O Compromiso de Connecticut de 1787 nos Estados Unidos, tamén coñecido como o Gran Compromiso, foi un acordo conquerido na Convención de Filadelfia sobre a creación dos corpos lexislativos dos Estados Unidos. Grazas a este pacto establecéronse dúas cámaras para exercer o poder lexislativo: unha, que sería a Cámara de Representantes, proporcional á poboación; e outra, o Senado, na que se garantiría a igual representación dos estados da Unión.
Nos debates para dotar aos Estados Unidos dun parlamento, fixéronse dúas propostas:
Ademais destes, Charles Pinckney presentou outra proposta (que se coñece fragmentariamente) e tamén Alexander Hamilton, que defendía a existencia dun goberno central forte e denostaba especialmente o Plan de Nova Jersey.[4][5][6]
A concreción da separación de poderes e a participación dos estados neles foron asuntos divisorios no nacemento dos Estados Unidos. Os pequenos estados, con pouca poboación, querían que se oísen as súas voces no goberno dos Estados Unidos do mesmo xeito que a daqueles estados grandes e cunha ampla cantidade de poboación, tales como Virxinia ou Nova York.[7] O Plan de Nova Jersey foi rexeitado polos delegados na Convención o 19 de xuño de 1787, pero debido as desavinzas entre os estados pequenos e grandes, fixo que a Convención quedase estancada.[8]
Entón, Roger Sherman, canda Oliver Ellsworth, representantes de Connecticut, desempeñaron un papel importante na construción deste compromiso combinando elementos do Plan de Virxinia e do de Nova Jersey.[9] A idea de Sherman establecía un lexislativo bicameral: unha delas baseado na poboación dos Estados (Cámara de Representantes), recollendo parcialmente o Plan Virxinia, e a outra, a favor do Plan de Nova Jersey, no cal todos os estados votaban en igualdade (Senado).[10] O Compromiso de Connecticut foi votado o 16 de xullo de 1787, sendo aprobado por cinco estados a favor e catro en contra.[11]
O Compromiso de Connecticut trasladouse ao artigo 1 da Constitución dos Estados Unidos. Nela estipúlase a bicameralidade do Congreso: a proporcionalidade segundo a poboación para repartir os escanos da Cámara de Representantes e a igualdade dos estados no Senado, adxudicando dous senadores a cada un deles.[12]