Ciclo tebano

Denomínase ciclo tebano (Θηβαϊκὸς Κύκλος Thēbaikós kýklos) ao conxunto de poemas que, datados na época Arcaica de Grecia (os tres poemas adóitanse datar entre os séculos -VIII e -VII), narraban a sucesión dos acontecementos ocorridos na lenda que ten como eixo central o personaxe de Edipo e a posterior guerra entre tebanos e arxivos.

Os poemas que comprendían este ciclo son tres: Edipodia (Οἰδιπόδεια Oidipódeia), Tebaida (Θηβαΐς Thebaís) e Epígonos (Ἐπίγονοι Epígonoi). Discútese se outro poema perdido chamado Alcmeónida (Ἀλκμαιωνίδα Alkmaiōnída) debe ser incluído no ciclo ou non.

Ningún destes poemas se conservou, e deles só se coñecen uns poucos fragmentos, a partir dos cales pode facerse unha aproximación ao esquema básico coa axuda doutros poemas paralelos ou posteriores e das traxedias da época Clásica.

As traxedias cuxos argumentos están baseados no ciclo tebano son:

Gustave Moreau: Edipo e a Esfinge (Œdipe et le Sphinx, 1864).

Segundo a tábula borgiana, a Edipodia (Οἰδιπόδεια) tiña 6600 versos e o seu autor foi Cinetón de Esparta.

Neala Edipo aparece como abandonado cando era neno polos seus pais Laio (fillo de Lábdaco e rei de Tebas) e Epicasta (Iocasta na tradición posterior) por motivos que non están claros, pero sobreviviu e foi atopado, acollido e criado por Pólibo e Peribea, reis de Corinto, coma se fose o seu propio fillo.

Posibelmente continuase contando como, anos despois, Laio se namora do mozo Crisipo, fillo de Pélope, o rapta e o viola. Crisipo, por vergoña, suicídase. Con todo, algúns estudosos cren que o rapto de Crisipo por Laio é unha innovación de Eurípides e por tanto non debía aparecer na Edipodia.

Entón Hera, chea de carraxe, envía a Tebas á Esfinxe, un monstro, e o adiviño Tiresias aconsella a Laio que faga sacrificios para aplacar a cólera dos deuses pero el prefire ir consultar o oráculo.

Laio parte a consultar co oráculo pero nunha encrucillada do camiño é morto por Edipo (quen ignoraba que se trataba do seu pai) nun incidente.

Edipo logo chega a Tebas e derrota á Esfinxe e como premio os tebanos (ou ben Creonte, o irmán de Epicasta) o elixen rei, casando para iso coa viúva de Laio, é dicir, Epicasta (a propia nai de Edipo, aínda que el o ignoraba). Tras descubrir que se producira un incesto, Epicasta suicídase tras maldicir ao seu fillo.

Edipo segue reinando en Tebas e casa novamente, esta vez con Eurigania e tivo catro fillos: Eteocles, Polinices, Antígona e Ismene.

Edipo morre en Tebas (a diferenza da tradición posterior, que o facía morrer en Colono).

Giovanni Battista Tiepolo: Eteocles e Polinices (Eteocle e Polinice, ca. 1725 - 1730).

Segundo a tábula borgiana, o autor da Tebaida (Θηβαΐς) era da cidade de Mileto; pero non se conservou o seu nome.

Conta a obra que a orixe da guerra na que os soldados de Argos cercaron Tebas foi varias maldicións que lanzou Edipo contra os seus fillos Eteocles e Polinices: a primeira, por lembrarlle Polinices a Edipo o parricidio que cometera; e a segunda, por un motivo que non está claro. Primeiro, Edipo maldíxoos cunha guerra fratricida; e a segunda maldición consistiu en que se matarían o un ao outro.

Eteocles e Polinices deciden gobernar Tebas un ano cada un pero ao transcorrer o primeiro ano Eteocles non quere ceder a quenda a Polinices e destérrao.

Polinices chega a Argos, e ten alí unha disputa con Tideo, que fora exiliado de Calidón, pero Adrasto, rei de Argos, sepáraos, cásaos coas súas fillas e promételles axudalos a recuperar os seus reinos.

Emprenden a guerra contra Tebas, aínda que Anfiarao, o adiviño, prevendo o desastre, non quere ir á loita. Con todo finalmente acode á guerra incitado pola súa esposa Erífila, a cal fora previamente subornada co colar de Harmonía.

Así que se produce o sitio de Tebas pero morren todos os capitáns das tropas arxivas en diversas circunstancias excepto Adrasto, que sobrevive e foxe no seu cabalo Arión. Polinices e Eteocles danse morte o un ao outro.

O poeta latino Estacio compuxo un poema chamado Tebaida cun argumento baseado no homónimo deste ciclo.

Epígonos

[editar | editar a fonte]

Segundo un escolio a Aristófanes, o autor da obra chamada Epígonos (Ἐπίγονοι) foi Antímaco de Teos.

Cóntase unha nova expedición organizada por Argos, capitaneada esta vez polos fillos dos capitáns da primeira expedición, xunto con Adrasto, contra Tebas, gobernada por Laodamante, o fillo de Eteocles.

Nesa ocasión, os arxivos derrotaron aos tebanos.

Probabelmente narraríase tamén a morte do adiviño tebano Tiresias.

Historicidade do Ciclo tebano

[editar | editar a fonte]

A posibilidade destas guerras tebanas descritas pola tradición teñan un transfundo histórico foi motivo de debate. Respecto diso argumentouse a non historicidade da segunda expedición, cuxo propósito consistiría en enlazar a primeira expedición coa guerra de Troia[1]. Con todo, a arqueoloxía parece apoiar que a primeira destrución da cidadela de Tebas en época micénica foi causada por un enfrontamento bélico e é posíbel que a lenda conserve un recordo do mesmo. Por outra banda, a arqueoloxía constatou a importancia de Tebas como sede do palacio dun reino micénico e contaba con murallas defensivas de até cinco metros de altura. O que non se puido confirmar é a existencia das sete portas. Por outra banda, hai nomes dos personaxes da lenda, como o de Iocasta ou o de Eteocles, que teñen unha orixe micénica mentres outros, como o de Lábdaco, se orixinaron nunha época posterior. O oráculo de Delfos tamén debeu agregarse á lenda nun momento histórico posterior[2][3].

  1. "Tebaida". Fragmentos de épica griega arcaica. Gredos. ISBN 9788424935245. 
  2. Páxina do concello de Tebas: Antiga Tebas (en grego) pp.2-4.
  3. Ruipérez, Martín S. (2006): El mito de Edipo. Lingüística, psicoanálisis y folklore, pp.48-55, 85, Madrid: Alianza, ISBN 84-206-6016-7.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bernabé, Alberto (1979). Fragmentos de épica griega arcaica (en español). Madrid: Gredos. pp. 39–92. 
  • Ruipérez, Martín S. (2006). El mito de Edipo (en español). Madrid: Alianza. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]