O dextrano é un polisacárido complexo ramificado formado por unidades de glicosa constituído por cadeas de variada lonxitude (de 3 a 2000 quilodaltons) de orixe bacteriana. Ten usos terapéuticos como anticoagulante (antitrombótico), para reducir a viscosidade do sangue, e no tratamento da anemia[1].
A cadea principal consta de glicosas unidas por enlace O-glicosídico α-1,6, e as ramas únense á cadea principal por enlaces α-1,3 nos puntos de ramificación[2] (no producido por Leuconostoc mesenteroides). É soluble en auga. A súa rotación óptica específica vai de +195 a +201 a 25 °C[3].
O dextrano é sintetizado a partir da sacarosa por certas bacterias do ácido láctico, como Leuconostoc mesenteroides e Streptococcus mutans. A placa dental é rica en dextranos. Tamén forman dextranos as bacterias do ácido láctico Lactobacillus brevis, que, xunto con lévedos, forman os gránulos (tibicos) da auga de quefir, bebida fermentada con efectos supostamente beneficiosos para a saúde.
Os dextranos foron descubertos por Louis Pasteur como un produto microbiolóxico que atopou no viño.[4]
Os dextranos úsanse con frecuencia en microcirurxía para diminuír a trombose vascular. Os efectos antitrombóticos dos dextranos están mediados pola súa unión aos eritrocitos, plaquetas, e ao endotelio vascular, o que incrementa a súa electronegatividade e así reduce a agregación dos eritrocitos e a adherencia das plaquetas. Os dextranos tamén reducen o factor VIII-Ag factor de von Willebrand, o que fai diminuír a función plaquetaria. Os coágulos formados despois da administración de dextranos son lisados máis facilmente debido á estrutura alterada do trombo (distribución máis regular das plaquetas e rede de fibrina máis grosa). Ao inhibiren a α-2 antiplasmina, os dextranos serven como activadores dos plasminóxenos, polo que posúen características trombolíticas.
Ademais destas características, os dextranos grandes, os cales non poden atravesar as paredes dos vasos sanguíneos, son potentes axentes osmóticos, e utilízanse para o tratamento rápido da hipovolemia. A hemodilución causada polo aumento do volume sanguíneo co uso de dextranos mellora o fluxo sanguíneo, e tamén a permeabilidade das microanastomoses, e reduce as tromboses.
Hai dextranos para uso clínico de múltiples pesos moleculares desde 10.000 Da a 150.000 Da. Os dextranos máis grandes excrétanse dificilmente polos riles e permanecen no sangue durante semanas ata que son metabolizados. En consecuencia, teñen un efecto antitrombótico prolongado e efectos coloidais. Dentro deste grupo de dextranos, o dextrano-40 (de 40.000 Da), é o máis utilizado nas terapias anticoagulantes. Preto do 70 % do dextrano-40 excrétase na urina nas 24 horas posteriores á súa administación intravenosa, e o restante 30 % é retido durante varios días máis.
Aínda que se coñecen relativamente poucos efectos secundarios asociados co uso dos dextranos, estes poden ser nalgúns casos bastante importantes. Inclúen a anafilaxe, exceso de volume sanguíneo, edema pulmonar, edema cerebral, ou disfuncións plaquetarias. Outra posible complicación pouco común pero significativa do efecto osmótico dos dextranos é a insuficiencia renal aguda. A patoxénese da insuficiencia renal é suxeito de moitos debates e pode deberse a efectos tóxicos directos sobre os túbulos e glomérulos renais ou a hiperviscosidade intraluminal. Os pacientes cun historial de diabetes mellitus, insuficiencia renal, ou trastornos vasculares son os que teñen un risco maior.