FC Deportivo Galicia | |
---|---|
Nome | Football Club Deportivo Galicia |
Alcume(s) | Depor |
Fundación | 1968 |
Estadio | Bedfont Recreation Ground, Bedfont |
Capacidade | 3 000 espectadores |
Presidente | Ino Canto |
Adestrador | Leo Decabo |
Liga | Primeira División da Combined Counties Football League |
2020/21 | Tempada abandonada debido á pandemia de COVID-19 |
Na rede | |
https://www.fcdeportivogalicia.com/ | |
![]() ![]() ![]() | |
O Football Club Deportivo Galicia é un club de fútbol de Londres, Inglaterra. Fundado en 1968 por emigrantes galegos, milita na Primeira División da Combined Counties League, o noveno nivel do sistema de ligas de fútbol de Inglaterra. Xoga os seus partidos como local no Bedfont Recreation Ground de Bedfont.
Foi fundado en 1968 por un grupo de emigrantes galegos en Londres, co nome de Centro Gallego de Londres, e comezou a xogar na West Fulham League, con Max García como adestrador.[1][2] Unha escisión durante a tempada 1971/72 provocou a formación doutro club co nome de FC Deportivo Galicia, fusionándose os dous clubs baixo este último nome en 1975, momento no que xogaban na Harlesden Sunday League.[2] O equipo tivo como un dos seus primeiros adestradores ao coruñés Paco Cagigao,[1] pai de Francis Cagigao, tamén xogador do club.[3]
En 1995 pasou á Segunda División da Middlesex County League. Na súa primeira campaña, o Deportivo Galicia proclamouse campión, logrando o ascenso á Primeira División.[4] Foron subcampións da Primeira División na tempada seguinte e ascenderon así á Premier Division.[4]
Estivo a piques de desaparecer a mediados da década de 2000, pero conseguiu manterse con vida grazas aos esforzos de dous veteranos xogadores do equipo, Leo Decabo e José Manuel Andón.[5] Decabo, nacido en Londres e fillo de nai de Camariñas e pai de Cea,[6] colgou as botas e converteuse no adestrador do equipo.[7] Tras uns anos difíciles,[8] na tempada 2016/17 o equipo proclamouse campión de liga e subcampión de copa e acadou o ascenso á Combined Counties League.[7]
O club ten xogado en varios campos diferentes, entre eles o Osterley Sports Club do CB Hounslow United.[2] En 2015 trasladáronse ao Silver Jubilee Park de Edgware Town, antes de establecerse no Bedfont Recreation Ground ao ano seguinte.