Crithidia luciliae[1] | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Padrón de marcaxe inmunofluorescente de anticorpos anti-dsDNA utilizando como substrato C. luciliae en contacto con soro dun paciente. O cinetoplasto, localizado preto do flaxelo, está tinguido, o que indica a presenza de anticorpos anti-dsDNA nunha persoa con lupus eritematoso sistémico. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Crithidia luciliae |
Crithidia luciliae é un flaxelado parasito que utiliza a mosca Musca domestica como hóspede.[2] Como forma parte da familia Trypanosomatidae, caracterízase pola presenza dun cinetoplasto, unha complexa rede de moléculas circulares de ADN bicatenario (dsDNA) entrelazadas dentro da mitocondria. A posesión do cinetoplasto fai que este organismo sexa importante na diagnose do lupus eritematoso sistémico. Ao usar C. luciliae como substrato para a inmunofluorescencia, este orgánulo serve para detectar anticorpos anti-dsDNA, unha característica común desa enfermidade.[3][4]
C. luciliae é un protozoo unicelular eucariota. A familia Trypanosomatidae pertence á orde Kinetoplastida e caracterízase pola presenza de cinetoplastos, unha rede de moléculas de ADN circulares entrelazadas nunha gran mitocondria. Todos os organismos dentro de Kinetoplastida son parasitos, e o organismo hóspede para C. luciliae é Musca domestica.[5][6][7]
Os cinetoplastos que ten C. luciliae permiten usalo para a detección de anticorpos anti-dsDNA, un tipo de anticorpos antinucleares ao poñela en contacto con soro dun paciente. Os anticorpos antinucleares son unha característica común no lupus eritematoso sistémico, e os anticorpos anti-dsDNA son moi específicos da enfermidade. Unha alta concentración de dsDNA e a ausencia de antíxenos nucleares humanos no cinetoplasto supoñen un substrato específico para a detección de anticorpos anti-dsDNA.[4][8]
Como é un protozoo parasito, C. luciliae carece da capacidade de producir biosinteticamente bases púricas e, por tanto, necesita obtelas do ambiente que o rodea. Utiliza tres sistemas de transporte para a captación de bases nitroxenadas do organismo hóspede: un para a captación de adenosina e os seus análogos; outro para a guanosina, os seus análogos e inosina; e o terceiro para a hipoxantina, adenina e adenosina.[9]