Eucladocera (non hai probas para agrupar todos os outros cladóceros como un taxon irmán dos monotípicos Haplopoda (Leptodora))
Os Diplostraca (diplostráceos) ou Cladocera (cladóceros[2]), xeralmente chamados pulgas de auga[2], son unha superorde de pequenos crustáceos que se alimentan de partículas diminutas de materia orgánica (hai tamén algunhas formas predadoras).[1]
Ata agora recoñecéronse unhas 1.000 especies desta superorde, e moitas máis están aínda sen describir.[1][3][4][5][6] Os fósiles máis antigos dos Diplostraca datan do Xurásico, aínda que a moderna morfoloxía destes fósiles suxire que se orixinaron bastante antes, durante o Paleozoico. A maioría son de augas doces, pero algúns adaptáronse tamén á vida no océano, e son os únicos Branchiopoda que o fixeron, aínda que os Anostraca viven en lagos hipersalinos.[7] A maioría son de 0,2 a 6,0 mm de longo, teñen unha cabeza xirada cara a abaixo cun único ollo composto medial e un exoesqueleto que lles cobre o tórax e o abdome, aparentemente non segmentados. A maioría das especies presenta unha partenoxénese cíclica, na que a reprodución asexual é ocasionalmente suplementada con reprodución sexual, a cal produce ovos de repouso moi resistentes, que permiten a estas especies sobrevivir a duras condicións e espallarse a hábitats distantes.
Leptodora kindtii é un Diplostraca pouco común, de ata 18 mm de longo.
A maioría miden de 0,2 a 6,0 mm de longo, coa excepción de Leptodora, que pode chegar aos 18 mm.[8] O corpo non presenta segmentación aparente e ten un exoesqueleto ou casca que cobre o tórax e o abdome.[9]
A cabeza está colocada formando un ángulo cara a abaixo e pode estar separada do resto do corpo por unha amosega cervical.[9] Teñen un só ollo composto negro, localizado na liña media do animal en todos os xéneros excepto dous, e a miúdo teñen un só ocelo.[10] Na cabeza hai dous pares de antenas, as do primeiro par son apéndices pequenos non segmentados, mentres que as do segundo par son grandes, segmentadas e ramificadas, con poderosos músculos.[9] As primeiras antenas levan sedas (setae) olfactorias, e as segundas son utilizadas pola maioría das especies para nadar.[10] O padrón de sedas das segundas antenas é útil para a identificación.[9] A parte da cabeza que se proxecta diante das primeiras antenas denomínase rostro ou "bico".[9]
As pezas bucais son pequenas e consisten nun labro impar, un par de mandíbulas, un par de maxilas e un labio impar.[9] Utilízanas para comer "detritos orgánicos de todas clases" e bacterias.[9]
O tórax ten cinco ou seis pares de apéndices lobados, que parecen follas, cada un dos cales ten numerosos pelos ou sedas.[9] Toman o oxíxeno e liberan o dióxido de carbono por toda a superficie do seu corpo.[9]
Coa excepción dunhas poucas especies puramente asexuais, o ciclo vital dos Diplostraca está dominado pola reprodución asexual, pero con períodos ocasionais de reprodución sexual; isto denomínase partenoxénese cíclica.[11] Cando as condicións son favorables, a reprodución ocorre por partenoxénese durante varias xeracións, producindo só femias clónicas. A medida que se deterioran as condicións, prodúcense machos e realízase a reprodución sexual. Isto ten como resultado a produción de ovos dormentes de longa duración e resistencia. Estes ovos de ephippium poden ser transportados pola terra levados polo vento e fan eclosión cando atopan condicións favorables, o que permite que moitas especies teñan distribucións moi amplas, mesmo cosmopolitas.[9]
Os Diplostraca están aniñados dentro dos concostráceos, e están máis estreitamene relacionados coa orde Cyclestherida, cuxo único xénero vivo é Cyclestheria. Aínda que hai varios fósiles do Paleozoico dos que se dixo que eran representantes dos Diplostraca, ningún destes rexistros foi confirmado. Os rexistros máis antigos confirmados de Diplostraca son de inicios do Xurásico de Asia. Os fósiles do Xurásico son asignables a grupos modernos ou extintos, o que indica que a radiación inicial do grupo aconteceu antes do comezo do Xurásico, probablemente durante o Paleozoico.[12]
Evadne spinifera, unha das moi escasas especies de Diplostraca mairiños.
A maioría das especies de Diplostraca viven en auga doce e outros corpos de auga continentais, e só hai oito especies que son verdadeiramente oceánicas.[10] As especies mariñas están todas encadradas na familia Podonidae, agás o xénero Penilia.[10] Algúns Diplostraca habitan nos leitos de follas caídas.[13]
Segundo o World Registry of Marine Species (WORMS), Cladocera é sinónimo do superorde Diplostraca, que está incluído na clase Branchiopoda. Ámbolos nomes están actualmente en uso. O superorde forma un grupo monofilético de 7 ordes, unhas 24 familias e máis de 11.000 especies (crese que moitas máis están aínda sen describir).[1][8] Só o xénero Daphnia xa contén máis de 150 especies.[11]
↑Rubbo, Michael J.; Kiesecker, Joseph M. (2004). "Leaf litter composition and community structure: translating regional species changes into local dynamics". Ecology85 (9): 2519–2525. doi:10.1890/03-0653.
↑K. Van Damme; R. J. Shiel; H. J. Dumont (2007). "Notothrix halsei gen. n., sp. n., representative of a new family of freshwater cladocerans (Branchiopoda, Anomopoda) from SW Australia, with a discussion of ancestral traits and a preliminary molecular phylogeny of the order". Zoologica Scripta36 (5): 465–487. doi:10.1111/j.1463-6409.2007.00292.x.
Brusca, R.C.; Brusca, G.J. (1990). Invertebrates. Sinauer Associates: Sunderland, MA (USA). ISBN 0-87893-098-1. 922 pp
Martin, J.W., & Davis, G.E. (2001). An updated classification of the recent Crustacea. Science Series, 39. Natural History Museum of Los Angeles County. Los Angeles, CA (USA). 124 pp.
Norambuena, J., J. Farías & P. De los Ríos. (2019). The water flea Daphnia pulex (Cladocera, Daphniidae), a possible model organism to evaluate aspects of freshwater ecosystems. Crustaceana, (11-12): 1415-1426.