As cininas son varios polipéptidos estruturalmente relacionados, como a bradicinina e calidina.[1] Son membros da familia dos autacoides.[2]
Son compoñentes do sistema cinina-calicreína. O sistema cinina-calicreína ou, simplemente, sistema das cininas é un sistema aínda mal coñecido de proteínas sanguíneas que desempeña un papel na inflamación, control da presión arterial, a coagulación e a dor.
Os precursores inactivos das cininas son os cininóxenos.[3] O encimas calicreína libera cininas a partir dos cininóxenos. A cininase II degrada proteoliticamente a bradicinina metabolizada.
En botánica, as hormonas vexetais citocininas chamáronse inicialmente tamén cininas, pero despois o nome foi cambiado para evitar confusión, xa que non son moléculas relacionadas.[4]
O sistema componse dunha serie de proteínas grandes, algúns pequenos polipéptidos e un grupo de encimas que activan e desactivan as substancias.
Os polipéptidos son a bradicinina e a calidina.[6]
As proteínas son o cininóxeno de alto peso molecular (HMWK) e o cininóxeno de baixo peso molecular (LMWK), que son precursores dos polipéptidos anteriores.
Os encimas que interveñen neste sistema actuando sobre as cininas son as calicreínas plasmática e dos tecidos, que son serina proteases encargadas de liberar as cininas dos cininóxenos, as carboxipeptidases, presentes en dúas formas: N, circulante e M, unida a membranas, que eliminan os residuos de arxinina do extremo carboxilo terminal da bradicinina e a calidina; o encima convertedor de anxiotensina (ACE), tamén chamado quinase II, que inactiva varios mediadores químicos, incluído a bradicinina, aínda que é mellor coñecida por activar a anxiotensina, e a endopeptidase neutra, que tamén desactiva cininas e outros mediadores.