Crithidia | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Crithidia fasciculata é unha especie de protista parasito. C. fasciculata, igual que outras especies de Crithidia ten un ciclo de vida cun só hóspede (un insecto), que neste caso é o mosquito. Por tanto, non afecta aos humanos, a diferenza doutros tripanosomátidos. C. fasciculata ten unha baixa especificidade de hóspede polo que pode infectar a moitas especies de mosquitos.
C. fasciculata pode encontrarse en dous estadios morfolóxicos no seu ciclo vital; o primeiro é a forma nadadora coanomastigote, que ten un longo flaxelo externo, que usa para moverse, e a segunda forma é o amastigote inmóbil adherido, que vive no aparato dixestivo do mosquito. Os amastigotes son excretados nas feces do mosquito e contaminan o hábitat dos mosquitos.
A transmisión de C fasciculata ocorre principalmente cando os amastigotes, arrastrados ata auga estancada, son inxeridos polas larvas de mosquito. Os amastigotes encóntranse tipicamente no recto da larva. Cada muda da larva dá lugar a que se perda a infección, pero esta é xeralmente readquirida rapidamente no ambiente onde vive ao inxerir máis amastigotes. Cando o cuarto ínstar da larva fai a pupa, a infección do amastigote mantense no intestino durante toda a metamorfose do animal, dando lugar a un mosquito adulto infectado.
C. fasciculata é un exemplo de tripanosomátido infeccioso non humano e está relacionado con varios parasitos, entre eles Trypanosoma brucei (causante da tripanosomíase africana) e Leishmania (causante da leishmaníase).[1] C. fasciculata parasita varias especies de insectos e foi amplamente usado para probar novas estratexias terapéuticas contra infecciós parasíticas e como organismo modelo na investigación sobre a bioloxía dos tripanosomátidos que infectan ao ser humano.
Como é típico nos tripanosomátidos, pero raro noutros protistas, C. fasciculata posúe unha soa mitocondria. O ADN mitocondrial encóntrase formando unha soa estrutura, chamada cinetoplasto, na base do seu único flaxelo. Como é común entre as especies parasitas, C. fasciculata necesita un caldo con alto contido de nutrientes (que inclúa grupos hemo e ácido fólico) para poder ser cultivado en condicións de laboratorio.
Oliver Wilford Olsen (1986). Animal parasites: their life cycles and ecology. Mineola, N.Y: Dover. ISBN 0-486-65126-6.