Dragon Quest (ドラゴンクエスト) é unha saga de videoxogos pertencente ao xénero dos RPGs. En América do Norte o título era Dragon Warrior ata a saída de Dragon Quest VIII. A súa primeira parte foi creada polo deseñador de videoxogos xaponés Yuji Horii para a videoconsola de Nintendo chamado Family Computer System (NES en Europa e América). Saíron xogos desta saga para Famicom (NES), Super Famicom (Super Nintendo), Game Boy Cor, Game Boy Advance, Nintendo DS, PlayStation e PlayStation 2. Espérase ademais que saia esta serie para a PlayStation 3 e a Nintendo Wii para o 2007. Os primeiros Dragon Quest foron producidos pola compañía Enix, ata que en 2003 esta fusionouse con Squaresoft, dando lugar a Square Enix.
Esta saga de xogos caracterízase por varios elementos:
- Cando o protagonista se dirixe a un PNX, só aparece na fiestra de texto a resposta do PNX, non o que di o propio protagonista.
- É común que se poida capturar monstros e utilizalos como personaxes controlables.
- Segue o sistema de combates consistente en mostrar imaxes frontais dos monstros e varios menús que nos permiten elixir as accións a seguir. Os protagonistas non aparecen durante o combate, xa que se asume que o combate é en primeira persoa. Este sistema de combate é idéntico ao do tamén RPG Phantasy Star. Isto cambiou coa saída de Dragon Quest VIII, no que se pode ver como os personaxes ou os inimigos atacan.
Os creadores desta serie son basicamente tres:
- Yuji Horii entra a traballar a Enix logo de gañar un concurso e desde ese momento creou varios títulos ata que chegou o seu gran momento ao crear a serie de Dragon Quest na que segundo di quería facer unha especie de manga onde se puidese elixir que fixese o protagonista.
- Akira Toriyama famoso por crear series como Dragon Ball. Traballaba na mesma revista que Horii e foi aí onde este lle pediu axuda na creación dun novo proxecto; necesitaba que alguén crease os monstros e personaxes dun videoxogo. Desde ese momento encárgase diso nesta serie.
- Koichi Sugiyama é o compositor de cada un dos temas de Dragon Warrior. Moitos xogadores opinan que o seu mellor traballo desenvolveuno na terceira entrega deste xogo, aínda que recoñecen que é bo en cada un dos xogos nos que participou. Ademais de traballar en videoxogos tamén participou en películas como as da saga de Godzilla.