Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Enrique Ortiz de Landázuri Izarduy 11 de agosto de 1967 (57 anos) Zaragoza, España |
Outros nomes | Enrique Bunbury Bunbury |
Residencia | Os Ánxeles |
Actividade | |
Ocupación | cantautor, produtor musical, compositor de cancións, cantante, teórico da conspiración |
Período de actividade | 1984 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Spanish rock (en) |
Tesitura | Barítono |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | EMI Latin |
Familia | |
Familia | Jorge Ortiz de Landázuri Yzarduy (pt) |
Premios | |
| |
Sitio web | enriquebunbury.com |
Enrique Ortiz de Landázuri Izarduy, máis coñecido como Enrique Bunbury, nado en Zaragoza o 11 de agosto de 1967, é un artista aragonés, coñecido por ser o vocalista da banda de rock & roll Héroes del Silencio e pola súa carreira en solitario.
O nome artístico Bunbury está sacado da obra de teatro Ernest. Comedia frívola para xente seria de Oscar Wilde.
A súa andaina musical comezou con doce anos, ao mercar a súa primeira guitarra eléctrica con cinco mil pesetas que aforrara, e empezou a tocala en 1980 nun grupo do colexio, chamado Apocalipsis. Entre 1981 e 1983 tocou a batería, foi cantante dunha banda chamada Rebel Waltz e tocou o baixo en Proceso Entrópico.
Tras deixar Proceso Entrópico, Bunbury pasou a ser o vocalista dun grupo chamado Zumo de Vidrio, que se converteu no xermolo de Héroes del Silencio. Nesa formación estaban Juan e Pedro Valdivia, que xunto con Enrique crearon os primeiros Héroes del Silencio en 1984.
Co apoio de "Cachi", un dj zaragozano, e do xornalista Matías Uribe, Héroes del Silencio comezou a darse a coñecer. Nos seus comezos, conseguen o segundo posto no concurso de Pop-Rock de Huesca, por detrás duns máis experimentados Proscritos de Binéfar. Un concerto ofrecido en 1987 na sala En Bruto -no que conseguiron vender tódalas entradas e deixar a centos de seguidores fóra-, pon ó cuarteto no punto de mira. Gustavo Montesano (ex Olé Olé) fixouse neles, logrando que asinaran o seu primeiro contrato coa multinacional EMI.
Entón, publicouse Héroe de leyenda en 1987, do que se venderon máis de 30.000 copias. Meses despois publicaron o seu primeiro LP, El mar no cesa, que se converteu de inmediato en disco de platino. "Mar adentro" ou "Flor venenosa" pasaron a ser cancións de referencia para mozos de finais dos 80 e principios dos 90. Porén, o grupo quedou descontento coa produción deste primeiro álbum, que consideraban "fresco, pero falto de enerxía".
En Calatayud (Zaragoza) viunos o ex-compoñente de Roxy Music Phil Manzanera, que quedou prendando coa banda e decidiu apostar por eles. Manzanera produciulles Senderos de traición (1990). Pertencen a ese disco éxitos como "Entre dos tierras" ou "Maldito duende", que lles permitiron abrirse mercado fóra de España.
Un concerto contra o racismo en Alemaña, onde Héroes del Silencio amosou a súa personalidade e carácter sobre o escenario, fíxolles dar un salto enorme na súa carreira. Os seus compoñentes déronse a coñecer internacionalmente cantando as súas cancións en español. En Alemaña e Italia conseguiron o disco de ouro. Tocaron en escenarios de Austria, Suíza, Bélxica ou Escandinavia.
Co lanzamento internacional de El espíritu del vino (1993), Héroes del Silencio embarcouse nunha xira que os levou por máis de 20 países.
En España, Bunbury protagonizou algunhas polémicas. Nunha delas, o príncipe Filipe recibiunos en audiencia e Bunbury declarouse, á saída, contrario á institución monárquica.
Avalancha (1995) foi o último disco de estudo de Héroes del Silencio.
A continuación realizaron outra xira mundial que pasou por Estados Unidos, México, Arxentina, Guatemala e numerosos países americanos e europeos. Trala publicación de Parasiempre (1996), un dobre CD en directo, anunciaron a súa separación e un descanso indefinido para iniciar proxectos en solitario.
Durante a xira de 1996 (que incluía concertos de marzo a setembro) Bunbury, para quen o tour se estaba convertendo nun suplicio, decidiu ir gravando maquetas en diferentes estudos americanos coa intención de facer eses meses máis levadíos. No tramo español da xira a banda levou como abreconcertos ao grupo colombiano Aterciopelados, cos que Bunbury colaboraría posteriormente gravando coros no álbum La pipa de la paz (1997). Nesta época considerou mesmo a posibilidade de deixar a música. Sentíase incomprendido: "Necesito un público que me faga medrar como músico, non que me faga tocar toda a vida "Entre dos tierras" e enriba como o facía con Héroes".
Bunbury gravou nos Ánxeles (California), San Xoán (Porto Rico) e en Cidade de Guatemala. Meses despois marchou a Marrocos con ese material e alí compuxo novos temas e deu forma ós que xa levaba baixo o brazo. Co apoio de Phil Manzanera marchou a Londres para concibir Radical sonora (1997), o seu álbum debut como solista. Manzanera foi o seu produtor. O primeiro disco en solitario de Enrique separábase totalmente do son de Héroes. A súa aposta persoal achegábase á electrónica, á música árabe e ó rock máis psicodélico.
Bunbury arriscou, pois quería investigar sobre novas tendencias e sobre el mesmo. O resultado foi dispar. A crítica aclamouno con cautela, pero o público deulle as costas.
Decidiu entón dar un salto ó baleiro con Pequeño (1999), un álbum con aires de cabaret e de sons mediterráneos, que presentou inicialmente como o seu último álbum: Propúxenme facer o disco que me saira, e saiu 'Pequeño'. Dábame igual se a xente non o entendía. Quería facelo e se me tiña que retirar, pois me retiraba. Así mo propuxen.
A cousa comezou a cambiar. A pesar do relativo -máis ben escaso- apoio das radiofórmulas, Pequeño calou entre o público. Cancións como "Infinito" ou "El viento a favor" encumiaron novamente a Bunbury, que volveu ó primeiro plano da actualidade.
Empezou a reconciliarse co público e abriu o espectro non só á mocidade, senón tamén a xente maior. Pequeño foi disco de platino, como xa o fora Radical sonora, e con el conseguiu éxito en México e na Arxentina, onde Bunbury comezaba a consolidarse como figura de culto para algúns. Entre tanto, o artista foi nomeado ós Grammy Latinos por El extranjero na categoría de Mellor Interpretación Pop Masculina, premio que finalmente recaería en Fito Páez.
Terminada a etapa de Pequeño, Bunbury foi a Tarragona a compoñer o seu terceiro disco de estudo. Antes publicou como regalo para os fans un directo, Pequeño cabaret ambulante (2000), co que pretendeu reflectir o espírito da xira que máis disfrutei na miña vida.
O artista tomouse case nove meses para parir un disco complexo, ata que naceu Flamingos (2002), onde hai cancións con máis de 150 pistas de son. Acompañábano en Avinyonet de Puigventós (Xirona) a súa banda de nove músicos, e se achegaron aos estudios de Music Lan moitos amigos do zaragozano, como Jaime Urrutia, Quimi Portet, Shuarma, Carlos Ann, Kepa Junkera ou Adrià Puntí, que foron deixando as súas pegadas nun disco denso, marcado pola ruptura matrimonial dun Bunbury que posa vestido de boxeador para a portada do disco. A mensaxe é evidente: "Golpeáronme, pero teño ganas de erguerme e pelexar"; de aí cancións como "Contar contigo" ou "No se fíe". Todo o disco en conxunto é unha metáfora cara a súa tráxica separación, con letras moi comprometidas.
A aposta musical de Bunbury dá os seus froitos. Axiña é disco de ouro, o lanzamento é todo un éxito en México e a Arxentina, e colga o cartel de non hai billetes nos primeiros concertos en España. En varias capitais mexicanas fórmanse colas de máis de 4.000 persoas para que Bunbury asine un disco.
Un ano e medio de xira, con máis de 150 concertos e máis de 300.000 discos vendidos entre España e América, consolidan a figura dun artista que xa ten estatura de estrela. Bunbury paseouse durante 2002 e 2003 polos principais escenarios de México (Auditorio Nacional), Arxentina (Estadio Obras) ou Nova York (Central Park). O colofón ó interminable tour Flamingos foi un DVD que publicou en setembro de 2003 titulado Una cita en Flamingos, que recolle dous concertos e multitude de información sobre a xira máis importante da súa carreira.
En 2004 edítase El viaje a ninguna parte, un disco dobre onde amosa o seu lado máis viaxeiro, con ritmos, música e letras moi en consonancia coa súa personalidade cosmopolita, destacando auténticas obras de arte como "Canto (el mismo dolor)".
Os seus devaneos co rock, o tango, as rancheiras, a música árabe, o blues ou o jazz caracterizaron ó autor.
En 2005, a través da súa páxina web, Enrique Bunbury anuncia a disolución de El Huracán Ambulante (a banda que o acompañaba durante os últimos 8 anos), a cancelación do resto da xira por España e América, e o seu temporal retiro (sen data de regreso) dos escenarios [1].
No primeiro dos dous concertos de despedida que mantivo da xira (Zuera e Cambrils), retirouse na quinta canción ("Sácame de aquí", pertencente ao disco Flamingos) para non volver, suspendendo ademais o segundo e último concerto desta etapa que pechaba. Esta era a terceira vez que non completaba unha actuación na provincia de Zaragoza. A primeira tivo lugar na sala Oasis de Zaragoza, cando se suspendera o primeiro concerto da xira 2003 en Vila-real e este ía ser o primeiro da comentada xira, pero na sétima canción, "Infinito", abandonou o escenario e a actuación cancelouse definitivamente. A segunda ocasión tivo lugar nas festas do Pilar, o 12 de outubro de 2004, no Paseo da Independencia de Zaragoza, cando só actuou durante unha das dúas horas que se estipularan, ao non volver a saír despois do primeiro descanso.
En 2006 saca á venda Canciones 1996-2006, un recompilatorio de temas dos seus álbums en solitario. Durante ese ano, realiza colaboracións nos discos de varios grupos, como Revólver ou Quique González. Tamén colaborou no último disco recompilatorio de Pereza, chamado Los amigos de los animales.
Participou tamén no novo vídeo de Jaime Urrutia, "Nada por aquí", do disco El muchacho eléctrico, onde Bunbury participara tamén na gravación de dito tema. O videoclip foi rodado en exteriores, principalmente na antiga estación de tren de Entrevías, Madrid.
Tamén en 2006 Enrique Bunbury e Nacho Vegas realizan no Porto de Santa María os vídeos e fotos promocionais do seu novo traballo discográfico. O título inicial era Bunbury y Vegas, barallándose tamén a posibilidade de que fose ó revés, Vegas y Bunbury. Este disco publicouse o 18 de setembro de 2006 co título final de El tiempo de las cerezas.
Lánzase como primeiro videclip "Días extraños", cantada por Nacho Vegas. O videoclip pode visualizarse de forma gratuíta desde a web oficial do dúo. Posteriormente, na sinatura de autógrafos na cidade de México, deciden a presentación de cinco concertos para promocionar este disco, todos eles no Teatro Metropolitan da mesma cidade, ademais de filmar durante a súa estadía o videoclip de "Puta desagradecida", que servirá para promocionar o seu disco en terra azteca.
O 14 de febreiro do 2007, Héroes del Silencio anunciaba o seu retorno aos escenarios nunha xira mundial de dez concertos para conmemorar o aniversario da creación do grupo e das súas primeiras gravacións. A xira levaríaos a tocar en Zaragoza, Sevilla, Valencia, Buenos Aires, Cidade de Guatemala, Os Ánxeles, México DF e Monterrey.
A expectativa pola volta foi tal que as entradas en México e España esgotáronse aos dous días de poñerse á venda, colapsándose a páxina web desde a que se vendían.
En total, os 10 concertos contaron coa asistencia de máis de 500.000 persoas. En España, o concerto de Cheste (Valencia) foi un dos máis multitudinarios da historia do pop-rock español e, debido á enorme afluencia de público (estímase que intentaron acceder ao recinto preto de 100.000 espectadores), formáronse colas quilométricas na estrada que unía Valencia e arredores co circuíto de velocidade.
Tras finalizar a xira, Bunbury confirmou o final definitivo da banda e que continuaría coa súa carreira en solitario.
O título do seu novo álbum de estudio, Hellville de Luxe (2008), é tamén o nome da casa-estudo que o cantante zaragozano ten en El Puerto de Santa María (Cádiz), a súa actual residencia; saíu á venda o 7 de outubro de 2008. A produción é novamente de Phil Manzanera e foi gravado e mesturado nos estudos Music Lan, en Avinyonet de Puigventós, provincia de Xirona, e masterizado en Sterling Sound, Nova York. O primeiro sinxelo que se desprende deste material é "El hombre delgado que no flaqueará jamás". Este single foi presentado o 20 de agosto de 2008 nun programa especial da cadea Rock & Gol, presentado por Juan Pablo Ordúñez, El Pirata. Distintos medios de comunicación acusaron a Bunbury de plaxio neste tema ao utilizar versos extraídos de dous poemarios de Pedro Casariego.[1] O artista recoñeceu a utilización de ditos versos, e defendeuse do mesmo argumentando que "Dúas frases non fan plaxio"[2]
Tamén estreou nova banda tras a disolución de "El Huracán Ambulante", que lle acompañará durante a xira de promoción deste novo álbum (o concerto inaugural foi o 6 de setembro de 2008, en Zaragoza, na Feira de Mostras; en febreiro estará visitando América) e que está conformada por Álvaro Suite, Robert Castellanos, Jorge “Rebe” Rebenaque, Ramón Gacías e Jordi Mena.
O disco publicouse en 3 formatos: Dobre vinilo, CD e edición dixital para iTunes.
En xuño de 2009 anunciouse que o novo disco de Bunbury, o seu sexto traballo en solitario, vería a luz a finais de outubro dese ano. Finalmente o lanzamento do disco, titulado Las consecuencias (que contou coa colaboración de Miren Iza, cantante do grupo Tulsa, en varios temas) produciuse o 16 de febreiro de 2010.[3] Previamente, o 15 de xaneiro saíu á luz o vídeo de "Frente a frente", versión dunha canción de Jeanette, dirixido por Juan Antonio Bayona, correspondente ao primeiro sinxelo do novo proxecto discográfico,[4] e no que contou co cameo da propia Jeanette.[5]
Na súa primeira semana á venda chegou ao máis alto en España e México. En España o álbum é número 1 tanto en vendas físicas (formato vinilo e CD) como dixitais (a través de iTunes). O vídeoclip de "Frente a frente" foi o máis visto, segundo certifica Nilssen Music Control, con máis de 1,5 millóns de visitas en YouTube. En México, grazas á prevendas, foi disco de ouro (30.000 copias vendidas) o mesmo día do seu lanzamento. Ese día o artista foi realizar unha firma de autógrafos promocional e para a súa sorpresa fixéronlle entrega do disco de ouro. Isto explícase grazas ás prevendas, que engloban os álbums vendidos entre o 8 e o 15 de febreiro a nivel nacional.
Este éxito foi inesperado, xa que antes do lanzamento do disco Bunbury declarou que pensaba que sería un disco de culto que só apreciarían os seus maiores fans, "unha obra moi pouco inmediata" que podería resultar inaccesible para o gran público. "Vai gustar a uns poucos, moito; e a outros moitos, pouco. Pero advirto, non son bo adiviñando o futuro. É un álbum difícil, lento, íntimo... Non sei até que punto radiable", declaraba o 12 de febreiro.