Embraer E-Jet E2 | |
---|---|
E195-E2 de Binter en Vigo | |
Tipo | pasaxeiros |
Fabricante | Embraer |
Primeiro voo | 23 de maio de 2016 |
Introducido | 24 de abril de 2018 |
Estado | en servizo |
Unidades construídas | 1 E175-E2, 19 E190-E2 e 10 E195-E2 (novembro de 2020) |
A familia Embraer E-Jet E2 é unha serie de avións de pasaxeiros de alcance medio desenvolvidos por Embraer, sucesores da serie orixinal E-Jet. O programa lanzouse no Paris Air Show de 2013. A primeira variante, a E190-E2, fixo o seu voo de estrea o 23 de maio de 2016 e foi certificada o 28 de febreiro de 2018, entrando en servizo con Widerøe o 24 de abril dese ano.
As tres variantes do avión comparten a mesma fuselaxe estreita de catro asentos por fila, variando na súa lonxitude e con tres novas ás diferentes. Equipan turboventiladores Pratt & Whitney PW1000G en dous tamaños, controis fly-by-wire con aviónica nova, e unha cabina mellorada.
O primeiro E-Jet E2, un E190-E2, presentouse o 25 de febreiro de 2016 e realizou o seu voo de estrea o 23 de maio en São José dos Campos. O prototipo voou 3 horas e 20 minutos acadando unha velocidade de Mach 0,82 e unha altura de 41 000 pés, probou a tren de aterraxe e os flaps, e o uso do fly-by-wire en modo normal. O programa tivo menos problemas dos agardados e o avión podería entrar en servizo no primeiro cuarto de 2018. O aparello tiña un peso lixeiramente menor ao agardado e os outros dous prototipos voarían ao longo dese ano.[1]
O segundo prototipo voou o 8 de xullo. O voo durou 2 horas e 55 minutos e transcorreu sen ningún tipo de problemas. O primeiro E-Jet E2 voou do Brasil ao Farnborough Airshow tan só 45 días despois do seu voo inaugural.[2] En abril de 2017, cando se completaran 650 horas de probas de voo e o programa cumpría o seu calendario, Embraer buscaba garantir un 99% de fiabilidade no seu primeiro ano de servizo.[3]
A metade das probas de voo realizáronse en xuño de 2017, con voos resultados nos test de aerodinámica e de rendemento en ambientes quentes a grande altitude.[4] O peso máximo de engalaxe do E195-E2 incrementouse ata os 61 500 kg e o seu alcance ata os 4 800 km.[5] En xuño de 2017 os catro E190-E2 e o único E195-E2, presentado no Paris Air Show, levaban máis de 900 horas de probas de voo.[6] En xullo de 2017 os cinco aparellos levaban 1 000 horas de voo, e o E190-E2 completara o 55% da súa campaña de probas.[7]
En xaneiro de 2018 completárase o 98% da campaña de probas con 2 000 horas de voo. O seu consumo de combustible era dun 17,3% menor con respecto ao E190, tiña un maior alcance e era menos ruidoso.[8]
O E190-E2 obtivo a súa certificación por parte da ANAC, FAA e EASA o 28 de febreiro de 2018.[9] Os primeiros motores de produción para a versión máis grande entregáronse en febreiro de 2019, e estes deberían reducir o consumo de combustible por asento nun 24% con respecto ao E195.[10] O E195-E2 obtivo a súa certificación en abril de 2019.[11]
Inspirándose na industria automobilística, Embraer usa a mesma liña de produción para fabricar o E190/195-E2 xunto co orixinal E175/190/195, a un ritmo estable de oito aparellos fabricados por mes a finais de 2018; a produción da familia E-Jet orixinal reducirase unha vez que comece a fabricarse o E175-E2 no ano 2021. Esta decisión contrasta coas dificultades de Boeing para transitar do 747-400 ao 747-8 nunha mesma liña de montaxe, e a súa decisión posterior de crear unha liña separada para o 737 MAX.[12]
A medida que Embraer pasa dos actuais E-Jet ao mellorado E2, espera entregar 85-95 avións en 2018 cun fluxo de caixa negativo de 150 millóns de dólares, menos que en 2017 con 78 entregas nos nove primeiros meses e unha saída de efectivo de 700 millóns. A compañía agarda volver a ter beneficios en tres anos, cando o investimento no programa se reduza e a rampla de produción estea completa.[13]
Os E2 representarán o 10% das entregas de Embraer en 2018 e esa porcentaxe irá aumentando. Embraer pensa que Airbus non será capaz de reducir os custos da cadea de provedores do A220 o suficiente como para que dea beneficios e o ve como un avión pesado, caro e adaptado a rutas longas que exceden o alcance do E2, cuxas características operacionais gañarán a meirande parte do mercado como avións de proximidade tras a certificación e entrada en servizo.[14] Embraer entregou 101 avións comerciais en 2017, baixando dos 162 entregados en 2008, pero agarda entregar 14 E2 cada mes, ou incluso 16 ou 18. As estacións híbridas poden traballar nos dous modelos, o E1 e o E2, e a produción está máis automatizada.[15]
Tras a súa certificación, o primeiro E190-E2 foi entregado ao seu cliente de lanzamento, a norueguesa Widerøe, en abril de 2018 cunha configuración de 114 asentos en clase única. Seguíronlle entregas para Air Astana e Chinese GX Airlines. Antes das entregas do avión Embraer anunciou que algúns dos primeiros E-Jet E2 precisarían modificacións debido á vida máis curta do combustor dos seus motores Pratt & Whitney PW1900G. Embraer desenvolveu unha clase business cunha configuración de asentos escalonados 2+2 e un espazo de asento de ata 137 cm, dispoñible dende mediados de 2019.[16]
O obxectivo de Embraer é o de conseguir un 99% de fiabilidade tras 12 meses e un 99,5% aos catro anos de servizo, cando o E1 tardou 10 anos en acadar a fiabilidade prevista.[15] O 4 de abril de 2018 Widerøe recibiu o seu primeiro E190-E2 en São José dos Campos.[17] O avión realizou o seu primeiro voo comercial entre Bergen e Tromsø o día 24 de abril de 2018.[18] En xuño de 2018 os tres primeiros E190-E2 entregados a Widerøe acumulaban 413 horas de voo e 332 ciclos, facendo unha media de 6,57 ciclos por día cunha duración de 1,28 horas, e acadando un 99,35% de fiabilidade.[19] Widerøe conseguiu unha fiabilidade do 98.5% despois do seu primeiro ano de operación.[20]
En decembro de 2017 Boeing e Embraer discutían unha potencial alianza.[21] O 15 de xullo de 2018 as dúas compañías anunciaron un memorando de entendemento para establecer unha empresa conxunta, da cal Boeing tería o 80% da participación, para producir e dar servizo aos avións comerciais de Embraer, incluído o E-Jet E2.[22] Analistas da industria da aviación destacaron que o acordo podería ser boo para ámbalas dúas compañías, xa que Boeing precisaba avións máis pequenos, como as familias E-Jet e E-Jet E2, e Embraer necesitaba a potencia comercializadora dunha compañía máis grande xa que o E-Jet E2 estaba vendéndose a un ritmo moi lento.[23]
O 26 de febreiro de 2019 os accionistas de Embraer aprobaron a asociación,[24] e a nova empresa conxunta agardaba pola pola aprobación regulatoria. O 24 de abril de 2020 Boeing deu por finalizado o acordo, afirmado que Embraer non cumprira as condicións do mesmo.[25] Embraer rexeitou as razóns de Boeing, dicindo que a compañía buscaba evitar os seus compromisos e que buscaría "todos os remedios contra Boeing polos danos causados",[26] que os analistas da industria consideran que poden incluír danos por pedidos perdidos mentres os clientes esperaban o peche do acordo.[27]
Esta é a variante máis pequena da familia, con capacidade de ata 90 pasaxeiros. Ten prevista a súan entrada en servizo no ano 2021.
O E190-E2 é unha variante máis grande, con capacidade de ata 106 asentos. En febreiro de 2018 foi certificado pola Agência Nacional de Aviação Civil a Administración Federal de Aviación estadounidense e a Axencia Europea de Seguridade Aérea.[9] A primeira unidade foi entregada en abril de 2018 a norueguesa Widerøe, e fixo o seu primeiro voo comercial o día 24 dese mes.[18]
O E195-E2 e a versión máis longa da familia, con capacaidade de ata 144 pasaxeiros con densidade alta. O primeiro E195-E2 foi entregado a Azul Linhas Aéreas Brasileiras o 12 de setembro de 2019, entrando en servizo o 16 de outubro de 2019.[28][29]