Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de setembro de 1709 Laudio, España |
Morte | 9 de maio de 1775 (65 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Lugar de sepultura | Catedral metropolitana de Buenos Aires |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | empresario |
Domingo de Basavilbaso de la Presa, nado en Llodio (Áraba) o 1 de setembro de 1709 e finado en Bos Aires o 9 de maio de 1775,[1] foi un comerciante de orixe vasca, emigrado a Bos Aires e que organizou o correo no vicerreinado do Río da Prata[2] e tamén instalou o primeiro alxibe para purificar a auga en Bos Aires.[3]
De orixe bilbaíña, Domingo de Basavilbaso marchou a América para traballar co negocio dun tío seu en Montevideo cando tiña dezaoito anos. Casou cunha crioula de Bos Aires, María Ignacia de Urtubia y Toledo[4] en 1730, e estableceuse nesa cidade e accede á vida pública primeiro como alcalde do cabido (1736), e despois como síndico (1745) e rexedor (1767).
Por mor dos seus cargos viaxou por todo o Río da Prata que naquel entón carecía dunha rede de correos regular e Basavilbaso logrou autorización, en 1747, para establecer o correo entre Bos Aires e Potosí[3] para chegar a Lima, daquela capital do vicerreinado. A data deste acontecemento considérase a do nacemento do Correo Fixo (regular) no Río da Prata (17 de xuño de 1748).[5] Por iso, é considerado o pai do servizo de correo na Arxentina. Posteriormente estableceu o correo entre Bos Aires e Santiago de Chile.
En 1766 era un dos principais comerciantes da cidade[6]; e en maio de 1767[7], coa organización do correo ultramariño establecido polo marqués de Grimaldi,[8] Domingo é nomeado administrador do correo marítimo de Bos Aires que desde Montevideo traía o correo procedente de España do Correo Ultramarino A Coruña-Montevideo. Un paquebote unía estes dous portos cada tres meses[9], e unha vez separadas as cartas, expedíanse a través do Paraná até Santa Fe; cruzaban os Andes até Santiago de Chile; outras a través de Córdoba, chegaban a Potosí, A Paz ou Cuzco; ou empregando corredoiras incas chegaban a Quito e polo Magdalena e despois a cabalo alcanzaban Cartaxena de Indias.[9] Tamén creou a figura do carteiro que xa existía na península.[10]
En 1771, retirouse e deixou o posto a seu fillo Manuel que edificou a Casa de Correos de Bos Aires.[11]