Nome orixinal | (it) Domenico Felice Antonio Cotugno |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de xaneiro de 1736 Ruvo di Puglia, Italia (pt) |
Morte | 6 de outubro de 1822 (86 anos) Nápoles, Italia |
Educación | Escola Médica Salernitana Universidade de Nápoles Frederico II |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina |
Ocupación | médico, cirurxián, anatomista |
Empregador | Universidade de Nápoles Frederico II |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, |
Domenico Cotugno, nado en Ruvo di Puglia o 29 de xaneiro de 1736 e finado en Nápoles o 6 de outubro de 1822, foi un médico e anatomista italiano.
Fillo de Michele e Chiara Assalemi, labregos de Puglia, acolleuno unha irmá da nai en Molfetta e entrou en contacto cun frade capuchino que o axudou nos seus primeiros anos de formación no seminario. Logo de volver á casa dedicouse de xeito autodidacta a estudar matemática e filosofía pero tamén se interesou polas ciencias naturais e a medicina, realizando observacións directas en cadáveres e estudaba a anatomía en animais que el mesmo disecaba[1]. Con dezaseis anos marchou a Nápoles para estudar física e medicina, entre as principais influencias que recibiu está a do filósofo Antonio Genovesi, que o instou a recuperar o valor práctico da ciencia. Dende 1754 foi, primeiro axudante, e despois, médico do Ospedale degli Incurabili, que foi a súa verdadeira palestra de experimentación médico-científica e onde substituíu o cirurxián ao caer enfermo.
En 1756 rematou os seus estudos na Escola Médica Salernitana e principiou a impartir leccións privadas de medicina, e logo pasou a dar clase no ateneo de Nápoles para a pasar como profesor asociado en 1758 á cátedra de anatomía descritiva e patolóxica, logrando a súa titularidade en 1766. Un ano antes relizou unha viaxe de tres meses percorrendo Italia na que deixou testemuño en Iter Italicum Patavinum, un diario con descricións paisaxistícas e costumistas.
Foi un dos homes de ciencia que en 1782 integraron a formar a Accademia dei XL, fundada a iniciativa de Anton Mario Lorgna. En 1789 viaxou por Austria e Alemaña como médico de Fernando IV de Nápoles. Foi decano da facultade de medicina e reitor da universidade partenopea, introducindo o exame de física e establecendo a incompatibilidade entre as profesións de médico e a de farmacéutico. Foi tamén protomédico xeral do Reino das Dúas Sicilias.
En De aquaeductibus auris humanae internae (1761) describiu por primeira volta o aparello vestibular e a cóclea do oído interno, demostrando tamén que o labirinto estaba cheo de líquido[2] e privado de aire, ao contrario do que establecía unha teoría secular que se remontaba a Aristóteles. Cotugno amosou que se podía propagar o son nos líquidos, no humor do vestíbulo, coñecido como líquido endolaberíntico, formulando así os fundamentos da teoría da resonancia[3].
En De ischiade nervosa commentarius (1764) describiu as causas e a localización da ciática, ocasionada por unha inflamación do nervio ciático por unha substancia ácida[4] procedente da cavidade cranial ou espiñal, e máis do líquido cefalorraquídeo; recoñeceu tamén a presenza de albumina nos ouriños dos nefríticos. A segunda parte da obra dedicouna principalmente ás solucións terapéuticas, como incisións e sangrías.
Rm 1769 publicou a súa terceira obra fundamental, De sedibus variolarum syntagma, unha investigación sobre a varíola, na que sostiña que se localizaba na pel exposta ao aire e que era necesario atopar solucións específicas, rexeitando a curación tradicional por medio de baños quentes. A parte máis importante da obra dedícaa á inoculación, e que o levaría máis tarde a apoiar a vacina contra da variola de Edward Jenner.
En 1778 publicou De animorum ad optimum disciplinam praeparatione no que bosquexaba as relacións entre a moral e o coñecemento nun momento no que o Estado estaba a revolucionar as institucións culturais.