O Comité Militar Revolucionario, tamén coñecido como Milrevcom e BRK (en ruso: Военно-революционный комитет, Военревком, ВРК) foi o nome dos órganos militares creados polas organizacións do Partido Bolxevique baixo a autoridade dos soviets durante a preparación e desenvolvemento da insurrección armada na Revolución de Outubro de 1917. Funcionaron ata marzo de 1918.[1] Os comités foron o corpo dirixente de poder da insurrección, instalando e asegurando o poder soviético. Executaron un papel de órganos provisionais extraordinarios da ditadura do proletariado.
Os comités máis notables foron os do Soviet de Petrogrado, o Soviet de Moscova e a Stavka. O Comité Militar Revolucionario de Petrogrado foi creado o 16 de outubroxul./ 29 de outubrogreg. de 1917.[2]
A idea de organizar un centro de operacións da insurrección armada pertence a Lenin. Na súa carta O marxismo e a insurrección, dirixida ao Comité Central do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (bolxevique) en setembro de 1917, poñía na axenda a tarefa de preparar o levantamento armado ao escribir[1]:
«E para tratar a insurrección dunha forma marxista, isto é, como unha arte, nós, ao mesmo tempo, sen perder un momento, debemos organizar cuarteis xerais dos grupos insurxentes...»
A decisión do Comité Central do POSDR(b) do 23 de outubro e o 29 de outubro de 1917 de mellorar a preparación para a insurrección armada apresurou a creación de corpos insurreccionais a nivel central e local. O CMR foi formado con representantes do Partido Bolxevique, os soviets, os comités de fábrica, os comités de soldados, as organizacións militares bolxeviques (Voyenka), a Garda Vermella, e outras organizacións. Os comités eran de diversos niveis territoriais como gubernia, cidade, raión, vólost etc. Mentres, no Exército, organizábanse a nivel de fronte, exército, corpo de exército, división e rexemento. En ocasións, as funcións do Comité Militar Revolucionario desempeñábanas os Comités Revolucionarios. Os Comités Militares Revolucionarios non eran uniformes en termos da súa composición social e partidaria, con todo a maioría deles eran principalmente bolxeviques.
O primeiro cuartel xeral da insurrección armada foi o Comité Militar Revolucionario de Petrogrado, que foi creado polo Soviet de Petrogrado e tomou o poder o 7 de novembro de 1917. Antes do triunfo da insurrección en Petrogrado, había máis de corenta Comités Militares Revolucionarios no país, cuxa principal actividade era a preparación militar e técnica da inminente insurrección.
Durante o proceso de toma do poder por parte dos soviets en Rusia houbo unha formación masiva de CMRs. Moitos CMRs apareceron por iniciativa dos delegados procedentes do II Congreso dos Soviets de Rusia. Foron enviados grandes escuadróns de comisarios, emisarios e axitadores revolucionarios a varias rexións do país por parte do CMR de Petrogrado, baixo a dirección do Comité Central do POSDR(b), que os conformou con organizadores experimentados.[1]
Data de creación | Nome | Presidente (composición) | Notas |
---|---|---|---|
29 de outubro | CMR de Petrogrado | Pável Lazimir (Andréi Búbnov, Moiséi Uritski, Yákov Sverdlov, Félix Dzerzhinski, Iosif Stalin) | |
31 de outubro | CMR do 12.º Exército | Y. Cherin (Karl Gailis[3] Janis Krumin[4]) | existiu ilegalmente ata o 8 de novembro de 1917 en Cēsis |
4 de novembro | CMR do Leste | Iván Rabchinski [5] (Jaan Anvelt, Víktor Kingissepp) | |
CMR de Pskov | Vasili Paniushkin | Fronte Norte (desde o 8 de novembro de 1917) | |
7 de novembro | CMR de Moscova | ||
CR de Vorónezh | A. Moiseyev | ||
8 de novembro | CMR de Riazán | A. Syromyatnikov | |
9 de novembro | CMR de Minsk | Aleksandr Myasnikyan (Moiséi Kalmanovich, Vilhelms Vilis Knoriņš, Kārlis Landers) | Fronte Occidental e Rexión Noroccidental (máis tarde) |
CMR de Samara | Valerián Kúibyshev | ||
CR de Tula | Grigori Kaminski | ||
10 de novembro | CMR de Tomsk | Alekséi Belenets[6] | |
11 de novembro | CMR de Kíiv | Leonid Piatakov[7] (Andriy Ivánov, Volodimir Zatonski, Oleksandr Horvits[8]) | reorganizado como CR de Kíiv 0 28 de xaneiro de 1918 |
CR de Smolensk | S. Ioffe | ||
21 de novembro | CMR de Daguestán | Ullubi Buinakski | |
27 de novembro | CMR de Oremburgo | Samuil Tsvilling | |
1 de decembro | CMR da Fronte Suroccidental | G. Razzhivin (Vasili Kikvidze) | |
15 de decembro | CMR da Fronte Romanés | Piotr Baranov (Aleksandr Krusser, Vladímir Yudovski) | |
20 de decembro | CMR de Barnaúl | Matvéi Tsaplin) | |
23 de decembro | CMR de Khárkiv | Fiodor Serguéiev (Valeri Mezhlauk, Moiséi Rujimovich) | |
??? | CMR de Ekaterinoslav | Nikolái Krestinski | |
??? | CMR de Vinnytsia | Nikolái Tarnogrodski[9] | |
??? | CMR de Odesa | Vladímir Yudovski | |
??? | CMR de Shuya | Mikhaíl Frunze | |
??? | CMR de Simferópol | Jānis Miller | |
29 de decembro | CR de Sebastopol | Jānis Daumanis | |
xaneiro | CR de Astracán | Mina Aristov[10] | |
10 de xaneiro | CMR do Exército do Cáucaso | Grigori Korganov (Borís Sheboldayev) | |
23 de xaneiro | CMR do Don | Fiódor Podtyolkov (Mikhaíl Krivoshlykov)[11] | |
30 de xaneiro | CMR do Kubán-Mar Negro | Yan Poluyan | |
2 de marzo | CMR de Semirechye | Pável Vinográdov |
Nas semanas que seguiron á Revolución de Outubro, os Comités Militares Revolucionarios baseados no CMR de Petrogrado foron organizados a través dos outros soviets e cimentaron o control bolxevique. Estoutros CMRs foron formados por dirixentes locais aínda que axentes do CMR de Petrogrado estaban habitualmente en posicións de dirección para dirixir ou asesorar. A finais de novembro de 1917, representantes do CMR de Petrogrado estaban asignados en polo menos corenta e catro cidades así como en cento trece unidades militares ao longo de toda Rusia, Turquestán e o Cáucaso.[12]
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |