A especiación ecolóxica é o proceso polo cal a selección diverxente entre ambientes ecoloxicamente diferentes orixina a creación de barreiras reprodutivas entre as poboacións.[1] Isto a miúdo é o resultado da selección sobre trazos que están correlacionados xeneticamente co illamento reprodutivo. Esta especiación ocorre como unha consecuencia da diverxencia adaptativa.[2][3]
A selección ecolóxica ocorre pola "interacción de individuos co seu ambiente durante a adquisición de recursos".[4] A selección natural está inherentemente implicada no proceso de especiación, por medio da cal, "baixo a especiación ecolóxica, as poboacións en diferentes ambientes, ou poboacións que explotan diferentes recursos, experimentan presión de selección natural opostas nos trazos que directa ou indirectamente dan lugar á evolución dun illamento reprodutivo".[5] Hai probas do papel que xoga a ecoloxía no proceso de especiación. Estudos de poboacións de peixe espiñento apoian a especiación ligada á ecoloxía,[6] xunto con numerosos estudos de especiación paralela.
A diferenza clave entre a especiación ecolóxica e outros tipos de especiación, é que é desencadeada por unha selección natural diverxente entre diferentes hábitats, e pode ocorrer en alopatría, simpatría, ou parapatría. O único requirimento é que a especiación ocorra como resultado da adaptacións a diferentes condicións ecolóxicas ou microecolóxicas.[1]
Debátese sobre os límites para considerar se un evento de especiación é ecolóxico ou non ecolóxico. "O efecto xeneralizado da selección suxire que a evolución adaptativa e a especiación son inseparables, o que provoca dúbidas sobre se a especiación é algunha vez non ecolóxica".[7]
A especiación paralela é aquela na que "evoluciona repetidamente un maior illamento reprodutivo entre poboacións independentes que se adaptan para enfrontarse a ambientes opostos en vez de entre poboacións independentes que se adaptan a ambientes similares".[8]
Exemplos coñecidos de especiación ecolóxica inclúen os peixes espiñentos, nos que especies distintas xorden como resultado da adaptación a diferentes condicións a distintas clinas de profundidade na auga de lagos.[9] Os antepasados do xénero Ilex (acivro) quedaron illados dos restantes Ilex cando as masas continentais da Terra se dividiron en Gondwana e Laurasia hai uns 82 millóns de anos, o que tivo como resultado a separación física dos grupos (alopatría) e o comezo dun proceso de cambio paa adaptarse a novas condicións; co paso do tempo as especies superviventes do xénero do acivro adaptáronse a diferentes nichos ecolóxicos. A especie invasora Centaurea solstitialis é un caso incipiente de especiación ecolóxica; en menos de 200 anos, apareceu un incipiente illamento reprodutivo como resultado da adaptación a diferentes condicións ecolóxicas entre as áreas nativas e non nativas.[10][11]
Un caso de especiación paralela ocorre por exemplo no peixe mosquito nas Bahamas, onde o peixe Gambusia habita nos chamados "buratos azuis" (cavernas calcarias e depresións inundadas nas illas). Algúns dos buratos conteñen o peixe predador piscívoro Gobiomorus dormitor, mentres que outros non teñen predadores importantes (agás aves). Os autores do estudo comprobaron a especiación ecolóxica medindo tres conxuntos de datos: datos morfolóxicos (para comprobar a selección natural diverxente), datos moleculares (para comprobar a "evolución de trazos replicados en poboacións independentes" con fenotipos similares), e ensaios de elección de parella (para comprobar o illamento reprodutivo entre "pares ecoloxicamente diverxentes de poboacións en vez de entre ecoloxicamene similares": un produto resultante de trazos diverxentes). O estudo permite comprobar por medio dun experimento natural os efectos da selección natural mediada por predadores e o seu resultado: a especiación ecolóxica. Os resultados suxeriron unha "forte confirmación da hipótese da especiación ecolóxica" e apoia amplamente que a especiación paralela ten lugar nos diferentes "buratos azuis".[12]
Outro exemplo son os escíncidos, nos que o xénero Plestiodon (antes Eumeces) ten unha complexa historia evolutiva con especiación ecolóxica e especiación paalela das seguintes tres especies (dentro de dous morfotipos): E. skiltonianus e E. lagunensis (un morfotipo), e E. gilberti (o outro morfotipo). E. gilberti ocupa hábitats secos e de baixa altura, ten un maior tamaño corporal, e unhas escamas de cor liso uniforme. As outras dúas especies habitan rexións situadas a maior altura, teñen corpos menores, e mostran bandas coloreadas. Os membros do grupo teñen fases de fenotipo similar durante o seu desenvolvemento inicial, pero difiren nas súas morfoloxías nas fases posteriores. Unha análise filoxenética usando ADNmt de todo o grupo, (incluíndo todas as especies e subespecies do grupo de Eumeces que habitan o oeste dos Estados Unidos) combinada con comparacións da morfoloxía, e a distribución xeográfica mostraron que son "exemplos de evolución morfolóxica paralela...e proporcionan probas de que este sistema é consistente cun modelo de especiación ecolóxica" debido á "similitude nas traxectorias ontoxenéticas iniciais e a estreita asociación entre diferenzas no tamaño corporal e patróns de cor" de cada morfotipo.[13]