Explorer 6 / S-2 | |
---|---|
Explorer 6 | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Data de lanzamento | 7 de agosto de 1959, 14:24 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Thor Able III[2][4] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 17A[2][5] |
Obxectivo da misión | Estudo dos campos magnéticos e partículas.[2][5] |
Decaemento | 30 de xuño de 1961[1] |
NSSDC ID | 1959-004A |
Masa | 64,4 kg[4] |
Explorer 6, tamén coñecido como S-2, foi un satélite artificial da NASA lanzado o 7 de agosto de 1959 mediante un foguete Thor Able III desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[2][4][5]
A misión de Explorer 6 foi estudar a radiación atrapada en varios rangos de enerxía, os raios cósmicos galácticos, o xeomagnetismo, a propagación das ondas de radio na atmosfera superior e o fluxo de micrometeoritos. A bordo ía tamén unha cámara rudimentaria para fotografar a cuberta nubosa da Terra.[2][4][5]
O satélite estabilizábase mediante xiro a 2,7 revolucións por segundo e tiña forma de esfera con catro paneis solares estendéndose desde o corpo principal. Tódolos experimentos excepto a cámara tiñan dous tipos de saída: analóxica e dixital. Para o sinal dixital e da cámara usábase un transmisor en UHF (que funcionaba só unhas horas ao día), mentres que para o sinal analóxico se usaban dous transmisores VHF (que podían funcionar de maneira continua).[2][4][5]
Unha vez en órbita só tres dos catro paneis solares quedaron despregados, co que o satélite viu reducida a enerxía dispoñible. A redución de enerxía afectou a calidade dos datos recollidos ao reducir a proporción sinal-ruído. Un dos transmisores VHF fallou o 11 de setembro de 1959. O contacto co satélite perdeuse definitivamente o 6 de outubro dese mesmo ano. En total recolléronse 827 horas de datos analóxicos e 23 horas de datos dixitais durante a misión.[2][4][5]
Explorer 6 reentrou na atmosfera e destruíuse o 30 de xuño de 1961.[1][5]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Explorer 6 |