A estratexia da cuña ou argumento da cuña (coñecida en inglés como Wedge Strategy) é un plan de acción política e social elaborado polo Discovery Institute, o núcleo do movemento do deseño intelixente. A estratexia presentouse nun manifesto publicado en 1999 polo Discovery Institute coñecido como o Documento da cuña ou Documento Wedge,[1] no que se describe unha ampla axenda social, política e académica cuxo obxectivo final é "derrotar ao materialismo científico" representado pola evolución, "reverter a sufocante visión do mundo materialista e substituíla por unha visión científica acorde coas conviccións cristiás e teístas" [2] e "afirmar a realidade de Deus".[3]
O seu obxectivo é "renovar" a cultura estadounidense moldeando a política pública para que reflicta os valores do cristianismo conservador, principalmente valores evanxélicos e protestantes.[4]
O deseño intelixente é a controvertida conxectura de que certas cousas do universo e os seres vivos poden explicarse mellor mediante unha causa intelixente que por un proceso naturalista como o da selección natural. Dentro das conxecturas do deseño intelixente encóntrase a idea de redefinir a ciencia e como esta debe conducirse. Os propoñentes da estratexia Wedge opóñense dogmaticamente ao materialismo,[5][6][7], ao naturalismo [6][8] e á evolución [9][10][11][12] e estableceron como o seu obxectivo explícito que sexan substituídas.[13][14]
O Documento da cuña esboza unha campaña de relacións públicas planificada para influír na opinión pública, nos medios populares, nas fundacións de caridade e nos elaboradores de políticas públicas. De acordo cos seus críticos, o documento da cuña, máis que calquera outro proxecto do Discovery Institute, demostra o propósito político, en vez de científico, do instituto e do deseño intelixente.
O documento presenta os obxectivos a curto e a longo prazo con metas para o movemento do deseño intelixente, cos seus obxectivos directores declarados no parágrafo de abertura:
Hai tres "proxectos-cuña", referidos na estratexia como tres fases proxectadas para atinxir un obxectivo director:
Recoñecendo a necesidade de apoio, o instituto afirma a orientación evanxélica cristiá da estratexia:
"Xuntamente cun foco nos influentes formadores de opinión, nós tamén buscamos construír unha base popular de apoio entre os nosos seguidores naturais, a saber, os cristiáns. Faremos isto principalmente a través de seminarios de apoloxética. Planexamos que estes enardezan e equipen aos crentes con novas evidencias científicas que apoian a fe, así como que "popularizen" as nosas ideas na cultura máis ampla."
A estratexia da cuña planificouse con obxectivos e cumprir a cinco e a vinte anos coa finalidade de conseguir a conversión da corrente predominante. Un compoñente notábel do traballo foi o seu desexo de abordar "consecuencias sociais" e promover unha axenda social conservadora nunha ampla gama de asuntos incluíndo o aborto, a eutanasia, a sexualidade e outros movementos de reforma social. Criticaba aos "reformadores materialistas que avogaban por programas de goberno coercitivos" aos que se refería como "unha cepa virulenta de utopía".
Máis alá da promoción dos obxectivos da Fase I de propoñer investigacións e publicacións relacionadas co deseño intelixente e esforzos con vistas á súa integración na vida académica, a estratexia da cuña pon énfase no patrocinio das Fases II e III con vistas a aumentar o apoio popular ás ideas do Discovery Institute. Esperan que o apoio á creación de libros de nivel popular, artigos en xornais e revistas, cartas á redación, producións de vídeos e seminarios de apoloxética estimule aos crentes para influír na cultura máis ampla na dirección á aceptación do deseño intelixente, o que á súa vez leva ao obxectivo último dos autores da estratexia da cuña: a reforma social e política da cultura americana.
En vinte anos, o grupo espera que acadarán o seu obxectivo de facer do deseño intelixente "a perspectiva dominante na ciencia" así como estender ramas para "a ética, a política, a teoloxía e a filosofía nas humanidades, e ver a súa influencia nas belas artes". Un obxectivo da estratexia da cuña é ver o deseño intelixente "permear a vida relixiosa, cultural, moral e política". Cumprindo este obxectivo estará cumprido o obxectivo último tal como foi declarado polo Centro para a Ciencia e a Cultura, a derrota do materialismo e os seus legados culturais que levan á condenación ás penas eternas" e restabelecer "a proposición de que os seres humanos foron creados á imaxe de Deus", e desta forma "renovar" a cultura americana para reflectir os valores cristiáns conservadores.[15] O preámbulo do Documento da Cuña [2] reproduce en gran parte, palabra a palabra, a primitiva declaración da misión do Centro para a Ciencia e a Cultura, daquela chamado "Centro para a Renovación da Ciencia e da Cultura". [16]. O tema retómase no controvertido libro From Darwin to Hitler redactado polo membro do Centro para a Ciencia e a Cultura Richard Weikart [3] e publicado co apoio do Centro.
A estratexia da cuña redactouna en gran parte Phillip E. Johnson, e menciónase de forma destacada no seu libro The Wedge of Truth: Splitting the Foundations of Naturalism.
Esquematizado en 1998 polos dirixentes do Discovery Institute, o Documento da Cuña apareceu publicamente despois de ser colgado na World Wide Web o 5 de febreiro de 1999 por Tim Rhodes[17], e compartido por Matt Duss, un empregado dunha empresa internacional de recursos humanos establecida en Seattle. Duss recibira un documento para copiar titulado A Cunha e marcado como "altamente confidencial" e non destinado para distribuír"[18].
A pesar de que o cofundador do Discovery Institute e vicepresidente do Centro para a Ciencia e a Cultura Stephen C. Meyer recoñeza que o instituto é a orixe do documento[19][20], o instituto aínda busca menosprezar o seu significado, dicindo que "Teóricos da conspiración nos medios continúan reciclando a lenda urbana do documento da 'Cuña'."[21] A pesar de insistir que o deseño intelixente non é unha forma de creacionismo, o deseño escollido polo Discovery Institute para a capa orixinal do Documento da Cunha é A creación de Adán de Michelangelo, retratando a Deus estendendo o brazo para transmitir a vida do seu dedo para Adán.
Meyer unha vez alegou que o Documento da Cuña fora roubado das oficinas do Discovery Institute.[19]
De acordo con Phillip E. Johnson, o movemento da cuña, se non o termo, comezou en 1992: "O movemento que agora chamamos da cuña fixo a súa estrea pública nunha conferencia de científicos e filósofos realizada na Southern Methodist University (SMU) (Universidade Metodista do Sur) en marzo de 1992, e seguida coa publicación do seu libro Darwin no banco dos acusados. A conferencia reunira a figuras clave da cuña e do deseño intelixente, particularmente a Michael Behe, Stephen Meyer, William Dembski e eu mesmo." [4]. Johnson estableceu un "núcleo de propoñentes do deseño intelixente (DI) para os cales o Sr. Johnson actuou como un fulcro primordial... fixo contactos, intercambiou numerosos e-mails e arranxou encontros persoais. Johnson encadrou estas alianzas como unha 'estratexia da cuña', con el mesmo como dirixente e os científicos do DI cargando as balas detrás del." [5] En 1993, un ano despois da conferencia na SMU, "o núcleo de académicos [Johnson-Behe] reuniuse en Pajaro Dunes... Aquí, Behe presentou por primeira vez os pensamentos seminais que estivera preparando na súa mente durante un ano, a idea da maquinaria molecular 'irredutibelmente complexa'."[6]
Nancy Pearcey, membro do Centro para a Ciencia e a Cultura e asociada de Johnson, recoñece o liderado de Johnson no movemento do deseño intelixente en dúas das súas máis recentes publicacións. Nunha entrevista con Johnson para a revista World, Pearcey di: "Non é só na política onde os líderes forxan movementos. Phillip Johnson desenvolveu o que se chama Movimento do deseño intelixente". [7] En Christianity Today, revela as crenzas relixiosas de Johnson e a súa animosidade contra a evolución e afirma que Johnson é "o portavoz non oficial do DI" [8]
No seu libro de 1997 Defeating Darwinism by Opening Minds Johnson resumiu a filosofía subxacente da estratexia:
"De entendermos os nosos propios tempos, saberemos que deberiamos afirmar a realidade de Deus desafiando a dominación do materialismo e do naturalismo no mundo da mente. Coa axuda de moitos amigos eu desenvolvín unha estratexia para facer iso... Nós chamamos a nosa estratexia a estratexia da 'cunha'". (Defeating Darwinism by Opening Minds. pp. 91-92.)
Na "Conferencia Reclamando a América para Cristo" de 1999 [9] convocada polo Reverendo D. James Kennedy da Coral Ridge Ministries, Johnson pronunciou un discurso chamado How the Evolution Debate Can Be Won [10]. Nel resume os fundamentos teolóxicos e epistemolóxicos do deseño intelixente e da súa estratexia para vencer na batalla:
"Falar dunha evolución intencionada ou guiada é non falar de evolución de todo. Iso é creación lenta. Cando vostede a entende dese xeito, vostede se dá de conta de que a teoría darwiniana da evolución contradí non só o libro da Xénese, senón cada palabra da Biblia do inicio ao fin. Contradí a idea de que estamos aquí porque un creador provocou a nosa existencia para un propósito. Iso foi a primeira cousa da que me din de conta, e iso contén un significado tremendo."E continúa declarando:
"Eu construín un movemento intelectual nas universidades e igrexas que chamamos A Cuña, que se ofrece a estudosos e publicacións que fomentan este programa de cuestionar as bases materialistas da ciencia. Un libro moi famoso que saíu da Cuña é o de Michael Behe, ''A Caixa negra de Darwin'', que tivo un enorme impacto no mundo científico." ..."Agora, o xeito de como eu vexo a lóxica do noso movemento é así. A primeira cousa que vostede entende é que a teoría darwiniana non é verdadeira. É descualificada por toda a evidencia e a lóxica é terríbel. Cando vostede se dá de conta diso, a pregunta seguinte que se lle ocorre é, ben, onde vostede podería obter a verdade? Cando eu prego a partir da Biblia, como frecuentemente fago nas igrexas aos domingos, non comezo coa Xénese. Comezo co Xoán 1:1. No inicio era o verbo. No inicio era a intelixencia, o propósito e a sabedoría. A Biblia entendeu iso correctamente. E os científicos materialistas están enganándose".
Johnson cita que a fundación do deseño intelixente é o Libro de Xoán da Biblia, especificamente, Xoán 1:1: "No inicio era o Verbo, e o Verbo estaba con Deus, e o Verbo era Deus."
Elaborando os obxectivos e métodos da estratexia da cuña, Johnson declarou nunha entrevista realizada en 2002 para a Touchstone Magazine que "o mecanismo da estratexia da cuña é facela atraente para católicos, ortodoxos, protestantes non fundamentalistas, xudeus tradicionais, e así sucesivamente." Continuou:
"Entón a pregunta é: 'Como vencer?' Foi cando eu comecei a desenvolver o que agora se vé plenamente madurecido na estratexia da 'cuña': 'Atéñase á cousa máis importante', o mecanismo e a construción da información. Saque a Biblia e o libro da Xénese do debate porque vostede non quere levantar a dicotomía Biblia—ciencia. Formule o argumento de tal forma que vostede pode facela oír na academia secular e de tal forma que tenda a unificar os disidentes relixiosos. Iso significa concentrarse en: 'É preciso un Creador para facer a creación, ou a natureza pode facela por si mesma?' e rexeitar ser desviado para outros asuntos, o que as persoas sempre están tentando facer". [11]
Outras declaracións de Johnson recoñecen que o obxectivo do movemento do deseño intelixente é promover unha axenda teísta e creacionista moldeada como un concepto científico.
- "A nosa estratexia foi mudar o asunto un pouco de forma que poidamos levar o tema do deseño intelixente, que en verdade significa a realidade de Deus, diante do mundo académico e dentro das escolas." [12]
- "En verdade isto non é nin nunca foi un debate sobre ciencia. É sobre relixión e filosofía."[13]
- "O obxectivo (da estratexia da cuña) é convencer ás persoas de que o darwinismo é inherentemente ateísta, e desprazando o debate de 'creacionismo vs. evolución' para a 'existencia de Deus vs. a non existencia de Deus'. Desde aí, as persoas se presentan á verdade 'da Biblia' e entón á 'cuestión do pecado' e finalmente son 'presentadas a Xesús'".[14]
As declaracións de Johnson validan as críticas daqueles que alegan que o Discovery Institute e as súas organizacións aliadas están só retirando o contido relixioso das súas alternativas creacionistas antievolucionistas como unha forma de evitar prohibicións derivadas da Primeira emenda ao ensino do creacionismo. As declaracións cando se ven á luz do Documento da cuña mostran que o Deseño intelixente e o Movemento do deseño inteloxente son unha tentativa de aplicar unha pátina de secularidade sobre o que é unha crenza fundamentalmente relixiosa.[22]
A estratexia da cuña deseña un ataque simultáneo aos Consellos estatais de educación, lexislaturas estatais e federais e aos medios impresos e difundidos.[23] Actualmente o Discovery Institute está executando a estratexia a través do seu papel no Movemento do deseño intelixente, onde promove agresivamente o DI e a súa campaña Divulgue a controversia para o público, funcionarios de educación e creadores de políticas públicas.[24] Propoñentes do deseño intelixente, a través do Discovery Institute, empregaron gran número de estratexias e tácticas políticas específicas na promoción dos seus obxectivos. Estas varían desde tentativas a nivel estatal para minar ou remover completamente a presenza da teoría evolucionista das aulas das escolas públicas, facer que o goberno federal ordene o ensino do deseño intelixente, até "inchar" os Consellos Escolares dos municipios, condados e estados con propoñentes do DI.[25]
O Discovery Institute foi un axente significativo en moitos destes casos, fornecendo unha gama de apoio desde a asistencia material a representantes electos federais, estatais ou rexionais na elaboración de proxectos de lei, até o apoio a pais individuais enfrontados cos seus Consellos Escolares.[26] Nalgunhas batallas estatais, os vínculos dos propoñentes do deseño intelixente coa axenda política e social do Discovery Institute e a súa estratexia e o papel do instituto no debate puxéronse ao descuberto para o público e os lexisladores, resultando así que os seus esforzos foron temporaralmente frustrados. O Discovery Institute asume a visión sofisticada de que toda publicidade é boa e que ningunha derrota é real. Relaxou a súa campaña para promover un currículo científico incluíndo o DI, e nalgúns casos pediu que non se tomara en consideración, en favor da exixencia de que os profesores de ciencias presentaran a evolución como unha "teoría en crise"; noutras palabras, divulgue a controversia. A estratexia é pasar, implacabelmente, de batallas sobre pautas na redacción de currículos, á adopción de libros didácticos, e todo, novamente, facendo o posíbel para minar a posición central da evolución na bioloxía.
Os membros do Discovery Institute teñen vantaxes significativas en diñeiro, sofisticación política e experiencia sobre os seus opoñentes nas comunidades científicas e educativas, que non teñen o beneficio do financiamento de benfeitores, grupos de apoio de clérigos e técnicos, campañas de publicidade dispendiosas e unha ampla rede de contactos políticos.[27][28][29]
A campaña "Divulgue a controversia" do Discovery Institute está concibida para facer que o establishment científico pareza intolerante a novas ideas, como se estivese tentando asfixiar e suprimir novos descubrimentos científicos que desafían o status quo. Isto faise co coñecemento de que é improbábel de que moitos no público comprendan bioloxía avanzada, ou poidan consultar a literatura científica existente, ou contactar con organizacións científicas de prestixio para verificar as alegacións do Discovery Institute. Esta parte da estratexia tamén xoga en correntes subterráneas de antiintelectualismo e desconfianza na ciencia e nos científicos que pode haber en segmentos particulares da sociedade americana.[30]
Hai un conflito notábel entre o que os que apoian ao DI din ao público a través dos medios e o que din diante de audiencias cristiás conservadoras.[31] Isto é estudado e deliberado, como avogado, polo autor da estratexia da cuña Phillip E. Johnson.[32][33] Ao falar para unha audiencia de público xeral e para os medios, os propoñentes do DI moldean o DI como unha teoría científica secular. Mais ao falar para o que o Documento da cunha chama a súa "audiencia natural, é dicir, os cristiáns conservadores", os propoñentes do DI exprásanse en linguaxe inequivocamente relixiosa. Isto na crenza de que non poden permitirse o luxo de alienar aos seus partidarios e principais fontes de financiamento, virtualmente todos eles organizacións relixiosas conservadoras e individuos tales como Howard Ahmanson.[23]
Escribindo extensamente sobre o DI, o filósofo da ciencia Robert Pennock di: "Ao facer lobby para o DI nas escolas públicas, os membros da cuña ás veces negan que o DI faga ningunha alegación ao respecto da identidade do deseñador. É irónico que a súa estratexia política os leve a negar a Deus na praza pública máis veces do que Pedro fixo."[34]
Alén diso, os defensores da cuña agora están desaprobando a súa propia terminoloxía porque o termo "deseño intelixente" acabou sendo para eles un inconveniente desde a sentenza do caso Kitzmiller vs. Distrito escolar da área de Dover.[35] A causa do éxito da campaña de relacións públicas do Discovery Institute en facer do "deseño intelixente" unha expresión de uso doméstico e da sentenza no caso Kitzmiller vs. Distrito escolar da área de Dover de que o DI é esencialmente relixioso na súa natureza[36] máis persoas o recoñecen como o concepto relixioso do creacionismo. Tendo chegado preto de conseguir introducir o DI nas clases de ciencias das escolas públicas en Kansas e Ohio, onde conseguiran facer que o Consello Estatal de Educación adoptase plans de estudo co DI, os propoñentes do deseño intelixente defenderon o "divulgue a controversia" como unha alternativa legalmente defendíbel ao ensino do deseño intelixente. A sentenza de Kitzmiller tamén considerou "divulgar a controversia" como parte da mesma táctica relixiosa que a presentación do deseño intelixente como unha alternativa á evolución.[37] Isto provocou un cambio para unha posición de retirada, ensinando a "análise crítica" da teoría evolucionista. Ensinar a "análise crítica" vese como un medio de ensinar todos os argumentos do DI sen ter que usar ese rótulo.[38] Iso tamén retoma os temas da estratexia de divulgue a controversia, enfatizando que o que eles din son os "puntos fortes e débiles" da teoría evolucionista e os "argumentos contra a evolución", que retratan como unha "teoría en crise".
A estratexia da cuña chamou a atención de grupos opostos aos movementos do deseño intelixente na medida en que o documento parece avogar por unha estratexia particularmente estridente para promover unha ampla gama de ideas politicamente conservadores que parecen non ter relación coa cuestión da ciencia. En resposta, o Discovery Institute publicou un documento titulado The "Wedge Document: So What?" para neutralizar moitas das alegacións dicindo que:
"Desde a década de 1960, cando o Consello de Relacións Exteriores foi tachado de comunista pola John Birch Society, un grupo de ideas non inspira tanto interese obsesivo nos seus opoñentes." [21]
Declara que o documento orixinal foi só unha proposta para procurarar fondos, e critica aos seus opoñentes polo que cre ser acusacións sen fundamento. Alágase que a estratexia da cuña é unha oposición á filosofía a priori dominante e un apoio á liberdade interpretativa dos científicos. O obxectivo da estratexia descríbese como "influír na ciencia e na cultura coas nosas ideas a través da investigación, da argumentación razoada e do debate aberto.
A súa resposta en "Wedge Document: So What?" describe a axenda relixiosa que eles perseguen:
"Cremos que a visión do mundo materialista que dominou a vida intelectual occidental desde o século XIX é falsa e queremos refutala. Ademais diso queremos reverter a influencia de tal pensamento materialista sobre a nosa cultura." [21]
Falando en outubro de 2002, William Dembski do Discovery Institute di:
"A metáfora da cuña sobreviviu máis alá da súa utilidade. De feito, con críticos do DI como Barbara Forrest e Paul Gross escribindo libros como Evolution and the Wedge of Intelligent Design: The Trojan Horse Strategy, a metáfora da cuña até mesmo tornouse un inconveniente. Seguramente, os nosos críticos tentarán continuar a xogar a metáfora da cuña (e especialmente o notorio documento da cuña) na nosa cara. Mais a cuña precisa verse como un propedéutico, como unha anticipación e preparación para un programa de investigación de deseño teorético positivo que revigorice a ciencia e renove a cultura." [39]
Mentres, como sinalou un crítico,
"É unha estraña revolución científica que busca establecer as súas posicións nos currículos das escolas secundarias antes que a investigación en si se realice. Mais este impedimento obvio remóvese se a revolución se basea nunha redefinición da ciencia en vez de basearse en novas inmvestigacións." [40]