No ámbito da informática, EXE (do inglés, executable) é unha extensión que se refire a un ficheiro executable de código reubicable, é dicir, as súas direccións de memoria son relativas.
Os sistemas operativos que utilizan esta extensión son DOS, Microsoft Windows, OS/2 e ReactOS.
O formato de ficheiros EXE foi introducido en marzo de 1983, na versión 2.0 de MS-DOS, que ata esa versión só podía executar ficheiros COM e segue sendo utilizado na última versión de Microsoft Windows (Windows Vista).
O formato EXE foi evolucionando ó longo do tempo, velaquí un breve resumo desta evolución:
- Executable para DOS: Foi introducido con DOS 2.0 e pode executarse tanto en DOS coma en Windows. Pode ser identificado cós caracteres ASCII MZ (as iniciais de Mark Zbikowski,un dos programadores de MS-DOS) ou en forma hexadecimal 4D 5A ó comezo do ficheiro (o chamado Número Máxico).
- Executable para 16 bits: Foi introducido con Multitasking MS-DOS 4.0 e non pode executarse en ningunha das demais versións de MS-DOS pero si en calquera versión de Windows e OS/2. Pode ser identificado polos caracteres ASCII NE (as siglas de New Executable) ou en forma hexadecimal 4E 45.
- Executable mesturado para 16/32 bits: Foi introducido con OS/2 2.0 e pode ser identificado cos caracteres ASCII LX ou en forma hexadecimal 4C 45. Este formato non é moi usado en aplicacións pero si en drivers tipo VxD baixo Windows 3.x e 9x.
- Executable lineal para 32 bits: Foi introducido có OS/2 2.0 e pode executarse unicamente en OS/2 2.0 ou superior. Pode ser identificado cos caracteres ASCII LX ou en forma hexadecimal 4C 58. Tamén foi usado nalgúns DOS extenders.
- Executable portátil para 32 bits: Foi introducido con Windows NT, este é o máis complexo de todos e pode executarse en tódalas versións de Windows NT e tamén en Windows 95 e superior. Tamén foi usado en BeOS RC3, pero algo violaba as especificacións PE xa que non utilizaba un subsistema correcto. Pode ser identificado polo encabezamento de ficheiro Portable Executable; os caracteres ASCII PE (hexadecimal 50 45).
- Executable portátil para 64 bits: Foi introducido nas versións de 64 bits de Windows, estes son ficheiros PE pero para unha CPU de 64 bits cun set de instrucións x86-64 ou IA-64. Pode ser executado unicamente nas versións de 64 bits de Windows (Windows XP 64 Bits Edition ou Windows Server 2003 64 Bits Edition).