Estadio Municipal de Pasarón

Pasarón
O estadio en 2022
Datos
Coordenadas42°26′17″N 8°38′28″O / 42.438, -8.641
LocalizaciónPontevedra
Construción
Inauguración1965 (estadio actual en 2010)
Estadio
Superficieherba
Dimensións105 x 66
Capacidade12 000
PropietarioConcello de Pontevedra
LocalíaPontevedra CF
Eventos
Trofeo Luis Otero
editar datos en Wikidata ]

O Estadio Municipal de Pasarón é o campo de fútbol principal da cidade de Pontevedra, onde o Pontevedra CF xoga como local. Ten unha medida de 105 x 66 metros e unha capacidade de 12 000 localidades, todas elas sentadas. Está situado na rúa Luis Otero, no barrio do Burgo.

Encontro de liga da segunda división B 2016/17 entre o Pontevedra CF e o Racing de Santander.

O primeiro encontro que se xogou neste espazo tivo lugar o 16 de febreiro de 1919, entre o Pontevedra Athletic Club e o Real Coruña[1]. Foi sede do Pontevedra CF desde a súa fundación en 1941, e acolleu tamén campionatos de atletismo (con pista de cinsa, serviu de feudo á Sociedad Gimnástica[2]) e de balonmán a 11[3].

Tralo ascenso do equipo granate a segunda división na tempada 1959-60, o concello, presidido polo alcalde José Filgueira Valverde, mercoulle os terreos á familia de Valentín Paz Andrade por 1.900.000 pesetas, nun pagamento a prazos durante cinco anos[4]. O novo estadio deseñárono os arquitectos municipais Emilio Quiroga Losada e Alfonso Barreiro Buján, en colaboración co enxeñeiro José María García-Morán Lima. Inaugurouse en 1965.

O 7 de xaneiro de 1973, nun partido entre o Pontevedra e o Sevilla FC, faleceu o xogador hispalense Pedro Berruezo ao sufrir un paro cardíaco.

Malia as reformas do ano 1982, co gallo da Copa do Mundo, o estadio atopábase demasiado deteriorado. Así, tralo ascenso do Pontevedra CF á segunda división en 2004, acometeuse unha reforma integral. Derruiuse e construíuse o novo estadio por sectores (fondo norte, fondo sur, tribuna e preferencia).

Obras de reforma.

Tralas reformas, finalizadas en 2010, a capacidade reduciuse de 16.500 persoas a 12.500, xa que antes os fondos estaban deseñados para estar de pé. A reforma do estadio, financiada polo concello, a deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, viu como o orzamento inicial ascendía mesmo até o dobre, así como atrasos no tempo previsto de execución.

O 28 de decembro de 2008 acolleu un encontro da selección galega de fútbol feminino e a balear. O 7 de setembro de 2012 a selección española de fútbol xogou un amigable co combinado de Arabia Saudita, que se saldou con 5-0 a favor da primeira.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

Dispón de servizo de gardería e salas VIP e de prensa. Foi sede do Corpo Municipal de Bombeiros entre 1968 e 1987, e tamén do Club Ciclista de Pontevedra nos anos 80. Entre maio de 1987 e xullo de 1998 acolleu temporalmente parte do arquivo municipal mentres se acondicionaba outro espazo. En 1994 pasou a acoller a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Ao longo da súa historia acolleu diversos concertos e actuacións, como os de Joe Cocker, Alejandro Sanz, Mecano e Emilio Aragón en 1992[5], do grupo Depeche Mode en 1993[6], Joan Manuel Serrat en 1994 ou The Black Crowes e Julio Iglesias en 1995.

  1. Feijoo Lamas, Leoncio. Los albores del fútbol pontevedrés. 
  2. David Acevedo (19 de febreiro de 1919). "El centenario de un emblema, en imágenes". Diario de Pontevedra. 
  3. David Acevedo (19 de febreiro de 1919). "Pasarón cumple sus primeros 100 años de historia". Diario de Pontevedra. 
  4. López Torre, R. (2015). "La compra del campo de Pasarón". Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968). Concello de Pontevedra, Faro de Vigo. pp. 266–272. 
  5. "Pasarón, sede de los grandes conciertos de «Peregrina 92»". La Voz de Galicia. 16 de maio de 2017. 
  6. "Depeche Mode congregó a tres mil personas en Pasarón". La Voz de Galicia. 13 de xullo de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]