A gruta de Les Trois-Frères é unha cova decorada do Paleolítico Superior na que foron descubertas numerosas figuracións parietais que datan do período Magdaleniano. Forma parte da rede de cavernas decoradas da rexión pirenaico-cantábrica.
Está situada en Francia, na rexión de Mediodía-Pireneos, no departamento de Ariège, no concello de Montesquieu-Avantès. Localizada a unha altitude de 465 m, é veciña da cova de Tuc d'Audoubert, gruta prehistórica da mesma época na que apareceron numerosos obxectos de arte moble, e coa cal forma un complexo cavernario, debido en parte ao río Volp.
A gruta debe o seu nome aos tres irmáns (o francés trois frères equivale ao galego tres irmáns) Max, Jacques e Louis, fillos do conde Henri Bégouën, que descubriron a entrada da cova o 20 ou 21 de xullo de 1914[1].
Les Trois-Frères é célebre entre outros detalles pola representación parietal de tres seres semihumanos semianimais, moi raros na arte rupestre, pero dos que existen exemplos noutros sitios arqueolóxicos, pero quizais non tan vigorosos.
O primeiro presenta simultaneamente as características dun humano e dun bisonte. Ten sido denominado o "pequeno bruxo con arco musical" (petit sorcier avec l'arc musical)[2], interpreta que é un instrumento tubular de vento, pois semella tocar ese instrumento. A figura humanoide, duns 30 cm de altura, ten cabeza de bisonte, pernas humanas e brazos terioformes con mans coma pezuños. Semella avanzar bailando, por tras de animais híbridos: un cervo de patas talvez de palmípedo e un bisonte con cuartos traseiros de cérvido femia, e que vira a cabeza cara a atrás tal se mirase o bruxo.
Trátase dunha representación moi próxima ao "Pequeno Bruxo", apenas a 1 m de distancia. A figura mostra cabeza (virada para o lombo) de bisonte aínda que a testa é humana, cuartos traseiros e xeonllo humanos, pezuños outra vez de bisonte e sexo humano[3].
Para o segundo, as interpretacións sucesivas téñeno identificado como un bruxo a practicar un rito máxico[4] e ten sido alcuñado como o "Gran Bruxo"[5], ou, alternativamente, un deus dos animais, polo que foi denominado o «deus cornudo» (le dieu cornu)[6], ou mesmo foi visto como un xamán en transe[7].
O Gran Bruxo está situado no máis fondo da gruta, nun paso estreito e disimulado, pero sobre unha altura dominante da bóveda de 4 m. Mide uns 75 cm de altura, realizado con técnica de gravado e pintura negra. Figura con cabeza de cérvido con poderosa cornamenta, cara como de moucho, orellas de lobo e barba de rebezo. Os brazos, en actitude semierguida, son de oso, mentres ao tempo porta un rabo de cabalo ou de raposo. Só as pernas, o órgano sexual e a disposición o identifican como humano[8]. Para Giedion, que o chama "o feiticeiro", está a executar unha danza ritual de encantamento, e polo seu disfrace multianimalístico o compara co debuxo dun xamán tungús siberiano, realizado en 1705, que reproduce, que vai vestido con toucado de hastas de cervo, pés e mans con poutas de oso e cuberto o corpo cunha pel indeterminada, ao tempo que danza e toca un tambor. A Giedion chámalle atención a barba incipiente do xamán tungús, e acaba por se preguntar se estamos ante as orixes do xamanismo, aínda que asegura que faltan os elos intermedios na cadea do tempo entre unha e outra época[9].