Currach

Currach

Un currach é un tipo de barco irlandés cunha estrutura de madeira sobre a cal se adoitaba estirar peles ou coiros de animais, aínda que agora é máis habitual o uso da lona.

A súa construción e deseño son únicos da costa occidental de Irlanda. Nos condados de Cork, Waterford e Kerry coñécese como naomhóg, mentres que no oeste do condado de Clare chámaselle canoe (canoa). É semellante ao coracle galés, aínda que os dous teñen orixes distintas. Na costa occidental de Connacht atopamos un barco feito con tablóns, tamén coñecido co nome de currach ou currach adhmaid (“currach de madeira”), construído dunha maneira moi parecida ao seu familiar cuberto con lona. A etimoloxía popular di que naomhóg significa “o pequeno sagrado” ou “a pequena santa”, aínda que outra explicación pode ser que veña do latín navis ou que derive do irlandés nae, que significa barco.

Unha versión máis grande desta é coñecida simplemente como bád iomartha (bote de remos). Estes botes de madeira foron suplantando progresivamente á currach de lona como barco de traballo na costa de Connemara.

Por tradición, foi tanto un barco de mar como unha embarcación para augas continentais. A currach de río era especialmente recoñecida polo seu pouco calado e boa capacidade de manobra. A súa estrutura estaba constituída por varas de abeleira e pólas de salgueiro cubertas por unha única capa de pel de boi, que ademais de illar á currach tamén axudaba a determinar a súa forma. Estas eran comúns nos ríos do sur de Gales e en Irlanda coñecíanse como currachs de Boyne. Porén, cando en 1948 Irlanda declarou ilegal a pesca con rede de salmón e outros peixes de auga doce, esta pronto caeu en desuso.

No neolítico[1], os avances nos procesos de ensamblaxe da madeira fixeron posible construír o que hoxe en día coñecemos como currach a cal, representa unha das dúas tradicións da artesanía naval irlandesa: o bote de madeira e o de madeira cuberta por coiro. Esta estrutura tan feble fai que sexa moi difícil para os arqueólogos mariños atopar restos delas. Afortunadamente, a súa antigüidade está demostrada por diversas fontes escritas. Unha destas é a lenda latina que conta a viaxe de San Brandán (Navigatio sancti Brendani abbatis), na cal se describe a creación dun barco capaz de navegar polo océano[2].

No ano 1976, Tim Severin construíu unha reprodución desta embarcación tal e como a describía a lenda. Unha vez feita, demostrou as capacidades da súa currach nunha viaxe que durou máis de 13 meses e que o levou dende Irlanda até as costas de Canadá.

Outra importante referencia á currach ven da man do historiador Gerard de Gales (Giraldus Cambrensis) na súa Topographia Hibernica (1187). Aquí recolle o testemuño duns mariñeiros que, refuxiándose dunha tormenta, viron a dous homes de fala irlandesa aproximándose nun navío alongado e cuberto en peles. Resalta o abraio dos mariñeiros, pois nunca presenciaran unha embarcación de semellante tamaño.[3]

A sistematicidade das referencias a esta barca dende a Alta Idade Media até a actualidade indican as altas probabilidades de que non sufrise importantes cambios estruturais ou de deseño.

Currach irlandesa moderna

[editar | editar a fonte]

En xeral, as currach adhírense a un plan deseñado para producir un baixel robusto, lixeiro e versátil. O bastidor consiste nun entramado de costelas e palmexares (reforzamentos lonxitudinais), coroado por unha regala. Atópanse tamén rodas e codastes, pero ningunha quilla. Encáixanse bancadas con cartabón subministrado, como é requirido. Instálanse cornamusas ou pasadores a medida para os remos e incluso pode haber un mastro cunha vela, inda que cun mínimo de aparello. O exterior do casco está recuberto por velame ou calicó, un substituto para a pel de animal, alcatranado.

Hai sete tipos distintos de currachs, todos con nomes de rexións ou condados irlandeses: Oldbridge, Donegal, Mayo, Connemara, Clare, Shannon e Kerry. As currachs usábanse na idade moderna para pescar e para transportar pasaxeiros, mercancías e gando, incluído o ovino e vacún. O uso das currachs non foi continuo nin universal ao longo da costa atlántica, de feito, hoxe en día hai moi poucos construtores de currachs.

Currachs escocesas  

[editar | editar a fonte]

A currach escocesa tradicional está xa case extinta, mais existen algunhas recreacións. Hai moitas testemuñas que afirman ter visto currachs no río Spey no norte Escocia. A currach de Spey é polo tanto semellante ao coracle galés a nivel de deseño, xa que máis ben se empregaba en río para o comercio de madeira e non en mar aberto.

Uso actual como barco de carreiras

[editar | editar a fonte]

As currachs perviven na actualidade como barcos de carreiras, a miúdo estando a altura de modelos moito máis modernos. Na regata anual londiniense de barcos (a Great River Race), as currachs obtiveron resultados destacables na clasificación xeral (barco máis rápido tendo en conta o hándicap), especialmente en 2007[4], 2008[5] e 2010[6].

  1. "Lexico Dictionaires - English". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2022. Consultado o 10 de maio de 2022. 
  2. "Navigatio sancti Brendani abbatis, cap. IV". 
  3. "Topographia Hiberica, Dist. III, Cap. XXVI". Topographia Hiberica, Dist. III, Cap. XXVI. 
  4. "3rd overall: Coonagh Crew, a Clare Fishing Currach (3 hd)". 
  5. "1st overall: The Sin Bin, a Connemara Currach (3 hd)". 
  6. "2nd overall: Leaper, a Racing Naomhóg (4 hd)".