Coroa de Fiume † | |
---|---|
Corona fiumana en italiano | |
![]() | |
Ámbito: | ![]() |
Fracción: | |
Billetes: | 1, 2, 10, 20, 25, 50, 100, 200, 1.000 e 10.000 coroas. |
Emisor: | Consello Nacional Italiano de Fiume. |
A coroa de Fiume (en italiano: Corona Fiumana; en croata: Riječka kruna; en húngaro: Fiume korona), abreviado Cor. ou FIUK, foi a moeda oficial do Estado Libre de Fiume entre abril de 1919 e setembro de 1920.
Logo do colapso do Imperio Austrohúngaro, o Banco Austrohúngaro, administrado conxuntamente por Austria e Hungría, continuou a emitir billetes de coroa austrohúngara, que seguía a ser a moeda común de Austria, Hungría e Checoslovaquia, e que circulaba tamén en territorios que formaban parte doutros estados. No entanto, a partir de 1919, os novos estados comezaron a crear os seus propios sistemas monetarios nacionais.[1]
O 18 de abril de 1919, o Consello Nacional Italiano de Fiume, que era a entidade que exercía a autoridade na cidade, introduciu a denominada "coroa de Fiume", cuxa especie física consistiu no reselo dos billetes da coroa austrohúngara, que circulara ata a data naquel territorio.[2] Estes reselos eran de dous tipos: o escudo de armas de Savoia e a inscrición CITTA DI FIUME.[3][4][5]
Logo da ocupación levada a cabo en setembro de 1919 polo poeta e político italiano Gabriele D'Annunzio con preto dun cento de lexionarios italianos[6][7], selouse unha nova serie de billetes en nome do Instituto de Crédito do Consello Nacional (Istituto di Credito del Consiglio Nazionale) segundo se dispuxo nun decreto do 6 de outubro.[2] O reselo, nesta ocasión, era rectangular, de 45x60 mm, coa lenda CITTA DI FIUME. ISTITUTO DI CREDITO DEL CONSIGLIO NAZIONALE.[3][4][5][8]
A coroa de Fiume foi a moeda oficial da cidade ata o 26 de setembro de 1920, cando, por un decreto do xeneral Amantea, comandante das tropas italianas en Fiume, se introduciu a lira italiana como moeda oficial do territorio.[2]
A coroa seguiu a circular ata a anexión da cidade a Italia en febreiro de 1924. O Real decreto 235 do 24 de febreiro de 1924 fixou a data concreta da conversión no 30 de abril dese mesmo ano,cunha taxa de cambio de 0,40 liras italianas por cada coroa de Fiume.[9]
En novembro de 1919, unha coroa de Fiume equivalía a tres coroas do Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, e a 0,40 liras italianas. No entanto, no mercado negro, o cambio real situábase nas 0,21 liras italianas.[10]