Clorofila a | |
---|---|
Clorofila a | |
Magnesio [metil (3S,4S,21R)-14-etil-4,8,13,18-tetrametil-20-oxo-3-(3-oxo-3-{[(2E,7R,11R)-3,7,11,15-tetrametil-2-hexadecen-1-il]oxi}propil)-9-vinil-21-forbinecarboxilatato(2-)-κ2N,N'] | |
Outros nomes α-Clorofila | |
Identificadores | |
Número CAS | 479-61-8 |
PubChem | 6433192 |
ChemSpider | 16736115 |
UNII | YF5Q9EJC8Y |
Número RTECS | FW6420000 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C55H72MgN4O5 |
Masa molar | 893,49 g mol−1 |
Aspecto | Verde |
Olor | Inodora |
Densidade | 1,079 g/cm3[1] |
Punto de fusión | 1 523 °C; 2 773 °F; 1 796 K |
Solubilidade en auga | Insoluble |
Solubilidade | Moi soluble en etanol, éter Soluble en éter de petróleo,[2] acetona, benceno, cloroformo[1] |
Absorbancia | Ver texto |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A clorofila a[1][2] é un tipo de clorofila, que se utiliza na absorción de luz na fotosíntese oxixénica. É un pigmento fotosintético esencial na fotosíntese dos eucariotas, cianobacterias e proclorófitas. Absorbe enerxía da luz de lonxitudes de onda que van desde o violeta-azul ao alaranxado-vermello.[3] Tamén reflicte a luz verde/amarela, e contribúe así á principal cor que mostran as plantas. Xoga un papel esencial como doante primario de electróns na cadea de transporte electrónico da fase luminosa da fotosíntese.[4] A clorofila a tamén transfire enerxía de resonancia no complexo antena dos fotosistemas.[5]
A clorofila a é esencial para a maioría dos organismos fotosintéticos para liberar enerxía química pero non é o único pigmento que pode utilizarse na fotosíntese. Todos os organismos fotosintéticos eucarióticos usan a clorofila a, pero difiren nos pigmentos accesorios como a clorofila b e outros.[4] A clorofila a pode encontrarse tamén nas cianobacterias, e, en moi pequenas cantidades, nas bacterias verdes do xofre, que son fotótrofos anaerobios.[6] Estes organismos usan a bacterioclorofila e algúns a clorofila a, pero non producen oxíxeno.[6] Este proceso denomínase fotosíntese anoxixénica, que non utiliza a auga como doante último de electróns e non libera oxíxeno durante a fase luminosa da fotosíntese, como si ocorre na fotosíntese oxixénica.
A estrutura molecular da clorofila a consta dun anel de clorina, cuxos catro átomos de nitróxeno están rodeando un átomo central de magnesio, e ten unidas varias cadeas laterais e unha cola hidrocarbonada.
A clorofila a contén un ión magnesio encaixado nunha grande estrutura anular denominada clorina. O anel de clorina é un composto heterocíclico derivado do pirrol. Os catro átomos de nitróxeno da clorina rodean e líganse a un átomo de magnesio. O centro de magnesio define a molécula como unha clorofila.[7] O anel de porfirina da bacterioclorofila está saturado e carece dos dobres enlaces que alternan con simples que ten a clorofila, que causan a variación na absorción da luz.[8]
As cadeas laterais están unidas ao anel de clorina dos diversos tipos de moléculas de clorofila, e son as que caracterizan cada tipo, e alteran o seu espectro de absorción de luz.[9] [10] Por exemplo, a única diferenza entre a clorofila a e a b é que a b ten un aldehido en vez dun grupo metilo na posición C-7.[10]
A clorofila a ten unha longa cola hidrófoba, que mantén ancorada a molécula a proteínas hidrofóbicas da membrana do tilacoide do cloroplasto.[4] Unha vez separada do anel de porfirina, esta longa cola hidrocarbonada é o precursor de dous biomarcadores chamados pristano e fitano. Ambos os dous son importantes no estudo da xeoquímica e a determinación de fontes de petróleo.
A vía biosintética da clorofila a utilíza varios encimas.[11] Os xenes codifican os encimas para a síntese de Mg-tetrapirrois tanto da bacterioclorofila a coma da clorofila a.[11] A ruta empeza con ácido glutámico, que se transforma no ácido 5-aminolevulínico (ALA). Dúas moléculas de ALA redúcense despois a porfobilinóxeno (PBG), e despois acóplanse catro moléculas de PBG, formando a protoporfirina IX.[7] Cando se forma a protoporfirina, a magnesio quelatase actúa como catalizador para a inserción de Mg na estrutura da clorofila a.[11] A vía utiliza despois un proceso dependente da luz, impulsado polo encima protoclorofilido oxidorredutase. O protoclorofílido é o precursor para a produción da molécula de clorofila a, ou proceso independente da luz impulsado por outros encimas, para formar o anel cíclico, e a redución doutro anel da estrutura.[7] A unión da cola de fitol completa o proceso da biosíntese da clorofila.[12]
A clorofila a absorbe luz nas loxitudes de onda do violeta, azul e vermello, e reflicte principalmente o verde. Este reflexión dá á clorofila (e xeralmente a toda a planta) o seu aspecto verde. Os pigmentos accesorios amplían a espectro da luz absorbida, incrementando o rango de lonxitudes de onda que poden usarse na fotosíntese.[4] Por exemplo, a adición de clorofila b xunto coa clorofila a amplía o espectro de absorción. En condicións de baixa luminosidade, as plantas producen unha maior proporción de clorofila b con respecto á a, o que incrementa o rendemento fotosintético.[9]
A absorción de luz polos pigmentos fotosintéticos converte a enerxía dos fotóns en enerxía química. A luz que reciben os cloroplastos incide sobre os pigmentos da membrana do tilacoide e excita os seus electróns. Como as moléculas da clorofila a só capturan certas lonxitudes de onda, os organismos poden usar pigmentos accesorios para capturar un maior rango de enerxía luminosa.[5] Despois transfiren a luz capturada dun pigmento a outro en forma de enerxía de resonancia, de modo que a enerxía pasa dun pigmento a outro ata que chega a unhas moléculas especiais de clorofila a situadas no centro de reacción,[9] que están localizadas en ambos os fotosistemas, que se denominan P680 no fotosistema II e P700 no fotosistema I.[13] O P680 e o P700 son os doantes de electróns primarios da cadea de transporte de electróns fotosintética.
A clorofila a é moi importante na fase de captación de enrxía da fotosíntese. para que poida ter lugar a fotosíntese deben pasar dous electróns a un aceptor de electróns.[4] Nos centros de reacción de ambos os fotosistemas hai un par de moléculas de clorofila a que ceden os electróns á cadea de transporte de electróns da fase luminosa por medio de reaccións redox.[13]