Cimex hemipterus | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
|
Cimex hemipterus, a chinche das camas tropical, é unha especie de chinche da familia Cimicidae que principalmente comprende especies de climas tropicais. Porén, informouse que esta especie pode vivir tamén en climas máis temperados xunto coa outra especie moi relacionada C. lectularius, a chinche das camas común.[1] C. hemipterus é un hematófago, parasito obrigado dos humanos e aves de curral.[2] Isto significa que necesita alimentarse de sangue dos seus hóspedes humanos ou aves para sobrevivir.[3][4] Cando as persoas sofren a súa picada, experimentan proído, broullas e lesións arredor das áreas afectadas da pel.[5] Esta especie vive normalmente nas casas humanas en gretas, fírgoas e colchóns e son máis frecuentes nos países en desenvolvemento económico. Como outras chinches das camas, C. hemipterus está activo principalmente durante a noite.[6]
Como media C. hemipterus ten unha lonxitude de 5,5 mm e unha anchura de 2,5 mm. Ten un corpo ovoide e aplanado. A cabeza é curta, ancha e apuntada cara ao extremo. Os ollos compostos son redondeados e de cor negra ou vermella e están situados lateralmente a ambos os lados da cabeza e poden observarse nas vistas superior e lateral. Un par de antenas de catro segmentos están situadas diante dos ollos. As pezas bucais de C. hemipterus están feitas para perforar a pel e zugar sangue do hóspede. De acordo con isto, o labio de tres segmentos é longo e como unha palla e as maxilas e mandíbulas son ambas como coitelas. O tórax de C. hemipterus consta de tres segmentos, o protórax, mesotórax e metatórax. O protórax é unhas dúas veces máis ancho que longo e é moito maior e prominente que a cabeza (que se sitúa no medio del), e tamén que o meso- ou metatórax. Comparado con C. lectularius, C. hempiterus ten un protórax lixeiramente máis estreito. Esta especie ten un abdome de oito segmentos que é redondeado e ten un extremo acabado en punta, que contén curtos penachos de pelos que sobresaen. A cor varía nesta especie dependendo de se o animal se alimentou recentemente de sangue ou non. Se non se alimentou, presenta unha cor marrón clara. Se se alimentou recentemente, presenta unha cor avermellada. Existen pequenas diferenzas entre os sexos. As femias son máis grandes que os machos e o extremo do seu abdome é máis redondeado, a diferenza do que se observa nos machos.[7][4]
Cimex hemipterus ten un ciclo de vida hemimetábolo, o que significa que o insecto pasa por cinco estadios ninfais, nas que a formma do seu corpo e comportamento de alimentación lembra moito o do estadio adulto, alimentándose de sangue en todos os estadios. Os ovos de C. hemipterus fan eclosión entre 4 e 12 días despois de postos. Os primeiros catro estadios ninfais duran cada un uns 3 ou 4 días, mentres que o quinto estadio ninfal desenvólvese en 4 ou 5 días. Comparado con C. lectularius, C. hemipterus ten unhas fases de desenvolvemento lixeiramente máis longas. Os adultos poden vivir entre 6 e 12 meses, e as femias viven algo máis que os machos.[8]
Despois do profuso uso do insecticida DDT no século XX, informouse da aparición de resistencia ao DDT entre as pobaocións de C. hemipterus en rexións tropicais e subtropicais. Isto causou unha reaparición de infestacións estendidas por C. hemipterus en países do hemisferio sur, como Australia e Sri Lanka. Tamén se detectou a resistencia aos piretroides.[9][10][11]
A principal preocupación médica asociada con C. hemipterus afecta á pel. Cando pican ao seu hóspede, inxetan saliva que contén unha variedade de compoñentes. Estes compoñentes inclúen anestésicos, compoñentes vasodilatadores e anticoagulantes. Estes factores actúan facilitando un fluxo continuo de sangue na zona da picada e aseguran que o hóspede non notará a picada. Estas picadas orixinan lesións na pel e proido, o cal é unha molestia. Aínda que non se coñecen casos nos que as chinches das camas fosen vectores biolóxicos de enfermidades, hai probas que suxiren que talvez poderían ser vectores do Trypanosoma cruzi, un protista que causa a enfermidade de Chagas nos seres humanos.[11][12]