O feminismo da diferenza naceu en maio do 68 e en Europa desenvolveuse principalmente ó longo da década de 1970 (época da segunda onda do feminismo), no contexto da posmodernidade. Relacionado con grupos feministas radicais, baixo o lema ser muller é fermoso avogaba a defender da muller como diferente do home. Consideran que as mulleres non deben aspirar en converterse en homes senón que cada persoa debe ser como queira, e ter os mesmos dereitos e oportunidades. Tamén defende que as mulleres non deben imitar o patriarcalismo dos homes para ser iguais en dereitos a eles e que é toda a sociedade a que se beneficia da liberación patriarcal. Configúrase paralelamente ó feminismo postestruturalista.[1][2][3] Defende que a liberdade das mulleres se obterá a través da reivindicación da diferenza entre mulleres e homes despois de que se puxesen de manifesto as limitacións e insuficiencias do feminismo da igualdade, un feminismo de longa tradición histórica que reivindicaba a igualdade formal e xurídica sobre o fundamento da igualdade "mediante a proclamación da universalidade da categoría de suxeito, collendo como modelo para a súa elaboración os intereses parciais do cidadán-home-propietario".[4]
Nos anos 70, o feminismo da diferenza tivo moitos seguidores en Francia e Italia. En Italia, o feminismo da diferenza desenvolveuse principalmente arredor da Libraría das Mulleres de Milán; algúns textos desta libraría foron enormemente polémicos, como un no cal recomendaban ás mulleres non acudir ós tribunais de xustiza no caso de que padecesen agresións, por considerar que a xustiza é masculina. En España, a feminista da diferenza de máis relevancia foi Victoria Sendón de León, aínda que na actualidade non se considera pertencente a esta escola, senón á do feminismo integral.