O Espírito do pobo (en alemán, Volksgeist) é un concepto propio do nacionalismo romántico. Consiste en atribuírlle a cada nación uns trazos comúns e inmutábeis ao longo da historia.
Algúns pensadores ilustrados, como Voltaire ou Rousseau, compartían a idea de que as distintas nacións teñen distintas personalidades. Na obra L'esprit des lois ("O espírito das leis"), Montesquieu afirma no capítulo 4 do libro XIX que «o espírito dunha nación» (resultante de factores coma o clima, a relixión ou os costumes), orixina un tipo específico e distintivo de dereito para cada nación, contrario ao dereito natural universal.
A orixe do concepto de Volksgeist nace co prerromanticismo alemán, en especial nas obras de Johann Gottlieb Fichte e sobre todo de Johann Gottfried Herder.[1][2] Fronte o cosmopolitismo ilustrado, Herder defende a existencia de nacións independentes e diferenciadas. A cada unha correspóndenlle uns trazos constitutivos inmutábeis de índole cultural, racial ou psicolóxico, entre outros. Estes trazos son, por tanto, ahistóricos, anteriores e superiores ás persoas que forman a nación nun momento determinado.[3]
A idea do Volksgeist de Herder foi posteriormente adoptada polo Romanticismo primitivo e reaccionario, en especial polos irmáns Friedrich e August Wilhelm von Schlegel. Estes adaptaron o Volksgeist ao estudo das linguas, a literatura e a arte. Como resultado, negaron a existencia de normas artísticas e literarias universais, como defendía o Neoclasicismo. Por contra, déronlle importancia aos xéneros e elementos en que, segundo o seu punto de vista, se observaba con maior claridade o espírito propio de cada nación. A eles débeselles, por exemplo, a revalorización da épica medieval e do teatro de William Shakespeare ou de Pedro Calderón de la Barca, rexeitados durante o século anterior por non seguiren as normas aristotélicas.
Herder concibía así o Volksgeist:
Posto que o home nace dunha raza e dentro dela, a súa cultura, educación e mentalidade teñen carácter xenético. De aí eses caracteres nacionais tan peculiares e tan profundamente impresos nos pobos máis antigos que se perfilan tan inequivocamente en toda a súa actuación sobre a terra. Así como a fonte se enriquece cos compoñentes, forzas activas e sabor propios do solo de onde agromou, así tamén o carácter dos pobos antigos orixinouse dos trazos raciais, a rexión que habitaban, o sistema de vida adoptado e a educación, como tamén das ocupacións preferidas e as fazañas da súa temperá historia que lle eran propias. Os costumes dos maiores penetraban profundamente e servíanlle ao pobo de sublime modelo.J. G. Herder: Ideen zur Philosophie der Geschichte der Menschheit (Ideas para unha Filosofía da Historia da Humanidade) 1784-1791[4]
Pola súa parte, Fichte describíao así:
Velaí con toda claridade e plenamente expresada a nosa descrición do pobo alemán. O seu trazo distintivo é a crenza en algo primario, absoluto, orixinal que existe no home mesmo, na liberdade e o progreso moral infinitos, no perpetuo perfeccionamento da nosa raza; en todo o cal non cren os outros pobos e aínda lles parece ser evidente todo o contrario. Os que viven dunha vida creadora, os que deixan a un lado a nada cando outra cousa non poden facer, e esperan a que se apropie deles unha vida creadora; que, malia non chegar tan lonxe, polo menos aspiran á liberdade, amándoa, en vez de tremer ante ela, todos eses son homes primitivos, e se se estuda, son considerados como unha colectividade, forman un pobo primitivo (Urvolk): o pobo alemán nunha palabra.J. G Fichte: Reden an die deutsche Nation (Discursos á nación alemá) 1807-1808[4]
Johann W. von Goethe, membro do movemento literario e musical Sturm und Drang ("tormenta e pulo"), opúxose ao racionalismo da Ilustración e proclamou a liberdade do sentimento, ao tempo que asumiu a tradición alemá.[5] Goethe tratou de buscar unha síntese entre o xermanismo e o humanismo.[5] Ernst Moritz Arndt, poeta nacionalista alemán, sinalou como misión da mocidade alemá a procura da unidade nacional. Entendía a nación como comunidade cultural (que combinaba ideas do Clasicismo e a Ilustración), comunidade de destino (baixo a influencia do Romanticismo) e comunidade política, é dicir, un conxunto de homes libres ao redor dun Estado (inspirado no modelo francés).[5]