Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1755 Zújar, España (pt) |
Morte | Despois de 1792 |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | monxa |
Período de actividade | 10 de abril de 1774 - 1792 |
Orde relixiosa | Orde das Clarisas Capuchinas |
Sor Fernanda Fernández, nada en Zújar (Granada) en 1755, foi unha monxa e unha das primeiras persoas intersexuais coñecidas en España.[1]
Foi educada nunha familia cristiá e, tendo vocación de relixiosa capuchina, tomou hábito o 10 de abril de 1774 con 18 anos.
Desde o comezo da súa mocidade decatouse que, ao espirrar, tusir ou facer algún esforzo extraordinario, separábase do seu órgano sexual un corpo carnoso duns 3 cm de lonxitude, que logo se volvía ocultar sen causarlle ningunha molestia. Por pudor non reflexionou sobre o fenómeno até os 32 anos, xa que se producían frecuentes desprendementos e movementos involuntarios dese corpo carnoso no seu órgano sexual.
Decidiu contarllo ao seu confesor e pediulle que a extraese do mosteiro, xa que era home e non muller. Porén, os directores que pasaron polo mosteiro no seguintes cinco anos rexeitaron a súa instancia. Atribuíron aqueles estímulos carnais a unha forte histeria e á relaxación do útero ou da vaxina do corpo estraño que tiña. O seguinte confesor, Frei Esteban Garrido, recapacitou fondamente e consultou cos mellores teólogos e físicos. Resolveu pedirlle á superiora do mosteiro que apartase a Sor Fernanda das compañeiras e a custodiase baixo chave até a resolución de Juan Manuel Moscoso y Peralta, arcebispo de Granada.[2]Informado o arcebispo por Frei Esteban Garrido, permitiu que entrase no mosteiro unha comadroa para que a recoñecese e expuxese o seu ditame. Certificouse que era home e foi extraída do mosteiro o 21 de xaneiro de 1792 con traxe de muller segrar. Tivérona nun lugar seguro até que volveu ser recoñecida por dous médicos, dous cirurxiáns e unha matrona. Entre outras cousas, atestaron:
Descubríanse baixo a rexión hipogástrica dous labios unidos na parte superior ao monte de Venus, e na inferior ao perineo, formando a rima maior. Separados os labios non se atoparon ninfas nin clítoris; pero no sitio que debía ocupar este manifestouse o conduto urinario, por onde saía ese líquido. Dúas liñas máis abaixo non se achou o orificio externo da vaxina, e no seu lugar estaba un perfecto pene demarcado o seu bálano na parte superior por unha liña membranosa, que o circunscribía, e terminaba co uréter por onde depoñía mensualmente dende os 14 aos 15 anos unha curta cantidade de sangue, expelindo tamén polo mesmo conduto un líquido seminal, cando experimentaba algunha erección ou estímulos venéreos. O pene carecía de prepucio; cando se observou tería polgada e media de lonxitude, e na súa erección asegurou chegar a tres polgadas. Na base dese membro encontráronse dúas eminencias colaterais redondas e pequenas en forma de testículos, cubiertos pola mesma túnica que interiormente cubre as partes carnosas dos labios.
En virtude do exposto afirmaron que, ao prevalecer na persoa os órganos principais do sexo masculino, debía considerarse home.
O arcebispo aceptou o ditame e anulou a profesión de Sor Fernanda Fernández. Fíxoa vestir de home e o 11 de febreiro de 1792 remitiuna aos seus pais, quen seguían vivindo en Zújar. O expediente atópase arquivado na Curia Eclesiástica de Granada.