Os factores estimulantes de colonias (CSFs, do inglés Colony-stimulating factor) son varios tipos de glicoproteínas citocinas reguladoras, que se unen a receptores situados na superficie de células nai hematopoéticas, o que activa nestas unhas vías de sinalización intracelular que poden causar que proliferen e se diferencien nun tipo específico de célula sanguínea, xeralmente glóbulos brancos. Os seus estímulos non son só proliferativos senón que tamén regulan funcionalmente a actividade das células.[1] Segréganos moitos tipos celulares, maiormente, células inmunitarias.
Aínda que os CSFs son funcionalmente similares, as súas secuencias non o son, e non se cre que deriven evolutivamente dunha molécula antepasada común.[1]
Poden ser sintetizados e administrados exoxenamente, xa que existen varios fármacos de análogos deles.
O nome "factores estimulantes de colonias" (ou "das colonias") procede do método que se utilizou para o seu descubrimento. O que se facía era cultivar células nai hematopoéticas nunha matriz semisólida, que impedía que as células se movesen, para que, se unha soa célula empezase a proliferar, todas as células derivadas dela permanecesen agrupadas arredor do punto da matriz onde se encontraba a célula inicial. Estes grupos de células son as denominadas "colonias." Aos cultivos de células nai hematopoéticas engadíaselles diversas substancias e despois examinábase cal delas estimulaba a produción de colonias e cal non e que tipo de colonias se orixinaban. Así, por exemplo, a substancia que estimulaba a formación de colonias de macrófagos era denominada factor estimulante de colonias de macrófagos, e de xeito similar noutros casos.
Os factores estimulantes de colonias son solubles, a diferenza doutras substancias unidas a membranas presentes no microambiente hematopoético. Transducen sinais por sinalización parácrina, endócrina, ou autócrina.
Entre os factores estimulantes de colonias están:
Alberts, Bruce; et al. (2002). Molecular Biology of the Cell (4th ed.). New York, NY: Garland Science. ISBN 0-8153-4072-9.