Colpoda | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Un Colpoda grande típico a 400 aumentos. | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
ver texto |
Colpoda é un xénero de protozoos ciliados da clase Colpodea. Os Colpoda teñen forma de ril e son fortemente convexos por un lado e cóncavos polo outro. Aínda que son menos coñecidos que os paramecios, os Colpoda son xeralmente os primeiros protozoos que aparecen nas infusións de palla , especialmente cando a mostra non procede dunha fonte madura existente de auga encorada. Cultívanse con grande facilidade: simplemente abonda meter herbas con sucidade nunha xerra de auga sen cloro.
Os Colpoda encóntranse a miúdo no solo húmido e debido á súa capacidade de formar rapidamente un quiste protector, atópanse frecuentemente en mostras desecadas de solos e vexetación[2] e en pozas naturais temporais de auga como as que se forman en ocos de árbores.[3] Tamén se encontran nos intestinos de varios animais, e pode ser cultivado a partir das súas feces,[4] aínda que non está claro que sexan patoxénicos. De feito, crese que na maioría dos casos os animais inxeriron accidentalmente quistes de Colpoda incrustados en plantas ou presentes no solo e os quistes simplemente pasan polo tracto dixestivo intactos sen causar dano. Este pode ser un importante medio de distribución que limita a localización das poboacións de Colpoda, que ademais pode levar a unha especiación.
Colpoda cucullus atopouse vivindo na superficie de plantas e parece ser a especie dominante alí. Atopáronse varias especies de Colpoda na planta Sarracenia, malia os encimas dixestivos que solta esta planta carnívora nas súas follas con forma de vaso cheas de auga.[5]
Colpoda tamén tende a encontrarse en abundancia onde a cantidade de bacterias está aumentada, o que ofrece unha fonte de alimento enriquecida. En granxas de polos por exemplo, os protozoos, incluíndo as especies de Colpoda, atopados varían moito dunha localización a outra, o que suxire que estas especies representan poboacións propias do solo e auga locais que migraron a un novo hábitat.[6]
Ademais de habitar nunha ampla variedade de microclimas, os Colpoda poden encontrarse case en todas partes do mundo onde haxa augas encoradas ou solos húmidos, mesmo onde estas condicións son só efémeras. Colpoda brasiliensis por exemplo foi descuberto nas chairas inundables brasileiras en 2003.[7] Ás veces aparecen en ambientes máis secos; por exemplo, Colpoda irregularis atopouse na rexión desértica alta do sueste de Idaho, EUA, e Colpoda aspera no Antártico. Tamén se encontrou no Ártico onde as temperaturas máis cálidas do verán dan lugar a unha maior densidade e diversidade de especies.[8]
Non só está estendido por todo o mundo o xénero, senón que determinadas especies teñen tamén unha distribución case global.[9] Porén, non se atopan normalmente en ambientes mariños, pero hai moitos modos en que poden viaxar dun continente a outro. Por exemplo, os quistes poden quedar aloxados na plumaxe de aves migratorias, que se poden desprazar centos ou miles de quilómetros. Ademais, como os quistes son tan pequenos e lixeiros, poden ser transportados polas correntes de aire ás capas superiores da atmosfera, e despois acaban caendo noutro continente.[10]
Colpoda normalmente divídese en estado de quiste, do cal emerxen de dous a oito individuos, máis comunmente catro. Isto orixina individuos xeneticamente iguais. A taxa de reprodución e os factores ambientais que inflúen nela foron moi investigados.[11]
En raras ocasións, viuse que Colpoda se dividía formado 4 individuos sen producir unha parede de quiste. Suxeriuse que a reprodución sen formación de quistes era o modo normal de reprodución destes protozoos cando as condicións son óptimas e que a formación de quistes foi unha reacción a vivir en condicións ambientais adversas. Porén, este modo de reprodución sen quistes é raro mesmo en condicións ambientais ideais.[12]
Colpoda pode tamén reproducirse por conxugación. Nela interveñen dous individuos que se unen pola fenda oral e intercambian ADN, e divídense máis tarde, redistribuíndo o ADN dos dous individuos para producir proxenie xeneticamente distinta.[13]
A maioría das especies de Colpoda aliméntanse de bacterias principal ou exclusivamente, de diversas especies, entre as cales está Moraxella. Fixéronse varios estudos científicos sobre o efecto de diferentes dietas bacterianas na taxa de reprodución de Colpoda. Os Colpoda exercen un importante papel ecolóxico no solo.[14]
Ademais do seu papel como predadores de bacterias, os Colpoda son á súa vez presas de moitas outras especies, como outros protozoos e pequenos animais como as larvas de mosquitos,[15] outras larvas de insectos, e crustáceos como as pulgas de auga.[16]
Ademais do seu uso en diversos estudos científicos, para Colpoda se teñen suxerido diversos usos prácticos. Por exemplo, propúxose o uso de Colpoda steini como un medio para avaliar a toxicidade do solo tratado con lodos residuais[17] e como un medio para detectar a contaminación química en xeral, aplicable ao control de ataques terroristas.[18]
Colpoda acuta
Encóntrase en Europa central, foi descrita nunha publicación de 1977.[19]
Colpoda aspera
Unha especie bastante pequena, de 12-42 micrómetros, que é menos reniforme (forma de ril) que outras especies. Encóntrase no Antártico e Subantártico.[20][21][22]
Colpoda brasiliensis
Unha especie pequena descuberta no Brasil, de 18-33 micrómetros, singular pola súa envoltura mineral que actúa como unha defensa pasiva contra os predadores.[23]
Colpoda californica
Colpoda cavicola
Colpoda cucullus
Unha especie moi estendida, que é o protozoo dominante sobre a superficie das plantas.[24][25]
Colpoda discoidea
Colpoda duodenaria
Unha especie de tamaño medio a pequeno, descrita por Charles Vincent Taylor e Waldo Furgason [26] e amplamente estudada polos efectos exercidos por diversas substancias químicas no seu proceso de enquistamento.[27]
Colpoda ecaudata
Colpoda elliotti
Unha especie pequena de 15-28 micrómetros, que se cultivou a partir de deposicións de cervo.[28]
Colpoda eurystoma
Colpoda fastigata
Colpoda formisanoi
Colpoda fragilis
Colpoda henneguyi
Unha especie amplamente distribuída de tamaño medio a grande, de 30-80 micrómetros, que ten o hábito de permanecer sen moverse durante longos períodos de tempo, polo que é fácil fotografala viva.[29]
Colpoda inflata
Posiblemente unha das especies do xénero máis coñecida e común, que ten un modo de moverse irregular no cal da sacudidas xirando en círculos pechados, o que a fai difícil de fotografar viva.[30][31]
Colpoda irregularis
Esta especie ten un saco post-oral prominente e foi cultivada a partir de mostras de brións de codia do solo procedente de rochas de zonas onde medran as artemisas do deserto en Idaho, EUA.[32]
Colpoda lucida
Colpoda magna
Unha especie grande, de 120-400 micrómetros de longo. Parece escura a baixos aumentos debido ás estruturas escuras que ten preto do seu vacúolo contráctil. A miúdo está ateigada de vacúolos dixestivos.[33]
Colpoda maupasi
Antes pensábase que era unha variedade de Colpoda steini, pero despois foi recoñecida como especie separada. Clasicamente críase que producía só quistes reprodutores que contiñan 8 células fillas. Porén, unha cepa, a cepa Bensonhurst, tamén producía quises reprodutores que conteñen 4 células fillas.[34]
Colpoda ovinucleata
Colpoda patella
Colpoda penardi
Colpoda praestans
Colpoda quinquecirrata
Colpoda reniformis
Colpoda rotunda
Colpoda simulans
Un Colpoda de medio tamaño coa forma clásica reniforme á que parece que lle acaban de comer un cacho.[35]
Colpoda spiralis
Unha especie pouco usual cunha longa parte colgante que sobresae que lle dá unha aparencia de caracol. Encontrouse primeiro en Arizona [3] e desde entón tamén en Novo México e Nevada, e unha posible detección no norte de California.[36]
Colpoda steini
Unha especie amplamente distribuída de tamaño pequeno a medio, de 14-60 micrómetros, xeralmente de vida libre pero que pode ser parasita de lesmas de terra.[37]
Colpoda tripartita
Colpoda variabili
Clicar as imaxes para velas en grande (recargar con F5 despois)