Feitos de Tomé é un texto de principios do século III, considerado un dos evanxeos apócrifos. É unha serie de feitos episódicos acontecidos durante a misión evanxelizadora de Xudas Tomé ("Xudas o Xemelgo") na India. Remata co seu martirio cando morre atravesado por lanzas, por espertar a ira do rei Misdeo ou Mazdaï (Vasudeva I). Consérvanse fragmentos doutros catro ciclos de narracións sobre o apóstolo Tomé, mais este é o único completo. Aínda que Gregorio de Tours fixo unha versión, a corrente central da tradición cristiá rexeita os Feitos de Tomé como pseudepigráficos e apócrifos, e pola súa banda, a Igrexa Católica Romana finalmente confirmou os Feitos como heréticos no Concilio de Trento[1]. Non debe ser confundido cos máis antigos "ditos" do Evanxeo de Tomé. "Como outros feitos apócrifos que combinan lendas populares e propaganda relixiosa, a obra tenta entreter e instruír. Amais de narracións sobre as aventuras de Tomé, o seus elementos poéticos e litúrxicos proporcionan importantes datos das primitivas tradicións cristiás sirias".[2]
Referencias á obra feitas por Epifanio de Salamina demostran que os Feitos de Tomé xa circulaban no s. IV. Pese a ser un texto considerado herético e apócrifo desde o s. VI, sobreviviu á destrucións que outros apócrifos non, e hoxe hai numerosos manuscritos completos redactados en grego e en siríaco (unha variante do arameo)[3]. Hai moitos fragmentos que tamén se conservaron. Os estudosos deducen do texto grego que o orixinal foi escrito en siríaco, o que localiza a redacción da obra en Siria, na rexión de Edesa.[4] Os manuscritos siriacos sobreviventes, porén, foron editados para purgalos da maioría das pasaxes gnósticas abertamente heterodoxas, polo tanto as versións gregas reflictan as tradicións máis antigas. Mais, a pesar desta afirmación da precedencia do texto siríaco, non está pechada a cuestión, pois aínda que a versión siriaca sexa a máis antiga e a versión grega derive dela, o contido dalgúns manuscritos suxire a existencia dun orixinal grego perdido.[5]
A versión grega, case igual de antiga, foi reproducida en moitos manuscritos: existe unha tradución armenia, outra etíope e traducións latinas.[6]
Entre os manuscritos siríacos o máis antigo é un palimpsesto fragmentario (Sinai 30) do s. V ou VI, mentres a copia completa máis antiga data do ano 936 (British Museum add. 14.654). Entre os manuscritos en grego, os máis antigos son só parciais e datan do s. X, mentres que os máis completos e antigos (Paris. gr. 1510 and Vallicel. B 35) datan do s. XI.[7]
O termo ad quem para a composición sería arredor do ano 225: algunhas partes da obra, particularmente o “Himno da Perla”, fan coidar nunha composición da época do Imperio Parto, dominación que acabou arredor do ano 226. É probable que a finais do s. III ou no IV os Feitos de Tomé foran refundidos, particularmente nun ambiente maniqueo.[8]
O texto sería resultado dunha elaboración complexa.[9] Os heresiólogos cristiáns detectan nel «desviacións » gnósticas e encratistas. Na obra demóstrase un certo coñecemento da India sen que sexa posible confirmar ou negar, a partir del, que Tomé efectivamente fundase a Igrexa de Kerala.[10]
Intercalado nos Feitos de Tomé en diferentes partes segundo manuscritos de diferentes tradicións hai un himno siriaco, o Himno da Perla, (ou Himno da Alma), un poema que chegou a ser moi popular entre os principais círculos cristiáns. O Himno é máis antigo que os Feitos nos que foron inseridos, e ten valor propio. O texto tamén é interrompido pola poesía doutro himno, o que comeza así: "Venide, vos santo nome do Cristo que está enriba de todo nome " (2.27).
Os manuscritos rematan coas palabras "Os feitos de Xudas Tomé o apóstolo están completos, os que realizou na India, cumprindo o mandato seu de quen o enviou. Para el sexa a gloria, mundo sen fin. Amen."
O texto divídese en capítulos:
Preséntase a Cristo como o "redentor celestial", independente e anterior á creación, quen pode liberar as almas das tebras do mundo. A visión de Xesús na obra pódese inferir como docética. Tomé non só e o xemelgo de Xesús, é o seu xemelgo idéntico. Como tal, é posible que Tomé represente o lado humano e terreal de Xesús, mentres Xesús é enteiramente espiritual no seu ser. Así, Xesús dirixe a procura de Tomé polo ceo, mentres Tomé fai o labor na terra. Por exemplo, cando os apóstolos están a sortear os lugares onde irán a evanxelizar, Tomé inicialmente refusa ir á India. Porén, Xesús aparece en forma humana para vender a Tomé como escravo a un mercador que vai á India, tras o cal Xesús desaparece.[Cómpre referencia]
Tamén na liña do pensamento docético, Xesús aparécelle a unha muller recentemente casada e fala contra as relacións sexuais, mesmo que sexan para procrear. Iso indica que o mundo espiritual é máis importante que o terreal, e polo tanto, os cristiáns non debesen sentir preocupación por procrear.[Cómpre referencia]
Na obra Tomé a miúdo é mencionado polo seu nome Xudas (o seu nome completo é Tomé Xudas Dídimo). Tanto Tomé como Dídimo significan simplemente xemelgo, e varios estudosos cren que xemelgo é só unha descrición, e non un nome.[Cómpre referencia] Os Feitos de Tomé[11][12][13][14][15] relacionan a Tomé, o ministerio indio do apóstolo, con dous reis, un no norte e outro no sur. Segundo unha das lendas dos Feitos, Tomé primeiro mostrouse reticente a aceptar esta misión, mais o Señor aparecéselle nunha visión nocturna e díxolle, “Non temas, Tomé. Vai á India e proclama a Palabra, pois a miña graza estará contigo.” Pero o apóstolo continuaba reticente, entón o Señor dispuxo circunstancias tan irresistibles que Tomé se viu forzado a acompañar a Abbanes, un mercador indio, ata o seu lugar de nacemento no noroeste da India, onde rematou ao servizo do rei indo-parto Gondofares. O ministerio do apóstolo deu por resultado moitas conversións por todo o reino, incluíndo ao rei e o seu irmán.[1]
Segundo a lenda, Tomé era un carpinteiro experto e empregárono en construír un pazo para o rei. Porén, o apóstolo decidiu dar unha lección ao monarca doando a súa paga para actos de caridade e así atesourar riquezas para a morada celestial. Coñécese pouco sobre crecemento inmediato da igrexa, pero Bar-Daisan (154–223) informa que no seu tempo había tribos cristiás no norte da India quen se afirmaban convertidas por Tomé e dicían ter libros e reliquias para probalo. Polo menos cara ao ano do establecemento do Segundo Imperio Persa (226), había bispos da Igrexa Oriental no noroeste da India, abranguendo Afganistán e Baluchistán, con laicos e clérigos ocupados en actividades misioneiras.[2]
Os Feitos de Tomé identifican a súa segunda misión na India cun reino rexido polo rei Mahadeva, un dos gobernantes dunha dinastía do s. I no sur da India. E moi significativo que, amais dun pequeno resto da Igrexa Oriental en Kurdistán, a única outra igrexa que mantivo unha identidade propia é a das congregacións dos Mar Thoma ou “Igrexa de Tomé” ao longo da costa de Malabar, no estado de Kerala, no suroeste da India. De acordo coa tradición máis antiga desta igrexa, Tomé evanxelizou esta área e logo cruzou cara a costa de Coromandel, no sueste da India, onde, despois de levar a cabo unha segunda misión, morreu en Mylapore preto de Madrás. Durante todo este período, a igrexa da India estivo baixo a xurisdición de Edesa, que entón estaba baixo o patriarcado mesopotámico de Seleucia-Ctesifón e despois de Bagdad e Mosul. O historiador Vincent A. Smith di, “Cómpre admitir que unha visita persoal do apóstolo Tomé ao sur da India foi facilmente factible na crenza tradicional de que chegou pola ruta de Socotra, onde sen dúbida existiu un asentamento cristián.”[3][16][17]
Aínda que había un activo comercio entre o Oriente Próximo e a India vía Mesopotamia e o Golfo Pérsico, no s. I, a ruta máis directa á India era a través de Alexandría e o Mar Vermello, aproveitando os ventos do Monzón, que podía levar barcos directamente desde e ata a costa de Malabar. A descuberta de grandes amoreamentos de moedas romanas do s. I e os restos de postas de comercio romanas testifican a frecuencia de tal comercio. Amais, podíanse atopar prósperas colonias xudías nos diversos centros comerciais, que así proporcionarían claras bases para o testemuño apostólico.
Reunindo as diversas tradicións, pódese concluír que Tomé abandonou o noroeste da India cando houbo ameazas de invasión e viaxou en barco á costa de Malabar, posiblemente visitando o sueste de Arabia e Socotra desembarcando no antigo e florecente porto de Muziris nunha illa preto de Cochin (c. AD 51–52). Desde alí dise que predicou o evanxeo por toda a costa de Malabar, aínda que as varias igrexas que fundou se localizaron principalmente sobre o río Periyar e os seus tributarios e ao longo da costa, onde había colonias xudías.[18] Suponse que predicou a toda clase de xente e tivo uns dezasete mil conversos, incluíndo membros das catro castas principais. Despois, levantáronse cruces nos lugares onde se fundaron as igrexas, e transformáronse en centros de peregrinación. Seguindo a costume apostólica, Tomé ordenou mestres e líderes ou anciáns, quen serían os primeiros ministros da igrexa de Malabar.