Claustra Alpium Iuliarum (en galego, "Barreira dos Alpes Xulianos"; é o termo para se referir á rexión montañosa máis ampla desde os Alpes Xulianos ata o Golfo de Kvarner) que formaba parte do sistema de defensa dentro do Imperio romano entre Italia e Panonia e que protexía a Italia das posibles invasións do Leste.[1] Asegurou a porta de Postojna, o enlace terrestre entre a parte oriental e occidental do imperio e, polo tanto, a Claustra representou unha defensa fronteiriza interior do imperio.[2] A diferenza dunha muralla lineal, o Claustra consistía nunha serie de fortificacións interconectadas co seu centro en Castra ad Fluvium Frigidum (na zona da actual cidade de Ajdovščina, o val de Vipava); outras fortalezas importantes foron Ad Pirum na actual meseta Hrušica e Tarsatica, hoxe unha parte da cidade de Rijeka. Foran gobernados desde a cidade de Aquileia.
No ano 6, tivo lugar a Gran revolta Ilírica que ameazou o corazón do imperio romano. Posteriormente, para protexer Italia, erixíronse gradualmente unha serie de murallas e fortificacións ao redor da zona da estratéxica porta de Postojna.[1] A maior parte da construción fíxose despois do 284 baixo Diocleciano e Constantino I.[2] Aínda que este desenvolvemento fíxose despois da importante invasión do norte de Italia polos alamanos no 271, Whittaker indica que as liñas de fortificación interior tiñan como principal obxectivo asegurar a estabilidade interna do imperio en lugar de manter fóra aos bárbaros.[2]
O sistema de fortificación incluía Forum Iulii (na zona da actual Cividale del Friuli), Tarsatica (na zona da actual Rijeka) e seguía o val do río Idrijca. Estendíase sobre a porta de Postojna ata os outeiros ao sur de Emona (na área da actual Liubliana).
As fortificacións importantes ao longo da vía romana Via Gemina comezaron na fortaleza de Castra ad Fluvio Frigido (cuxos restos aínda son visibles hoxe en Ajdovščina), que era o centro do sistema, e remataban en Nauportus (no área da actual Vrhnika). A fortaleza do monte de Ad Pirum tiña normalmente 500 soldados pero podía manter até 100.000 soldados. Os muros de Ad Pirum foron desenterrados por arqueólogos austríacos e italianos e presentaban unha altura de 8 m e un grosor de 2 m; as torres das murallas tiñan 10 m de altura.
Nos arredores de Claustra Alpium Iuliarum producíronse varias batallas. As fortificacións foron útiles, por primeira vez, cando se produciu o intento de entrada en Italia, no 169, polos Marcomanos. Porén, non serviron para evita-la invasión dos Alamanos do 271. Tamén, no 351, Constancio II capturou Ad Pirum, na guerra contra Magnencio
Mais o feito máis relevante, produciuse na batalla do río Frigidus, no 394, entre Castra e Ad Pirum, na que o emperador oriental Teodosio venceu ao seu rival occidental, o usurpador Euxenio, co que conseguiu asegura-lo triunfo do cristianismo como a relixión principal do Imperio.
Despois do século V, as fortificacións permaneceron en mal estado e, neste momento, hai algunhas seccións restauradas polos arqueólogos.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Claustra Alpium Iuliarum |