Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 10 de xuño de 1966 (58 anos) Mutum, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2009 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Fabiano Soares Pessoa, nado o 10 de xuño de 1966 en Río de Xaneiro, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol brasileiro. Xogaba de centrocampista e desenvolveu a maior parte da súa carreira en Galicia. Foi a maior estrela e líder indiscutible da mellor época histórica do Compostela, co que chegou a militar catro tempadas na Primeira División durante a década de 1990.[1] É o segundo xogador con máis partidos disputados na historia do club (364) e o que máis veces vestiu a súa camiseta en Primeira (146). Militou tamén no o Botafogo, o Celta de Vigo e o Racing de Ferrol entre outros.
Como adestrador dirixiu varios clubs, tanto en Galicia como en Portugal, o Brasil e Corea do Sur, e pasou ata tres veces polo banco do Compostela.
Comezou a xogar ao fútbol nas rúas do seu Río de Xaneiro natal, ata que conseguiu pasar unha proba para entrar na canteira do Botafogo, despois de tentalo sen éxito nas do Fluminense e do Vasco da Gama.[2] En 1986 debutou co primeiro equipo pero o club non apostou por el, preferindo cedelo a outros conxuntos.[2] En 1988 xogou no estado de Minas Xerais, cedido no Fabril e no Cruzeiro, antes de pasar a comezos de 1989 ao São José, tamén en préstamo. No equipo de São José dos Campos participou da mellor tempada da historia do club, acadando a final do Campionato Paulista, onde caeu derrotado no Morumbi ante o São Paulo de Carlos Alberto Silva.[2]
En xullo de 1989 fichou polo Celta de Vigo, co que debutou o 6 de setembro do mesmo ano, nun partido da Copa do Rei ante a UD Las Palmas no Estadio Insular, ingresando ao campo na segunda parte como substituto de Mosquera. Once días despois produciuse a súa estrea na Primeira División, fronte ao Athletic Club en San Mamés. Na segunda metade da tempada asentouse na titularidade e conseguiu o seu primeiro gol nunha goleada por 5-1 sobre o Cádiz en Balaídos. Con todo, o equipo acabou penúltimo e perdeu a categoría.
Titular indiscutible durante os seguintes dous anos en Segunda División, acadou os 114 partidos coa camiseta celeste e anotou un total de 17 goles, a maioría deles dende o punto de penalti. Na tempada 1991/92, con Txetxu Rojo como adestrador e Gudelj como gran goleador, o equipo vigués proclamouse campión de Segunda, conseguindo así regresar á Primeira División.[2] Fabiano negociou entón co Celta a súa renovación, pero non chegou a ningún acordo e acabou enfrontado ao vicepresidente Salvador González.[2] Enfadado pola situación, decidiu deixar o club e aceptar unha oferta que o Compostela lle fixo a través do seu xerente, Fidalgo, despois de que este coñecese o malestar do xogador nunha visita a Vigo.[2]
Peza fixa no centro do campo do equipo de Fernando Castro Santos, disputou un total de 39 partidos durante a súa primeira tempada en Santiago, marcando cinco goles. Na seguinte campaña contribuíu con seis goles ao histórico primeiro ascenso do club á Primeira División, despois de que o equipo rematase a liga en terceira posición e vencese ao Rayo Vallecano na promoción. Foi titular indiscutible durante as seguintes catro tempadas na máxima categoría do fútbol español, tanto con Castro Santos como técnico como co seu sucesor no banco, Fernando Vázquez. Disputou un total de 146 partidos co Compostela en Primeira, sendo o futbolista con máis partidos da historia do club na categoría, con catro máis que o segundo na táboa, o seu compañeiro Franck Passi.[3]
Tralo descenso do Compostela na tempada 1997/98, xogou tres anos máis na capital galega, actuando como capitán, ata que o club sufriu un novo descenso na campaña 2000/01, desta vez á Segunda División B. A pesar de renovar co Compos para xogar na división de bronce, en xullo de 2001 recibiu unha oferta millonaria do Botafogo, o que sumado a circunstancias familiares, fixo que se desvencellase do club galego perdoando o diñeiro que este lle debía e regresase á súa cidade natal e ao equipo no que comezara a súa carreira.[4][5]
No club alvinegro atrasou a súa posición, xogando como home libre por diante da defensa.[6] Disputou o Campionato Brasileiro de 2001 e d Campionato Carioca de 2002, actuando como titular e capitán do equipo.[6][7] O seu contrato co Botafogo rematou en xullo de 2002, momento no que José María Caneda, presidente do Compostela, que acababa de regresar á Segunda División, conseguiu fichar de novo ao xogador, despois de meses tentándoo.[7]
A súa segunda etapa no club santiagués durou unha tempada, e a pesar dos seus 36 anos, disputou como titular case todos os partidos de liga. O 21 de xuño de 2003, ante o Levante, disputou o seu 364º e derradeiro encontro coa camiseta branquiazul e marcou o seu gol número 47. Deixou o Compostela como o segundo xogador con máis partidos da súa historia, superado só polos 384 de Bellido.[8]
En agosto de 2003, tralo descenso administrativo do Compostela, confirmouse a fichaxe de Fabiano polo Racing de Ferrol, club da Segunda División B. Co equipo adestrado por Luis César Sampedro disputou 30 encontros, 25 deles como titular, e marcou dous goles, contribuíndo ao ascenso do club á categoría de prata. A continuación puxo fin á súa carreira como futbolista, aos 38 anos de idade.[9]
En 2005 comezou a súa carreira como adestrador, tomando as rendas dos xuvenís do CD Estradense e en setembro de 2006 foi presentado como adestrador do Compostela, nesa campaña en Rexional Preferente, tras a volta de José María Caneda ao club.[10] Con todo, dimitiu só tres meses despois.[11] En febreiro de 2007 pasou a dirixir durante dous meses ao Bergantiños,[12] e en outubro de 2009 regresou á SD Compostela, desta vez en Segunda B, trala destitución de Chus Baleato.[13] Non conseguiu salvar o equipo, que acabou descendendo á Terceira División. Na tempada 2010/11 dirixiu ao Estradense en Terceira, obtendo o 12º posto da táboa.
En 2011 asinou co Estoril, entón na Segunda División portuguesa, como segundo adestrador de José Couceiro. Tras a saída deste en marzo de 2015 pasou a exercer como adestrador xunto a Hugo Leal.[14] Tras o remate da tempada continuou outro ano e medio como adestrador en solitario, ata a súa destitución en decembro de 2016.[15]
En xullo de 2017 foi anunciado como novo adestrador do Atlético Paranaense,[16] club do Campionato Brasileiro que estaba ao bordo do descenso, e conseguiu salvar con relativa comodidade a categoría. En xaneiro de 2019 fichou como novo adestrador do Jeonnam Dragons, na segunda división surcoreana, club no que estivo ata xullo.[17] En abril de 2021 regresou ao fútbol brasileiro, como novo adestrador do Barra de Balneário Camboriú, pero foi destituído só dous meses despois, pouco antes do inicio da Serie B do Campionato Catarinense.[18] En abril de 2022 sentou no banco do Vitória, que militaba na Serie B do Campionato Brasileiro, ocupando postos de descenso á Serie C.[19] Conseguiu sacar o equipo das posicións de descenso, pero aos dous meses da súa chegada foi cesado do seu cargo, despois de tres vitorias, dous empates e catro derrotas en nove partidos.[20]
En xullo de 2022 iniciou a súa quinta etapa no Compostela, a terceira como adestrador, collendo a remuda de Rodri Veiga, técnico durante a campaña anterior. Dirixiu o equipo branquiazul durante 27 xornadas de liga, ata que foi cesado en marzo de 2023, ocupando nese momento a terceira posición da Segunda División RFEF, un punto por debaixo do Guijuelo e a 14 do líder, o Arenteiro.[21]