran pantalla. Porén, malia non ter sido o único, si é certo que Jiggs foi un dos monos que desempeñou o papel de Chita nos primeiros filmes de Tarzán, canda a Johnny Weissmuller[2].