O Exército Cidadán Irlandés (ICA; en inglés, Irish Citizen Army; en gaélico irlandés, Am Na Saorànach) foi unha organización armada irlandesa, republicana, nacionalista e de esquerdas, que operou na illa entre 1913 e 1922, xogando un importante papel no Alzamento de Pascua de 1916.
Foi fundado en 1913 por James Larkin e Jack White á calor da folga xeral iniciada por un conflito laboral na compañía de tranvías de Dublín duramente reprimida pola policía británica. Esta represión levou aos dirixentes sindicais a considerar a necesidade de organizar unha milicia que defendese aos folguistas e que finalmente cristalizaría na fundación do ICA.
Tras o arresto de Jack White en 1914, James Connolly asumiu a dirección da organización. Xunto con outras organizacións independentistas irlandesas, como a Irmandade Republicana Irlandesa ou os Voluntarios Irlandeses, protagonizou o Alzamento de Pascua o 24 de abril de 1916. Tras unha semana de combates, os rebeldes foron derrotados e James Connolly executado.
Logo da Guerra de Independencia Irlandesa (1919 - 1921), o groso do ICA se opuxo ao tratado de paz, participando na Guerra Civil Irlandesa. A derrota dos antitratado supuxo a desaparición na práctica da milicia, aínda que formalmente seguiu existindo ata mediados dos anos trinta.