Flamini | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Enrique Domingo Flamini | ||
Nacemento | 17 de abril de 1917 | ||
Lugar de nacemento | Rosario | ||
Falecemento | 11 de xaneiro de 1982 | ||
Lugar de falecemento | Roma | ||
Altura | 1,75 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1938 | Racing Club | 1 | (1) |
1938 | → Talleres | 15 | (8) |
1939–1943 | Lazio | 113 | (11) |
1944 | Peñarol | ||
1944–1945 | Cruzeiro (RS) | ||
1946–1952 | Lazio | 159 | (32) |
1952–1953 | Reggiana | 3 | (0) |
1953–1954 | Lazio | 0 | (0) |
1954–1955 | Terracina | 3 | (0) |
Selección nacional | |||
1950 | Italia B | 1 | (0) |
Adestrador | |||
1960–1961 | Lazio | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Enrique Domingo Flamini, coñecido en Italia como Enrico Flamini, nado en Rosario o 17 de abril de 1917 e finado en Roma o 11 de xaneiro de 1982, foi un futbolista italo-arxentino, que xogaba como dianteiro e centrocampista.
Era alcumado Flaco ("Fraco" en español) debido á súa complexión física.
Despois de xogar no seu país natal no Racing Club de Avellaneda e no Talleres de Remedios de Escalada, chegou a Italia seis meses antes de que comezase a tempada 1939/40, na procura de documentos que acreditasen a súa ascendencia italiana. Tras conseguilo, fichou como "oriúndo" pola Lazio, por recomendación do director deportivo Alfredo Di Franco.
Debutou co club romano nun amigable en Nápoles e de inmediato demostrou a súa velocidade e precisión no tiro. O 26 de maio de 1940, co equipo pasando por un mal momento, marcou o gol decisivo no derbi que o seu equipo gañou por 1-0 ante a Roma, cun disparo desde lonxe que bateu ao porteiro rival Guido Masetti. Durante a Segunda guerra mundial deixou Italia e regresou a América do Sur, onde militou primeiro no Peñarol e logo no Cruzeiro de Rio Grande do Sul co adestrador húngaro Imre Hirschl.[1] Trala fin do conflito volveu ao Lazio, no que militou ata 1954, cun breve paso intermedio polo Reggiana. O seu balance coa Lazio foi de 283 partidos oficiais e 44 goles.
Rematou a súa carreira en 1955, tras unha tempada no Terracina, da IV Serie.
Despois de colgar as botas traballou durante anos como adestrador na canteira da Lazio. Na tempada 1960/61 colleu as rendas do primeiro equipo, trala marcha de Fulvio Bernardini, pero non puido endereitar o mal rumbo do equipo, que acabou descendendo á Serie B por primeira vez na súa historia. Máis tarde foi segundo adestrador de Bob Lovati no equipo.