Nome orixinal | Daniel Iglesias Gago | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 18 de agosto de 1995 (29 anos) Santiago de Compostela, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1.73 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2012 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Daniel Iglesias Gago, nado en Santiago de Compostela o 18 de agosto de 1995, é un futbolista galego. Xoga de dianteiro no Steaua București de Romanía.
Ingresou na canteira do Deportivo da Coruña en 2007, con 12 anos.[1] Avanzou polas diferentes categorías do club e na tempada 2012/13 debutou co filial, o Fabril, na Terceira División, alternando co equipo xuvenil. Esa campaña participou en 14 partidos co filial e logrou 5 goles.
Na tempada 2013/14 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña en Segunda División, no encontro da segunda xornada en Riazor ante o Córdoba (0–1), substituíndo a Álex Bergantiños. Xogou outros dous partidos esa tempada co equipo adestrado por Fernando Vázquez, correspondentes á Copa do Rei.
Continuou no Fabril ata o final da tempada 2014/15, acumulando un total de 80 partidos e 24 goles. O 31 de xullo de 2015 anunciouse a rescisión do seu contrato co Deportivo da Coruña, despois de oito anos na estrutura do club.[2]
Días máis tarde firmou por catro temporadas co Deportivo Alavés, de Segunda División.[3] Na súa primeira tempada foi cedido CD Guadalajara de Segunda División B,[4] co que disputou 33 partidos e anotou 7 goles. Nas dúas seguintes tempadas xogou co filial do equipo vasco, o Alavés B, na Terceira División, e na 2018/19 foi cedido ao Istra 1961 de Croacia, xunto a Adrián Fuentes, Einar Galilea e Ioritz Landeta.[5] Disputou 22 partidos na Prva HNL, 2 deles na fase de permanencia na que o equipo salvou a categoría ante o Šibenik.
En 2019 foi traspasado ao Rijeka, co que xogou un total de 14 partidos durante a súa primeira tempada, rematando a liga na terceira posición, por detrás do Dinamo Zagreb e do Lokomotiva.[5] Co equipo croata debutou na Europa League, nun partido ante o Aberdeen, e disputou tres partidos na competición europea, ademais de proclamarse campión da Copa de Croacia. Comezou a seguinte tempada en Rijeka pero ante a falta de minutos, foi cedido en febreiro ao Spartak Trnava eslovaco, co que xogou ata o final da campaña, disputando 10 partidos da liga eslovaca (rematando cuarto) e dous da Copa.[6]
En 2021 foi traspasado ao ŠKF Sereď, tamén de Eslovaquia, co que rematou a liga na quinta posición, pero o club foi descendido dúas categorías administrativamente. A continuación instalouse en Romanía, onde fichou primeiramente polo Dinamo București, que viña de descender á Liga II. Na súa primeira campaña en Bucarest conseguiu o ascenso á Liga I, contribuíndo con tres goles na liga regular e outros tres na promoción de ascenso. Na seguinte tempada disputou un total de 36 partidos, conseguindo a salvación na promoción de permanencia.
En 2024 asinou polo Steaua București.[7]