A expedición de Burke e Wills foi unha expedición de exploración organizada en Australia pola Royal Society of Victoria en 1860-1861. Estaba formada por 19 homes dirixidos por Robert O'Hara Burke e William John Wills, e tiña como obxectivo cruzar por terra o continente australiano desde Melbourne, no sur, até o golfo de Carpentaria, no norte, a unha distancia de ao redor de 3 250 km.[1]
Nese momento, a maior parte do interior de Australia non fora explorado por persoas non indíxenas e era descoñecido para os colonos europeos.
A expedición partiu de Melbourne en inverno. O mal tempo, os camiños en mal estado e os carromatos avariados causaron que ao principio progresaran lentamente. Despois de dividir o grupo en Menindee, ás beiras do río Darling, Burke fixo un bo progreso, chegando ao río Cooper (Cooper Creek) a principios do verán.
A expedición estableceu un campamento cun almacén e un agocho de víveres no río Cooper, e Burke, Wills e outros dous homes avanzaron cara a costa norte (aínda que os pantanos próximos a ela lles impediron chegar á mesma liña costeira setentrional).
A viaxe de regreso estivo chea de demoras, moi afectada polas chuvias monzónicas e, cando chegaron ao depósito no río Cooper, descubriron que fora abandonado só unhas horas antes. Burke e Wills morreron aproximadamente o 30 de xuño de 1861, a causa dunha deficiencia de tiamina provocada polo consumo dun nardoo mal preparado (o nardoo, ou ngardu era o esporocarpo do fento Marsilea drummondii, que era comido polos aborixes).[2][3][4]
Enviáronse varias expedicións de socorro, todas elas realizando novos achados xeográficos. En total, sete homes perderon a vida, e só un home, o soldado irlandés John King, cruzou o continente coa expedición e regresou vivo a Melbourne.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Expedición de Burke e Wills ![]() |