A división sexual do traballo refírese á asignación de tarefas diferentes ou responsabilidades diferentes a homes ou mulleres polo único motivo do seu sexo biolóxico.[1]
Nas sociedades preestatais documentadas polos antropólogos durante os séculos XIX e XX, obsérvase que tarefas como a recolección de alimentos son na súa maior parte levadas a cabo por mulleres mentres que outras como a caza, a pesca e as actividades punitivas relacionadas coa guerra son maioritariamente realizadas polos homes. No entanto, existe unha enorme variabilidade nas formas que pode adoptar a división sexual do traballo, constatada ao longo e ao ancho do planeta en sociedades con diferentes niveis de complexidade.[2][3][4] Así, por exemplo, podemos citar como cazadoras ás mulleres woods cre do Canadá, as mulleres ache de Paraguai, as juuǂhõã de Namibia e Botswana, as mulleres baKola/baGyeli do Camerún, as mulleres tiwi de Australia, as agta de Filipinas etc.[3][5][6]
Nestas sociedades o modo de produción dominante é naturalmente a caza-recolección, aínda que se producen tamén outra serie de obxectos domésticos e prácticos necesarios para a vida cotiá: mobles, instrumentos, aveños domésticos, roupa e calzado, vivenda etc. Nas sociedades preestatais obsérvase ademais que o número de horas que homes e mulleres nestas sociedades levan a cabo para as diferentes actividades pode diferir abruptamente. Isto pode suceder mesmo en sociedades relativamente igualitarias e pouco xerárquicas onde moitas das decisións se toman en común, coa opinión de todos os membros do grupo étnico ou a aldea.
Tradicionalmente nas sociedades modernas cunha organización estatal e gobernos centralizados e sociedades formadas por millóns de individuos, predominou tanto en Occidente como en Asia e África un modo de organización social patriarcal, no que os postos con maior poder e influencia estiveron ocupados con maior probabilidade por homes que por mulleres. Nas monarquías herditarias a maior parte das veces o soberano foi un home, aínda que existen casos de emperatrices e raíñas, tanto en Occidente como en Oriente que herdaran o poder algún familiar masculino. En xeral estas situacións foron transitorias e o sistema estivo en gran parte dominado por individuos de sexo masculino.
En canto á organización da produción igualmente durante os séculos XVIII, XIX e XX obsérvase na maior parte dos países do mundo unha maior taxa de ocupación masculina en actividades remuneradas por conta allea. Até a segunda metade do século XX, as mulleres dedicábanse abrumadoramente a tarefas domésticas como única ocupación. Con todo, a aparición dun sector servizos cun gran número de empregos a partir da segunda metade do século XX, creou moitas máis oportunidades de emprego das mulleres fóra do seu fogar. Con todo, a taxa de ocupación feminina en actividades remuneradas segue sendo inferior á masculina en todos os países. Aínda que nalgúns países e só en décadas recentes chegouse a taxas de ocupación menos disparellas para homes e mulleres.
Aínda así o movemento feminista sinalou que nos postos mellor remunerados e con maior remuneración a proporción de homes segue sendo notablemente superior á de mulleres. En xeral as mulleres teñen menos autonomía económica, é máis probábel que ocupen postos a tempo parcial e en postos menos remunerados.
En castelán