As células parafoliculares son células que se encontran na glándula tiroide e que producen e segregan a hormona calcitonina [1]. Tamén se chaman células C, células claras ou células ultimobranquiais. Acompañan no tiroide ás células foliculares tiroides, pero son menos numerosas ca elas e están situadas tanto no epitelio folicular coma, principalmente, nos espazos interfoliculares, pero sempre sempre preto da base do epitelio e lonxe do lume folicular, aínda que dentro da membrana basal que rodea o folículo. Coñécense desde o século XIX (Baker, 1877) pero non se soubo a súa función ata o século XX.
Son células grandes e de tinguidura clara comparadas coas células foliculares ou o coloide do tiroide nas preparacións ordinarias, pero poden tinguirse selectivamente con nitrato de prata. Poden distinguirse citoquímicamente das células foliculares porque expresan o encima alfa-glicerofosfato deshidroxenase mitocondrial. Presentan unha serie de gránulos esféricos limitados por membrana secretorios de 0,1 a 0,4 microns que conteñen calcitonina e que se poden tinguir con azul de anilina.[2] A calcitonina é unha hormona que fai diminuír a concentración de calcio no sangue.[3]
Nos teleósteos e aves ocupan unha estrutura fóra da glándula tiroide denominada corpo ultimobranquial. Nicole LeDouarin descubriu por medio dunha serie de experimentos realizados no paspallás que estas células durante o desenvolvemento embrionario migraban desde a crista neural.[4]
Embrioloxicamente, están asociadas nos humanos aos corpos ultimobranquiais, que á súa vez derivan da cuarta (ou quinta) bolsa farínxea. As células parafoliculares derivan das células da crista neural e quedan incluídas no tiroide.
Cando as células parafoliculares se volven cancerosas, orixinan carcinoma medular de tiroide.[5]
Algunhas poboacións de células parafoliculares, debido á súa orixe na crista neural, son utilizadas como modelo para estudar as neuronas serotoninérxicas.[6]