Eumalostráceos Eumalacostraca | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cancer pagurus | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Superordes | |||||||||||||
A dos eumalacostráceos (Eumalacostraca) é unha subclase de crustáceos da clase dos malacostráceos. Agrupa unhas 42 000 especies,[1][2] o que representa case todos os malacostráceos coñecidos, e case os dous terzos dos crustáceos. Comprende, entre outros, a orde dos decápodos, que inclúe a maioría das especies de marisco máis consumidas polo ser humano e, por tanto, con máis interese biolóxico, pesqueiro e comercial.
Os eumalacostráceos teñen o corpo dividido en 19 segmentos ou metámeros: 5 cefálicos (cefalonitos), 8 torácicos (toracómeros) e 6 abdominais, na cola ou pleon (pleonitos). Esta estrutura corporal coñécese como facies caridoide, termo cuñado por William Thomas Calman en 1909.[3] Os apéndices torácicos están articulados e os animais utilízanos para nadar ou para camiñar. Crese que o seu antepasdo común tiña unha casca, e a maioría das especies viventes posúena, pero perdeuse nalgúns subgrupos.
Na maioría dos eumalacostráceos os primeiros segmentos do tórax fusiónanse coa cabeza, formando o chamado cefalotórax, de xeito que o tórax parece que teña menos segmentos; por exemplo, nos decápodos, os tres primeiros segmentos torácicos están fusionados coa cabeza e o tórax parece que teña só cinco toracómeros; fálase entón de pereion; o pereion é, pois, o conxunto dos segmentos torácicos non fusionados coa cabeza, e os seus apéndices denomínanse pereiópodos.
Os apéndices dos segmentos fusionados non desaparecen, senón que se transforman en maxilípedos que colaboran no procesado dos alimentos; seguindo co exemplo dos decápodos, con tres toracómeros fusionados e cinco libres (pereion), posúen tres maxilípedos e cinco pereiópodos. Os pereiópodos úsanse para camiñar (grupo Reptantia) ou para copular, e o último segmento do pleon, o telson, axudado polo resto de pleópodos, para nadar (grupo Natantia).
Como a maioría dos crustáceos, os eumalacostráceos realizan a excreción a través de auténticos nefridios situados xunto á boca (glándulas maxilares) ou na base das antenas (glándulas antenais).
Este taxon foi descrito en 1892 polo zoólogo austríaco Karl Grobben, especialista en carcinoloxía.[4]
O termo do latín científico Eumalacostraca está formado polo elemento eu-, adaptación do do grego antigo εύ-, derivado do adverbio εὖ, acusativo singular neutro de ἐΰς, "bo", "auténtico", "exacto",[5] unido ao termo Malacostraca. Literalmente: "os verdadeiros malacostráceos". (O termo Malacostraca fora cuñado polo zoólogo francés Pierre André Latreille en 1802, e está formado polos elementos malac-, tirado do grego antigo μαλακός malakós, "brando", -ostraca, derivado do grego ὄστρακον óstrakon, "cuncha", rematado todo o termo na desinancia latina -a, indicando substantivo neutro plural).
A clasificación dos crustáceos sempre foi complicada e moi controvertida. En 2001 Martin e Davis estableceron a seguinte clasificación de supeordes e ordes para os eumalacostráceos.[6]
Subclase Eumalacostraca Grobben, 1892
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eumalacostráceos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Eumalacostráceos |