As células ECL ou células similares ás enterocromafíns (do inglés enterochromaffin-like, ECL) son un tipo de células endócrinas que se encontran nas glándulas gástricas da mucosa do estómago baixo o seu epitelio, xeralmente situadas preto das células parietais gástricas.[1]
O nome destas células deriva da súa localización no sistema entérico e do seu modo de tinguidura nas preparacións histolóxicas, similar ao das células cromafíns da medula adrenal, que se caracteriza pola afinidade co cromo e o nitrato de prata.
As células ECL son as células endócrinas predominantes nas glándulas fúndicas do estómago e sintetizan e segregan histamina, que se almacena en gránulos e vesículas secretoras. As vesículas segréganse por exocitose, na cal están implicadas certas proteínas que promoven ou participan na fusión entre a membrana das vesículas e a membrana plasmática. Os gránulos captan histamina polo transportador vesicular VMAT-2 do citosol durante o transporte das vesículas desde o aparato de Golgi ás partes máis periféricas da célula, e como resultado convértense en vesículas secretoras, que se fusionarán coa membrana liberando a histamina cando a célula sexa estimulada pola gastrina.[2][3]
Estas células son estimuladas polas hormonas gastrina e o péptido activador da adenil ciclase pituitario. As células G son estimuladas polo nervio vago por medio do neurotransmisor péptido liberador de gastrina; isto causa que as células G segreguen a gastrina, a cal á súa vez estimula as células ECL para que liberen histamina [4]. Este circuíto non está activado por acetilcolina, o cal ten especial importancia porque a administración de atropina non bloquea a estimulación vagal das células G, xa que a acetilcolina non é o neurotransmisor para estas células [5].
A gastrina transfírese por vía sanguínea desde as células G do epitelio gástrico ás células ECL. A histamina e a gastrina actúan sinérxicamente como os estimuladores máis importantes da secreción de ácido clorhídrico polas células parietais e como estimuladores da secreción de pepsinóxeno polas células principais gástricas. O inhibidor máis importante das células ECL é a somatostatina producida polas células D.
As células ECL producen tamén pancreastatina (orixinada a partir da cromogranina A) e probablemente outras hormonas peptídicas e factores de crecemento [6]
Unha estimulación prolongada destas células causa a súa hiperplasia [7]. Isto é especialmente importante nos gastrinomas (tumores nos cales hai unha secreción excesiva de gastrina), xa que é un dos factores que contribúe á síndrome de Zollinger-Ellison.[8][9]