Unha exostose é unha formación de óso novo na superficie dun óso. As exostoses poden causar dor crónica que varía desde suave a moi severa e debilitante, dependendo da forma, tamaño, e localización da lesión. Atópanse xeralmente nas costelas en forma de pequenas excrecencias, aínda que tamén poden aparecer lesións de maior tamaño nos nocellos, xeonllos, ombreiros e cadeiras. Son moi raras nos ósos do cranio.
As exostoses en ocasións presentan forma de esporón, tales como os esporóns calcáneos.
As infeccións óseas poden provocar exostoses nos ósos adxacentes. O pé de Charcot tamén causa tipicamente estas exóstoses, que poden chegar a ser clinicamente significativas.
Os osteofitos son protusións óseas que aparecen secundariamente á dexeneración articular producida pola artrose ou osteoartrite.[1] Con todo, non se diferencian significativamente das exostoses.[2]
Atopáronse exostoses en ósos fósiles, estudados polos paleopatólogos, especialistas en lesións e enfermidades antigas. Existen rexistros de exostoses en múltiples especies de dinosauros, tales como Acrocanthosaurus atokensis, Albertosaurus sarcófago, Allosaurus fragilis, Gorgosaurus libratus, e Poekilopleuron bucklandii.[3]