Cripse

Un lagarto do xénero Draco mostrando algúns métodos de camuflaxe tales como fundirse co fondo, coloración disruptiva, redución da sombra, e comportamento críptico no Parque Nacional de Bandipur

En ecoloxía, a cripse é a capacidade que ten un animal de evitar a súa observación ou detección por outros animais. Pode ser unha estratexia de predación ou unha adaptación antipredador. Os métodos inclúen a camuflaxe, a nocturnidade, un estilo de vida subterráneo e o mimetismo. A cripse pode implicar unha ocultación visual, olfactoria (con feromonas) ou auditiva. Cando é visual, o termo coloración críptica, utilízase ás veces como sinónimo de camuflaxe animal,[1] pero os animais empregan diversos métodos de camuflaxe.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Hai unha forte presión evolutiva para que os animais se confundan co seu ambiente ou agochen a súa forma, nos animais depredados para evitar os depredadores e nos depredadores para poder evitar ser detectados polas presas. As excepcións son os grandes herbívoros sen inimigos naturais, paxaros con rechamantes cores que confían na súa capacidade de voo para escapar dos depredadores, e os animais velenosos ou con armamento poderoso con coloración de advertencia. Exemplos de animais crípticos son o podargo castaño (o padrón das súas plumas lembra a codia das árbores), a tuatara (é nocturna e agóchase en tobos durante todo o día), algunhas medusas (transparentes), o peixe dragón de mar folla, e os peixes planos (que se cobren de sedimentos ou cambian de cor).

Variedades

[editar | editar a fonte]

Os métodos utilizados para a cripse poden ser a camuflaxe (visual), a nocturnidade ou o estilo de vida subterráneo. A camuflaxe pode realizarse por varios métodos, desde a coloración disruptiva á transparencia e algunhas formas de mimetismo.[2][3][4]

Como estratexia, a cripse úsana predadores contra presas e presas contra predadores.[2]

A cripse tamén se aplica aos ovos[5] e produción de feromonas.[6] A cripse pode en principio implicar unha camuflaxe visual, olfactiva ou auditiva.[7]

Artigo principal: Camuflaxe.
A camuflaxe permítelles aos animais como esta araña con coloración disruptiva capturar presas máis doadamente.

Moitos animais evolucionaron para lembrar visualmente as contornas que o rodean utilizando algún tipo de camuflaxe natural que pode imitar as cores e texturas do ambiente que os rodea (coloración críptica) ou romper o perfil visual do propio animal (coloración disruptiva). Tales animais poden parecer rochas, area, ramiñas, follas, e mesmo cagadas de paxaros (mímese).[8]

Algúns animais mudan de cor ao cambiar o ambiente estacionalmente, como o armiño e a lebre americana, ou de forma moito máis rápida se teñen cromatóforos na súa pel, como os cefalópodos.

O contrasombreado é o uso de cores diferentes na parte superior e inferior do corpo en tons graduais desde unha barriga clara a un dorso escuro, e é común en animais mariños e terrestres. Ás veces denomínase lei de Thayer, polo artista americano Abbott Handerson Thayer, que publicou un documento en 1896 que explicaba como co contrasombreado se tapaban con pintura as sombras para facer que os obxectos sólidos parecesen planos, invertendo a forma en que normalmente os artistas usan a pintura, que é para darlle aparencia de volume aos obxectos pintados. Onde o fondo é máis brillante do que é posible incluso usando pigmento branco, a contrailuminación en animais mariños, como as luras, pode aproveitar a luz para confundirse co seu fondo.

Algúns animais camúflanse activamente con materiais locais. Algunhas especies de cangrexos Majoidea, como a centola, adhiren algas, animais, pequenas pedras ou fragmentos de cunchas ao seu exoesqueleto para conseguir unha camuflaxe que se confunda co ambiente no que viven. Algunhas especies seleccionan preferencialmente adornarse con animais que pican como anemones de mar ou plantas tóxicas, beneficiándose do aposematismo ademais (ou en vez de) a cripse.[9]

Olfactoria

[editar | editar a fonte]

Algúns animais, tanto en ambientes terrestres coma acuáticos, parece que camuflan o seu cheiro, xa que este podería atraer os depreddores.[10] Numerosos artrópodos, tanto insectos coma arañas, imitan formigas, sexa para evitar a predación, sexa para cazar formigas, ou (por exemplo no caso da eiruga da bolboreta Phengaris arion para enganar as formigas para que a alimenten.[11] O peixe Aphredoderus sayanus pode mostrar unha cripse química, facéndose indetectable para as ras e insectos que colonizan as lagoas aos que depreda.[12]

Algúns insectos, notablemente algunhas avelaíñas noctuidas (como a Noctua pronuba) e algunhas Arctiidae (como a Arctia caja), teorizábase inicialmente que se defendían contra a predación dos morcegos ecolocalizadores, tanto absorbendo pasivamente sons cos seus recubrimentos suaves parecidos a pelos coma creando acivamente sons para imitar os ecos doutras contornas ou obxectos (un "eco fantasma" que podería ser unha forma de "cripse auditiva"), pero hai outras teorías alternativas que din que o que fan é interferir coa ecolocalización dos morcegos (interferencias).[13][14] Posteriores investigacións proporcionaron probas para só dúas funcións dos sons das avelaíñas, ningunha das cales implica "cripse auditiva:" as especies de Arctiidae parecen agruparse en dous grupos: un tipo produce sons como unha forma de aposematismo acústico (advertindo aos morcegos de que son de mal sabor[15]) ou son imitadores acústicos de avelaíñas de mal sabor,[16] e outro tipo que usa interferencias de sonar. Neste último tipo, as análises detalladas non conseguiron apoios para o mecanismo de "eco fantasma" como base da interferencia do sonar, senón que se podería tratar máis ben dunha interferencia no eco.[17]

Hai a miúdo unha coevolución continua ou carreira de armamentos evolutiva entre as capacidades perceptivas dos animais que intentan detectar o animal críptico e as características crípticas das especies que se agochan. Diferentes aspectos da cripse e das capacidaes sensoriais poden ser máis ou menos pronunciadas nunha determinada parella de depredaor-presa.

Os zoológos necesitan métodos especiais para estudar a cripse nos animais, como técnicas de biotelemetría como o radiorrastreo, marcaxe e recaptura e recintos pechados ou abertos. Os animais crípticos adoitan pasar desapercibidos en estudos de biodiversidade e avaliación do risco ecolóxico de extinción.

  1. A camuflaxe militar ten múltiples propósitos, incluíndo non só a ocultación, senón tamén o espírito de corpo e o recoñecemento dos amigos e os inimigos
  2. 2,0 2,1 Zuanon, J.; I. Sazima (2006). "The almost invisible league: crypsis and association between minute fishes and shrimps as a possible defence against visually hunting predators". Neotropical Ichthyology 4 (2): 219–224. doi:10.1590/s1679-62252006000200008. 
  3. Allaby, Michael (2014). Crypsis. A Dictionary of Zoology (4th ed.) (Oxford University Press). 
  4. Allaby, Michael (2015). Crypsis. A Dictionary of Ecology (5th ed.) (Oxford University Press). 
  5. Nguyen, L. P.; et al. (2007). "Using digital photographs to evaluate the effectiveness of plover egg crypsis". Journal of Wildlife Management 71 (6): 2084–2089. doi:10.2193/2006-471. 
  6. Raffa, K. R.; et al. (2007). "Can chemical communication be cryptic? Adaptations by herbivores to natural enemies exploiting prey semiochemistry". Oecologia 153 (4): 1009–1019. PMID 17618465. doi:10.1007/s00442-007-0786-z. 
  7. "Definition of Crypsis". Amateur Entomologists' Society. Consultado o August 19, 2012. 
  8. "All Lives Transform:Adaptation- Mimicry". Morning-earth.org. February 14, 2007. Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2012. Consultado o January 5, 2012. 
  9. Hultgren, Kristin; Stachowicz, Jay in Stevens, M and Merilaita, S (2011). "Animal Camouflage" (PDF). Camouflage in decorator crabs: Camouflage in decorator crabs. Cambridge University Press. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de agosto de 2017. Consultado o December 13, 2012. 
  10. Michael R. Conover. Predator-Prey Dynamics: the role of olfaction. CRC Press. 2007. ISBN 978-0-8493-9270-2
  11. Donisthorpe, Horace (January 1922). "Mimicry of Ants by Other Arthropods". Transactions of the Royal Entomological Society of London 69 (3–4): 307–311. doi:10.1111/j.1365-2311.1922.tb02812.x. 
  12. Resetarits, Jr., William J.; Binckley, Christopher A. (2013). "Is the pirate really a ghost? Evidence for generalized chemical camouflage in an aquatic predator, pirate perch Aphredoderus sayanus" (PDF). The American Naturalist 181 (5): 690–699. PMID 23594551. doi:10.1086/670016. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 14 de agosto de 2017. 
  13. Miller, Lee A.; Surlykke, Annemarie (July 2001). "How Some Insects Detect and Avoid Being Eaten by Bats: Tactics and Countertactics of Prey and Predator" (PDF). BioScience 51 (7): 570–581. doi:10.1641/0006-3568(2001)051[0570:HSIDAA]2.0.CO;2. 
  14. Griffin, Donald R. (July 2001). "Full Access Return to the Magic Well: Echolocation Behavior of Bats and Responses of Insect Prey". BioScience 51 (7): 555–556. JSTOR 10.1641/0006-3568%282001%29051%5B0555%3ARTTMWE%5D2.0.CO%3B2. doi:10.1641/0006-3568(2001)051[0555:RTTMWE]2.0.CO;2. 
  15. Hristov, N.I.; Conner, W.E. (2005). "Sound strategy: acoustic aposematism in the bat–tiger moth arms race". Naturwissenschaften 92: 164–169. PMID 15772807. doi:10.1007/s00114-005-0611-7. 
  16. Barber, J.R.; Conner, W.E. (2007). "Acoustic mimicry in a predator–prey interaction". Proceedings of the National Academy of Sciences 104: 9331–9334. PMC 1890494. PMID 17517637. doi:10.1073/pnas.0703627104. 
  17. Corcoran, A.J.; Conner, W.E.; Barber, J.R. (2010). "Anti-bat tiger moth sounds: Form and function". Current Zoology 56 (3): 358–369. 
  18. Amazonia Org. "Amazonia". Amazonia.org. Consultado o August 21, 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]