Espadeiro é unha variedade de uva tinta (Vitis vinifera) característica do noroeste da Península Ibérica, especialmente presente na denominación de orixe Rías Baixas (Galicia) e máis na rexión do Minho (Portugal)[1]. Ten acios de tamaño medio con uvas de cor vermella azulada intensa. En Galicia recibe tamén as denominacións de areal, espadal, espadeiro da tinta, padeiro de basto, padeira de basto, tinta pobres e torneiro.
É unha planta cunha presenza escasa no cultivo por mor do seu baixo rendemento e a esixencia de solos de características arxilosas. Porén, no val do Salnés (unha das subzonas da D. O. Rías Baixas) era a caste tinta maioritaria até que chegou a praga da filoxera, a comezos do século XX[2], momento a partir do cal se introduciron castes híbridas que proporcionan moita máis uva. Actualmente está a recuperarse a súa produción.
Até hai poucos anos, por mor da súa escasa presenza e baixa rendibilidade, empregouse para mesturar con outra uvas, pero hoxe en día tamén se fan viños monovarietais. Produce viños con corpo, aromáticos, ácidos e de cor cereixa escura, xeralmente novos ou cun lixeiro paso por barricas de carballo[3].
En Portugal diferenciáronse xeneticamente dúas variedades, a espadeiro tinto[4] e a espadeiro mole[5].