A especiación peripátrica ou peripátrida é un modo de formación de novas especies ou especiación a partir de poboacións periféricas pequenas. Os termos peripátrico e peripatría úsanse en bioxeografía para referirse aos organismos cuxas áreas de distribución son adxacentes pero non se solapan, polo que permanecen illados; por exemplo nunha illa oceánica en comparación co continente. Tales organismos están xeralmente estreitamente relacionados (por exemplo, son especies irmás), e as súas distribucións son o resultado de especiación peripátrica.
Na especiación peripátrica fórmanse novas especies en poboacións periféricas illadas pequenas; é similar á especiación alopátrica en que as poboacións están illadas e o intercambio de xenes entre elas está impedido. Porén, na especiación peripátrica unha das poboacións é moito máis pequena que a outra, cousa que non ocorre na alopátrica típica. Unha posible consecuencia da especiación peripátrica é que unha especie ancestral moi estendida xeograficamente faise parafilética, converténdose nunha paraespecie. O concepto de paraespecie é, por tanto, unha consecuencia lóxica do concepto evolutivo de especie, polo cal unha especie dá lugar a unha especie filla. A evolución do oso polar a partir do oso pardo é un exemplo ben documentado de especie viva que deu lugr a outra especie viva por medio da evolución dunha poboación localizada nas marxes da súa área de distribución ancestral.[1]
A especiación peripátrica foi proposta orixinalmente por Ernst Mayr, e está relacionada co efecto fundador, porque pequenas poboacións vivas poden sufrir pescozos de botella selectivos.[2] A deriva xenética suponse que xoga un importante papel na especiación peripátrica.[3]