Estadi Olímpic | |
---|---|
Escudo do Terrassa FC na entrada do estadio | |
Datos | |
Coordenadas | 41°34′34″N 2°00′40″L / 41.576133, 2.011142 |
Localización | Terrassa |
Construción | |
Inauguración | 21 de agosto de 1960 |
Estadio | |
Superficie | Céspede artificial |
Dimensións | 105 x 70 |
Capacidade | 11.500 |
Propietario | Concello de Terrassa |
Localía | Terrassa FC |
Eventos | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Estadi Olímpic de Terrassa é unha instalación deportiva situada na cidade catalá de Terrassa. Ten capacidade para 11.500 espectadores e nel xoga os seus partidos o Terrassa Futbol Club. Ten dous estadios anexos e caracterízase por estar practicamente enterrado baixo o nivel do chan.
Foi inaugurado o 21 de agosto de 1960 baixo deseño do arquitecto Pep Bonet para albergar ao equipo de fútbol local, xa que o seu antigo estadio quedaba pequeno. O estadio construíuse integrado nunha zona deportiva no norte da cidade, con instalacións como piscinas, pistas polideportivas e frontóns, xestionados polo Club Natació Terrassa e o Club San Fernando de Balonmán. Os dous estadios anexos dedicáronse un á práctica do hóckey sobre herba e o outro, xestionado polo Concello de Terrassa, a pista de atletismo de cinza con 300 metros de corda (lonxitude da pista).
En 1991 remodelouse toda a zona deportiva, incluído o estadio olímpico, con motivo da celebración do torneo de hóckey sobre herba dos XXV Xogos Olímpicos, dos cales Terrassa foi subsede olímpica oficial. O campo de fútbol converteuse nun campo de hóckey sobre herba, dos dous campos anexos, o que era pista de atletismo serviu como campo de adestramento e o outro, que entón xa era campo de hóckey herba e era xestionado pola Federación Catalá de Hóckey, como campo auxiliar de competicións contando cunha bancada provisional para 4.200 espectadores.
Despois dos Xogos Olímpicos o conxunto volveu á normalidade: o campo anexo que se usaba para competición mantívose como campo de hóckey e actualmente é xestionado polo Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat e o de adestramento reconverteuse nun campo de fútbol estándar, con dous campos transversais de fútbol 7 e que é xestionado polo Club Natació Terrassa. O principal retomou o seu papel de campo de fútbol.
O estadio principal serve para organizar os encontros do equipo de fútbol catalán. Conta con bancadas para 11.500 persoas e dispón ademais do chamado TerrassaSports: dous campos anexos para a práctica do fútbol 7 e o fútbol 11, un ximnasio de aeróbic e fitness, unha piscina, zona de sauna, pistas de pádel e un restaurante.