de Havilland Dragonfly | |
---|---|
Tipo | transporte lixeiro |
Fabricante | de Havilland Aircraft Company |
Primeiro voo | 12 de agosto de 1935 |
Introducido | 1936 |
Produción | 1936 - 1938 |
Unidades construídas | 67 |
O de Havilland DH.90 Dragonfly é un biplano británico de turismo de luxo bimotor dos anos 30 construído pola de Havilland Aircraft Company no aeródromo de Hatfield.
O Dragonfly compartía un claro parecido co Dragon Rapide, pero era máis pequeno, tiña un alongamento maior, e as ás estaban lixeiramente inclinadas cara atrás. A á baixa tiña menos envergadura que a superior, a diferenza do DH.89, e a parte superior das góndolas do motor sobresaían moito menos sobre a súa superficie porque o depósito de combustible foi movido á sección central inferior. Estruturalmente tamén eran moi distintos: o Dragonfly tiña unha nova carcasa monocasco de madeira contrachapada preformada e unha fuselaxe reforzada.
Foi deseñado como un avión turístico de luxo para catro pasaxeiros e un piloto, con previsión de contrais dobres. O primeiro avión, o G-ADNA, voou por primeira vez o 12 de agosto de 1935. O Dragonfly conseguía o máximo rendemento con baixa potencia, utilizando os novos métodos de construción desenvolvidos para o avión de carreiras de Havilland Comet, e polo tanto era un avión caro. En termos modernos, era un transporte executivo, dirixido a particulares ricos, moitas veces a través das empresas que posuían.
A primeira entrega realizouse en maio de 1936. Uns 36 Dragonflies foron para particulares e donos de compañías, 15 para aeroliñas ou compañías de taxis aéreos, e tres para clubs. As forzas aéreas de Dinamarca e Suecia recibiron dous exemplares cada unha, e a Real Policía Montada do Canadá usou catro para combater contra os contrabandistas de alcol. A produción rematou en 1938.[1][2]
En 1939 varios avión pasaran de mans privadas a ser usados comercialmente, como a frota formada por Air Dispatch Ltd no aeroporto de Croydon, dirixida por Mrs Victor Bruce. Entre os seus sete avións había algúns exemplares usados antes por aeroliñas.[3] Utilizáronse como taxis aéreos entre os distintos aeroportos de Londres, e tamén como adestradores de voo nocturno. Western Airways do aeroporto de Weston-super-Mare usaba os seus Dragonfly nun servizo regular a Manchester pasando por Birmingham.
Sete fuselaxes foron enviados ao Canadá e foron montados por de Havilland Canada. Alí operaron cunha serie de pequenos operadores comerciais, coa Policía Montada e coa Real Forza Aérea do Canadá. Polo menos un, o CF-BFF, equipouse con flotadores Edo e foi usado comercialmente.
Ao redor de 1937 tres Dragonflies foron mercados polo goberno de Romanía para o adestramento de tripulacións, levando rexistros civís.[4]
Cando comezou a segunda guerra mundial 23 Dragonflies pasaron ás filas da RAF e das forzas aéreas da Commonwealth, sobrevivindo seis deles en 1945. Tras a guerra quedaban 13 unidades voando en todo o mundo.
Silver City Airways operou un Dragonfly, o G-AEWZ, como transporte executivo entre 1950 e 1960. No presente só quedan dous Dragonflies en condicións de voo no mundo: o ZK-AYR "Endeavour" en Nova Zelandia,[5] e o G-AEDU no Reino Unido.[6]