Conceyu Bable

Xuan Xosé Sánchez Vicente, escritor e fundador de Conceyu Bable.

Conceyu Bable foi unha asociación asturiana legalizada en 1976, cuxo obxectivo era a recuperación e dignificación da lingua asturiana.[1]

Nos anos finais do réxime franquista, comezou a xurdir unha nova xeración de autores asturianos que tentaba superar o uso tradicional da lingua asturiana en composicións ruralizantes e locais, moitas veces compúñanse paras as festas das localidades no dialecto local. Esta nova xeración pretendía dotar ao asturiano dunha literatura moderna, próxima ás correntes literarias imperantes en España e Europa, ao tempo que pretendían demostrar a validez da lingua para calquera uso social ou literario.

En 1969 José León Delestal[2] fundou a asociación Amigos del Bable, que foi un primeiro intento de recuperación da lingua, e que se centrou sobre todo na edición de discos en asturiano e que organizou en novembro de 1973 a Asamblea Regional del Bable presidida por Emilio Alarcos Llorach, nela puxéronse os alicerces do que sería o surdimientu[3] e unha parte dos participantes nela decidiron constituíren un colectivo centrado na recuperación da lingua e que a diferenza dos Amigos do Bable fixera uso escrito e falado do asturiano.

O 16 de novembro de 1974 apareceu no número 284 da revista Asturias Semanal[4] a sección Conceyu Bable, que daría nome á asociación (legalizada en xuño de 1976), na que escribían en asturiano, entre outros, Xosé Lluis García Arias, Xuan Xosé Sánchez Vicente e Lluis Xabel Álvarez. Eles foron os verdadeiros creadores da prosa asturiana e os responsables do xurdimento dun grupo de escritores que romperon cos modelos literarios reservados ao asturiano ata entón, e da aparición dunha industria cultural propia, coa publicación de libros, discos e artigos en revistas e xornais en asturiano.

Conceyu Bable asentou as bases da actual norma culta do asturiano baseada no asturiano central, por ser o que tiña máis falantes e o máis usado polos escritores e dende 1975 organizaron cursos de asturiano en concellos do centro de Asturias. En 1976, membros da asociación publicaron a primeira gramática moderna da lingua, Gramática bable.

O 22 de xuño de 1976 convocou unha manifestación en Xixón para solicitar a presenza do asturiano na escola,[5] á manifestación sumouse a Coordinación Democrática de Asturias que englobaba aos partidos democráticos e contou coa participación dunhas 5.000 persoas. Logo da súa legalización, Conceyu Bable celebrou un Conceyu Xeneral, no que se elixiu a Xosé Lluis García Arias presidente. Paulatinamente a asociación virou ata declararse nacionalista en 1977 coa publicación de "Cartafueyu so'l Rexonalismu" e militantes seus formarán o Conceyu Nacionalista Astura. A partir de 1980 perdeu influencia coa aparición da Academia de la Llingua Asturiana.

  1. "El llegáu hestóricu de Conceyu Bable". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2016. Consultado o 15 de xaneiro de 2018. 
  2. Vilareyo, Xaviel. fusionasturias.com, ed. "L'Asamblea del Bable: 40 años del resurdimientu del asturianu". Consultado o 15 de xaneiro de 2018. 
  3. Santori Vázquez, Xuán. Dellos aspeutos del papel del surdimientu poéticu nel afitamientu del estándar (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xullo de 2020. Consultado o 15 de xaneiro de 2018. 
  4. Cuevas, Iván. conceyu cultural Asturianu: La reivindicación asturianista dende la emigración en Barcelona (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2013. Consultado o 15 de xaneiro de 2018. 
  5. "Conceyu Bable y la reinvención d’Asturies". Consultado o 15 de xaneiro de 2018.